Verto: «É preciso un pop en galego que non reivindique nada»

FUGAS

cedida

Con «Embora» trazan un crossover entre 1980 e 2021, a síntese perfecta entre a bola de espellos e o «brilli brilli», entre o Casiotone e o autotune

09 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pop hedonista en galego, esa quimera nunca de todo resolta dende Andrés do Barro, atopa por fin unha feliz e categórica redefinición da man de Verto . No seu primeiro disco, Embora, que hoxe se publica, articulan unha incontestable e arrebatadora conxunción entre aqueles sons disco e funky dos 70 e 80 e as bases e elementos estilísticos dos estilos que por xeración lles corresponden.

En Embora conflúen en inverosímil harmonía Prince e C. Tangana, a purpurina e o brilli brilli, a pista de baile e o botellón. E o resultado, lonxe de rechiar, tórnase estimulante, incontido, refrescante, apetecible. Dende o piano que anticipa o sensual delirio festivo da Intro ata o minuto final da hipnótica Un feliz descanso, coa que se pecha o disco.

E todo isto faino Verto desprovistos por completo de calquera afán reivindicativo. «O que queremos é resetear a música de Galicia», di Berto Mira (guitarra e voz), quen xunto a Fer Peleteiro (teclados e voz) -ambos de 22 anos e estudantes de Medicina en Santiago- conforman este dúo, chamado a darlle este verán un excitante revolcón a escena musical galega.

-«Embora» representa a simbiose musical perfecta para dúas xeracións.

-Si, en case todas as cancións hai elementos nostálxicos que lembran a eses estilos dos 70 e os 80 pero tamén hai ritmos actuais. Hai trap, hai dembow, hai electrónica... Obviamente estamos super influenciados pola música que o peta agora.

-Semella que o pop en galego, tantas veces deostado, comeza a rexurdir cunha identidade reseteada.

-A omnipresencia do trap e do reguetón empezaba a ser aburrida. Se te fixas, incluso Bad Bunny fixo un disco no que non utiliza elementos do reguetón. Estabamos un pouco cansos xa das fórmulas de sempre. E se non, mira C Tangana.

-Certo, tanto o seu como o voso son discos innovadores pero cheos de referencias «viejunas».

-É que aí é onde se reinventa a cultura. Cando creas algo innovador non só collendo as túas influencias senón dándolle crédito a esas influencias. Nós, de feito, publicamos unha lista coas nosas porque cremos que mola que a xente saiba que é o que nos fai facer a música que facemos. E, dalgún xeito, C Tangana fixo o mesmo. Colleu unha serie de artistas super míticos que admiraba e meteunos nun disco, facendo deles un estandarte. Esa dignificación e revalorización do antigo fusionada con elementos actuais paréceme moi interesante e creo que moita xente se vai sumar a iso.

-De onde vos veñen esas influencias?

-As miñas, como as de case todos os guitarristas, veñen do blues, do funk, do jazz... Se queres aprender a tocar a guitarra tes que fixarte nos grandes. Eu, por exemplo, para facer a guitarra de Telón de Grelos [un dos temas de Embora] paseime catro días escoitando o 1999 de Prince. Entón, se ti aprendes a facer e tocar música con ese tipo de influencias, acabas afianzando o ouvido a esa clase de sons e acabas utilizándoos nas túas cancións. Se te fixas, todos os meus solos son como de blues... En realidade, a miña ilusión de toda a vida é repopularizar os solos de guitarra nas cancións pop.

«O ano pasado pasamos por unha etapa sentimental complicada. Por iso a maioría das cancións va de algo que a min me gusta chamarlle 'desamor feliz'».

-Sodes máis de Casiotone ou de autotune?

-Nós usamos moito o autotune. Especialmente eu. Pero non porque non sexa capaz de cantar afinado, senón porque me gusta a sonoridade que lle da a miña voz. Paréceme un elemento estilístico moi chulo e totalmente da nosa xeración. E, ao final, o que marca a diferencia é facer unha canción que teña un beat e unha sonoridade dos 80 pero cantada con autotune.

-Nas vosas letras chama a atención esa mestura entre ironía e un certo pouso de amargura.

