Espazos, literatura, identidades

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

A escritora Berta Davila
A escritora Berta Davila PACO RODRÍGUEZ

«Illa Decepción», de Berta Dávila, é unha das achegas máis destacadas da autora

29 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lendo Outlet de Antón Reixa dei cun verso, no poema «Círculo Polar Ártico», no que alude á Illa Decepción. Activóuseme decontado na memoria o título do libro de Berta Dávila, galardoado co premio Repsol, que me parece unha das achegas máis destacadas entre as que deu a coñecer a compostelá.

Dávila agasállanos cunha prosa envolvente e depurada que resulta imposible deixar de seguir. Abeirada ao recurso da non ficción ou da autorrepresentación, recrea dúas tramas argumentais con inequívoca solvencia nun exercicio onde conflúen memoria e presente. Memoria porque, en boa parte da novela, particularmente a que me parece máis conseguida, a autora formúlanos ese interrogante que apela ás casas que habitamos ou que nos habitaron noutrora, ao que queda delas en nós, ou ao que nós deixamos nelas, entrelazado cun rendible e suxestivo subtema relacionado cun mangado de postais de segunda man operativo para tentar descubrir o que se oculta tras esas liñas polas que pasou tanto tempo. A segunda parte, da man de idéntica voz narrativa e ancorada no presente, explora as arestas do vínculo maternal e outros motivos de orde máis privada, en ocasións cun tratamento metafórico como cando repara nun xogo virtual de título homónimo ao libro. Velaquí un relato do tempo que o confinamento pandémico proxecta e que modifica a maneira que tiñamos de nos relacionar, e de entender o mundo.

Un libro escrito -seica- desde un pouso de sosego que enchoupa cada páxina e que constrúe, asemade, unha ricaz reflexión sobre o grao de influencia dos territorios ou espazos -en ocasións dos propios obxecto- na construción das identidades persoais e, xaora, sobre a propia literatura. Non en van afirma a autora que entende aquela como «erguer o relato do que nos pasa para situarnos dentro del». Velaí o propósito acadado con creces nesa dinámica de ir rexistrando «acontecementos» e compartilos nun afortunado libro.