Manuel Rivas: «O espido de Xela ten o valor de limpar a ollada»

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

«Ela xunta catro rebeldías», alumea o escritor, que a entrevistou en marzo do 90 en La Voz de Galicia pola publicación de «Tigres coma cabalos»

15 may 2021 . Actualizado a las 18:37 h.

rebeldía de Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003) é unha trenza de desacougo e amor. «A súa é unha rebeldía luminosa, que fai que o perdedor estea ganando», acende Manuel Rivas (A Coruña, 1957) sobre a poeta á intemperie, orfa de xeración. «Pero, onde están? A miña xeración en galego, onde está?», pregúntalle ela a Rivas nunha entrevista publicada o 25 de marzo de 1990 en La Voz baixo o epígrafe Nada personal. «Tiven sorte con esa sección, na que atopei moita receptividade, ninguén me dixo nunca nada... Lembro unha entrevista con Ramón Piñeiro na sección que se titulaba: 'Eu non fun da CIA'. Contaba que se emborrachara de neno... Ramón Piñeiro, que era unha representación sacerdotal. Quedou encantado. Díxome: 'Puiden dicir cousas que tiña no caletre! De Xela, mesmo publicara a foto espida...».

-Espidos nos que ela non vía erotismo ningún. A lectura segundo quen a faga é moi distinta...

-Naquel intre, realmente só houbo unha interpretación: «Que coraxe saír aí». Falamos da poesía do corpo. Saír espida non é unha arroutada, forma parte do que está a dicir no libro (Tigres coma cabalos). Posiblemente, é a foto máis natural que se corresponde co libro.

­-Non hai pose comercial cun obxectivo, ves aí unha naturalidade poética.

-Os ollos ven o que queren... O problema está no que olla, como tamén a elocuencia está no que le. Para min, a fotografía espida non é provocativa. Hai outra estética na que podías buscar esa compoñente provocadora, como nas fotos de Pirelli, que descaradamente xogan co erotismo.

«Está aí o corpo sen pedir permiso, pero tamén sen dicirche: «Tírate ao mar!».

­-O do Xela tampouco é un espido Femen.

-Efectivamente. Está aí o corpo sen pedir permiso, non?, pero tamén sen dicirche: «Tírate ao mar!». Ela tivo a novidade de incorporar o corpo como parte da linguaxe. Nese espido non hai unha dimensión mercantil nin de show, non hai unha actitude escandalosa. O escándalo está nalgunhas miradas. É como non entender a pintura de Lucian Freud ou Bacon. O espido de Xela está en sintonía co que fixo: escribir o que nos ensinaron a ocultar. Ten o valor de limpar a ollada.

-Véxoo como unha maneira de entregarse de todo, á poesía con todo o que ela é.

-É un acto de valentía, de coraxe. Claro que a valentía é unha construción tamén.

-Hai valentía na sensibilidade. Abraia en «Darío a diario» a chama da maternidade, que nos 90 era algo que había que esconder. Amosarse entregada como nai sorprende nunha poeta que quería, como contou, reencarnarse en Lou Reed.

-Si, a tenrura é unha valentía tremenda no mundo este no que hai que figurar, nun mundo de gañadores, de vencer... Cando lle deu a morte, Xela estaba traballando nunha antoloxía de Intempériome. Hai unha continuidade na súa obra, é interesante ir dende Denuncia do equilibrio (no que o mesmo título é xa un manifesto, porque a poesía veu ao mundo a desequilibrar) ata o impresionante Intempériome. Poucas veces na literatura galega un libro chegou tan alá no cantil como este.Seguindo aquela idea kafkiana, un libro ten que morder. Os dela claro que morden! Dende o comezo está esa célula nai: a denuncia do equilibrio. O que está roto é o mundo! O que se presenta como orde é, en realidade, desorde. Hai un poema que me gusta moito, que está en Intempériome que eu teño entre os preferidos. Fala de parir, pero converte o verbo parir nun activismo que o abrangue todo. O poema comeza: «Parín sen dor e con pracer...».

