María Lado: «Fixen un libro moi 'corentón', será a miña crise dos 40»

FUGAS

María Lado y Lucía Aldao forman Aldaolado
María Lado y Lucía Aldao forman Aldaolado SANDRA ALONSO

«Fíxate ben, este libro contén unha mensaxe secreta», di a poeta de Cee, que publica «Gramo Stendhal», no que xogan revoltos a beleza e o humor

26 feb 2021 . Actualizado a las 09:00 h.

Máis dun gramo de poesía pesa o novo libro de María Lado (Brens, Cee, 1979), Gramo Stendhal, no que repite co selo Apiario tras Porque Cuqui non quere ir á lavadora, ese conto para lerlles aos maiores antes de durmir no que sopra o furacán Hortensia, o primeiro, o que nos marcou aos que fomos cativos nos oitenta. «Para o mes, Aldaolado empezará a funcionar de novo», conta a metade do dúo que fai directos coa poesía, puro espectáculo.

Aldaolado agora anda algo parado. «Pero escribir pódese facer sen nada, confinada. Podemos escribir...», sorrí María.

­-«A algho cheghamos porque estamos no Luar», dixeron no programa da TVG. Aldaolado lévase ben co público normal...

-É que somos xente normal. Somos nós mesmas, aínda que na vida non somos tan chisposas. Pero si naturais. Supoño que se transmite no escenario. Divertímonos.

­-O poema non sempre se fai só...

-Claro, como é un acto de comunicación, dá presenza á persoa que nos escoita. Se hai algunha clave debe de ser esa: que o público é para nós importante.

-Forma con Lucía Aldao unha parella de feito. Cantos anos van xuntas?

-Dende o 2005 co espectáculo.

-Unha adolescencia...

-Somos a nosa relación máis longa, sempre o dicimos de coña. Pero é verdade.

-E funciona.

-Si, é un matrimonio bien avenido. Baséase na profesionalidade, claro, pero tamén na amizade. Somos estritas no profesional, e iso sendo poetas é moi complicado. Non hai un oficio de poeta profesional, a xente non o concibe. Nós traballamos xuntas no recital, pero non interferimos unha na escrita da outra. Escribir é un acto basicamente solitario, e está ben que sexa así.

-Este libro é fillo do confinamento?

-Si, porque cando estaba escribindo pilloume o confinamento. Empecei a trasnoitar (ata as doce ou a unha! Non te vaias pensar...) Atopei un cuarto propio para ler, un espazo propio que é cuarto o dos meus fillos... e o libro medrou. As sensacións do confinamento acabaron no libro, como esa premura por vivir e por facer que temos. Teño na cabeza que é un libro que fala sobre a necesidade de arriscar.

-É un poemario atrapado entre dous mundos, entre dous tempos.

-É un libro moi cuarentón. Será a miña crise dos corenta. Hai ese sentimento de non saber ben de onde es. Eu que marchei de Cee hai moitos anos, enfróntome ao territorio como unha turista case... Pero, se me preguntan, digo que son de Cee. Os meus libros falan da miña vida, de cousas que me pasaron, pero o eu poético é unha creación. Teño unha avoa que se chama Luz, si, pero uso estas cousas como vimbios para construír unha ficción. O eu poético non é a poeta. Cos poetas sempre se dá por sentado que o que escribimos é realidade. Non é así. A memoria tamén é un tipo de ficción que se elabora a través da palabra. Molábame falar do que a palabra é capaz de crear. Sempre me pasa cun amigo de toda a vida que cando contamos as nosas aventuras parecemos o típico matrimonio que foron de viaxe xuntos e cada un viviu unha viaxe distinta. A realidade a veces é insulsa. Interésame a capacidade da lingua para crear mundos.

-Xunto a dimensión metafísica, nos seus poemas atopamos un «guai», gremlins, soan Radiohead e Massive Attack...

-Si. Quixen escribir con palabras moi da rúa, incluso con tacos. Son palabras que uso moito. Eu son moi malfalada, pero fun desterrando cousas machistas, fun depurando o meu malfalar. Tiña ganas de escribir un libro con palabras normais.

-Que me di, volveu o Hortensia, deixoume apampada!

-A min deixoume apampada e tiroume o portal. Foi un dos fitos da miña infancia. Fora un furacán televisado. No 84 vivímolo con terror; este ano non foi así, pero derrubounos o portal. Todo volve, ata o Hortensia.

(Se descifrades o código secreto en «Gramo Stendhal», escribide a Apiario)