-Nunca facemos as letras xuntos. Cada un fai as súas. Pero o ano pasado os dous pasamos por unha etapa sentimental complicada. Por iso a maioría das cancións va de algo que a min me gusta chamarlle «desamor feliz». Todo o que dicimos é super triste pero a canción non transmite tristeza. Teñen un pouco esa esencia dos boleros. Esa tristeza alegre de «non me queres pero estou tranquilo e son feliz». A min gústanme moito os boleros por iso, porque como que o corazón se che calma. E iso é un pouco o que intentamos facer nós.

-Falas de boleros. Dicía Sen Senra hai un par de semanas nestas páxinas que el sentíase máis influenciado por Machín que polas músicas urbanas.

-Boah! A min Sen Senra encántame. Supoño que a xente que facemos un pouco este rolo de tristalegre, que el tamén o ten, tiramos das mesmas influencias. Eu, de feito, teño un par de boleros compostos que non sei se me atreverei algún día a publicar. Préstame máis iso que outras músicas, eu que sei, como o indie, que son pura tristeza. Joder, é que son cancións que ata che fan sentir mal.

«A única forma de crear unha conciencia cultural distinta e de chegar a un rapaz de 12 anos é creando produtos culturais novos que non sigan os patróns de sempre»

-Conseguides transcender o idioma a ámbitos, sonoridades e estéticas que lle semellan impropias pero que non o son.

-Si, comezamos con este proxecto porque para nós era importante que alguén reivindicase o galego pero como código lingüístico, sen máis. Que non se use como método para acadar un fin. . Que simplemente sexa, pois iso, unha forma de comunicarse. Que se deixe de asociar a determinado tipo de conciencia política ou a que es un paleto. E a min paréceme que a única forma de crear unha conciencia cultural distinta e de chegar a un rapaz de 12 anos é creando produtos culturais novos que non sigan os patróns de sempre. Crealos sen necesidade de ter que escusarte ou de dicir fágoo por isto ou polo outro. Mira, o músico galego máis escoitado agora mesmo é Baiuca, que mestura o tradicional con elementos actuais. Iso dáche unha idea de como seguimos aferrados á tradición. Nós pensamos que tamén ten que nacer un pop en galego desenfadado que non reivindique nada, que simplemente sexa un produto cultural para consumición. Que ao escoitalo non te teñas que plantexar se o idioma está en vías de desaparición ou non. E a única maneira que temos a xente nova de velar polo idioma é reinventar a cultura galega dende a nosa posición. Que, ao final, temos unha posición de poder da hostia porque non dependemos de ninguén.

«Baiuca é un referente, consegue que un madrileño escoite un tema con pandeiretas e que non diga 'ay, gallegiños, que riquiños'»

-Apostades por saír musicalmente de Galicia sen renunciar ao idioma, como dicides en «Telón de Grelos»

-Por suposto. E volvemos a Baiuca, que é un puto referente nese sentido. Unha icona. Un tío que apostou por un produto cultural autóctono que moderniza a cultura galega. Baiuca consegue que un madrileño escoite un tema con pandeiretas e que non diga «ay, gallegiños, que riquiños». Iso paréceme super importante. Un camiño aberto que moitos outros podemos seguir.

-De algo diso falabades en «Oie Gayego», a canción que vos catapultou. Sen embargo optáchedes por un xiro radical, por non seguir esa liña, nin na temática nin no musical.

-Nunca nos supuxo desacougo cambiar de rolo. Somos músicos en vías de formación e todas as cancións que sacamos antes eran probas, un popurrí de ideas que nos levaron ata onde agora estamos. De feito, xa ves que non hai vínculos comúns entre elas. En Embora si. Este xa é un proxecto máis complexo e cun nexo entre as cancións.

-Galicia vive un momento de renovada efervescencia musical. Podemos estar a falar dunha xeración pos Xabarín?

-(Ri) Pois pode ser. Eu a veces pénsoo. Somos moitos, máis ou menos, da mesma idade, pensamos dun modo parecido e adquirimos unha forma distinta de ver a cultura galega. A verdade é que agora mesmo en Galicia hai unha escena musical nova moi variada, moi divertida e moi bailonga. Unha escena que me parece que nos representa bastante ben como pobo.

-Os dous estades no derradeiro curso da carreira de Medicina. E si Verto «lo peta»?

-A ver... Eu teño esperanzas e a intención é un pouco esa. Se Verto o peta, eu non descarto dedicarme á música. Pero é certo que tamén son moitos anos dedicados a estudar Medicina... E tamén che da pena. O que teño claro é que é imposible compaxinar as dúas cousas. Así que será unha cuestión a decidir en función do que vaia xurdindo.