Lois Pereiro, a poesía descarnada

FUGAS

Pinto y Chinto

Cúmprense 25 anos da morte dun clásico dende as marxes que segue en pé, termando da modernidade da nosa poesía

21 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poetas que son como cometas, fráxiles e breves, pero que deixan ao seu paso un ronsel que crece en tamaño e brillo a medida que se aproximan ao sol. Co tempo volven para facernos desfrutar de novo da súa beleza, como Xela Arias, que este ano encheu de luz a literatura galega, ou no 2011 Lois Pereiro. Sen dúbida, úneos a morte prematura, unha obra breve e pouco lida co paso do tempo, pero tamén a popularidade das súas figuras coa celebración do Día das Letras Galegas ata convertérense en clásicos dende as marxes.

Con só trinta e oito anos deixábanos o poeta punk, Lois Pereiro, o home tímido, de figura lánguida que alguén comparou coas esculturas de Giacometti, pois nel destacaba principalmente a mirada e o corpo delgado e alongado. A semana próxima fará vinte e cinco anos que nos deixou, entón só publicara dous libros, agora temos máis de trinta ao noso dispor.

Monforte de Lemos é o punto de partida, pero a súa vida mudou cando se instala en Madrid. Alí funda xunto con Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel a revista experimental Loia. Aquel proxecto, en plena transición política, puña en circulación un fanzine en galego, que se imprimía nas máquinas da vía pública que funcionaban con moedas, e nas súas páxinas ven a luz os primeiros poemas.

Madrid foi a descuberta, a transición, a contracultura. Madrid foi a enfermidade, ao ser unha das vítimas da colza, o aceite desnaturalizado que se mercaba a granel. Pasaron corenta anos daquela traxedia que provocou a morte de moitas persoas e a enfermidade a preto de vinte mil. Lois Pereiro decidía entón volver a Galicia e instalarse na Coruña co seu irmán. Traballa en dobraxes e guións para a televisión, e participa nas revistas La Naval e Luzes de Galicia, dirixida por Rivas. Tamén compón as letras para grupos da movida galega, como Radio Océano, e participa do Atlantismo, da defensa da nosa cultura fronte á mediterránea e da que fan parte artistas como Lamazares, Leiro, Manolo Paz, Menchu Lamas, ou grupos de rock como os Resentidos ou Siniestro Total.

A enfermidade fai que adelgace e que adquira unha forte rixidez corporal. O corpo como campo de batalla e a dor como orixe da arte vertebran Poemas 1981/1991 (Edicións Positivas), a súa primeira obra, e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, o seu testamento poético, pois só cinco meses despois falecería. Versos intensos marcados por unha recaída, pero tamén polas ganas de aproveitar o tempo, o amor, aínda sabendo que a morte está próxima. O seu corpo está mancado pola SIDA, mais «solitario, enfermo e fatigado,/ a morte anticipouse e chegou antes».

Lois Pereiro falecía o 24 de maio de 1996, paradoxos da vida ese mesmo día facíase pública a sentenza do aceite de colza. Pediu ser enterrado no Incio, terra das orixes familiares, e na campa os últimos versos deste provocativo poema: «Cuspi?deme enriba cando pasedes/ por diante do lugar no que eu repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria».

Deixou unha novela inacabada e un diario epistolar. Eses pensamentos, anécdotas, poemas, citas de cancións, de libros, ideas para relatos... acaban de publicarse en Cadernos persoais (Chan da Pólvora). Moitas das anotacións son nun tren percorrendo Europa, en cafeterías de cidades ás que viaxou, pois sen dúbida esa era unha das súas paixóns: observar outros lugares, outras xentes. Nos apuntamentos atopamos as vivencias dunha persoa que goza da vida, que o fai con humor e esperanza: «Non me importa o lugar do que veño, non me importa o lugar ó que vou; por que sigo en pé en calquera parte na que estou?». En pé, termando da modernidade da poesía galega.