«Xela ten a forza de construír unha rebeldía independente, ela xunta catro rebeldías»

-Era un pouco como Pizarnik: «No quiero ir nada más que hasta el fondo». Era de ir ata o fondo todo o tempo?

-É unha ollada inconformista, que vai máis aló do fondo aparente das cousas. É un desacougo creativo. Hai paralelismos con Maria-Mercè Marçal, que no poema Divisa di que ao azar lle agradece tres dons: ter nacido muller, de clase baixa e de nación oprimida. Xunta tres rebeldías. Esa Divisa podía levala tatuada Xela. Con estas adversidades, con estes vidros rotos, ela di: «Vou recompoñer algo». Eu falaría dunha cuarta rebeldía nela: Xela ten a forza de construír unha rebeldía independente. Rosalía ten moito que ver con Xela, dá conta desas rebeldías construíndo o seu propio espazo rebelde. Ata ao amante convérteo nun xeito de descuberta de si mesma. En cada poema que fai, ela aposta a cabeza. Cando fala de termos como suicidio, non é retórica poética. Todo ten o centro da verdade. Vai alumeando cada zona escura, cada vez máis adiante, e ademais non fai propaganda. O fluído da tinta vai co fluído do corpo. Non levanta ningún banderín, está só no que está a facer. Ela converte o verbo parir nun activismo que o abrangue todo. Poucas veces na literatura galega un libro chegou tan alá no cantil como Intempériome. Nun poema di: «Parín sen dor e con pracer»... Pode ser tanto reaccionario como moi feminista. En Xela hai iso que dicía Benjamin: ponderación misteriosa. Cando unha palabra vai acadando unha elevación, outro sentido.

-Mesturar hoxe no amor o pracer coa dor pode ser incendiario, mal entendido.

-Unha ollada que non queda no convencional ve o contraditorio. Ese espazo poético é o dos antónimos: o preto que está a vida da morte, a luz da escuridade. En pechar as pálpebras hai tamén unha semente. Xela é moi consciente do carácter contraditorio do mundo.

-Na entrevista que lle fixo nos 90 di: «Aviso. Este libro pode ser de escándalo». Aínda é hoxe de escándalo ou aínda máis?

-No mundo de hoxe, claramente. Penso que é unha sorte que o Día das Letras se lle dedicase a ela. Hai un paralelismo co ano no que se lle dedicou a Lois Pereiro. É un dos maiores patrimonios que ten Galicia: ver esta capacidade de vangarda. A nivel creativo, eles sitúannos nun epicentro. Con Xela e con Lois cadaquén vai quedar cunha parte persoal que non esquece, cun anaco. Hai reparto de almas.

«A súa era unha rebeldía moi serea, sabes? Cando estaba falando, sabías que as cousas que dicía podían facer abalar. Era desas persoas nas que confiarías para ir á fin do mundo»

-Como recorda persoalmente a Xela?

-Como unha persoa que transmitía moita calma, ningún desequilibrio.

-Que curioso...

-Si, era unha rebeldía moi serea, sabes? Cando estaba falando, sabías que as cousas que dicía podían facer abalar. Era desas persoas nas que confiarías para ir á fin do mundo, deixaríaslle o barco tranquilamente. Precisamente porque coñecía as treboadas. O xeito de falar e de mirar dela vía a desorde, pero creaba unha nova orde. Non transmitía anguria nin inquietude. Ao contrario, resultaba moi tranquilizadora. Ela levaba a man no temón. A súa rebeldía, por serea, xeraba moito amor.

-Que reto grande para a rebeldía!

-Si, é unha rebeldía luminosa! Hai dor, pero tamén tanto amor polo que fai que o converte en algo excepcional. É o máis alá que ten a arte.

-Naquela entrevista do 90, ela díxolle: «Antes prefiro fregar a casa que ir de compras». Sopapo ao mundo de hoxe!

-Si, hoxe ir de compras parece a actividade principal. Mira que actual, é profética. Xa somos máis clientes que cidadáns.