Non todos os tempos pasados foron mellores. O domingo celebramos o Día de Galicia e como cada ano haberá manifestacións, romarías, presentacións de libros, concertos... cadaquén vivirá a festividade como desexe, pero non sempre foi así. Durante a ditadura franquista as liberdades foron aniquiladas e o réxime só autorizaba unha misa a Rosalía de Castro que se viña celebrando en San Domingos de Bonaval dende 1932. Alí onde repousan os restos da escritora mantívose un acto litúrxico que adquiriu outra dimensión entre o galeguismo resistente, pois era das poucas iniciativas que se mantiveron en pé.
Nos primeiros anos da ditadura o número de asistentes era cativo, pero co tempo converteuse tamén na misa dos ateos, pois ata Bonaval achegábanse galeguistas sen ningún sentimento relixioso, mais si con sentimento político. Como conta Franco Grande no libro de memorias Os anos escuros, no adro de San Domingos dábanse cita as novas xeracións e a vella garda coa emoción de reencontrarse, cantar o himno e asistir a un acto público en galego. Os que viñan de lonxe aproveitaban o xuntoiro para facer noite en Santiago e así quedar con amigos que vían de tanto en tanto. Na véspera do 25 de xullo de 1949 reúnese na cidade o Padroado Rosalía de Castro ao que se transfire a Casa da Matanza. Ao ano seguinte, despois de asistir á misa, moitos galeguistas déronse cita nos baixos do Hotel Compostela para oficializar a creación da Editorial Galaxia. Aquelas horas na capital eran aproveitadas para fraternizar e trazar proxectos ou, cando menos, soñalos.
O himno de Galicia
A importancia da misa era cada vez maior e deixou de convocarse ás nove da mañá para facelo pola tarde. Cada ano un coro interpretaba o himno de Galicia, en 1969 entoouno Ondas do Mar de Vigo, pero non foi o único que se cantou, tamén o Venceremos nós, a canción protesta de Joan Baez que traduciran ao galego Franco Grande e Xosé Manuel Beiras. Alí tamén estaban membros da UPG, como Méndez Ferrín e Bautista Álvarez, nesa idea de que a misa transcendía con moito o relixioso. Escoitáronse os berros de «Viva Galiza Ceibe» e «Liberdades para Galicia» e interveu a policía franquista que levou detidos ao doutor Carlos Guitián, a Fidel Villar, membro do coro, e a Xaime Isla, que recibiu golpes da policía ata que o tiraron ao chan. Curiosamente só el foi condenado a tres meses de arresto polo Tribunal de Orde Pública por ser autor dun delito de desorde e o entón gobernador civil cualificouno de «galleguista maligno». Finalmente absolveuno o Tribunal Supremo, que considerou que o berro «Viva Galiza Ceibe» non perturbaba a paz cidadá.
Mentres, no exilio, sucedíanse tamén as celebracións e sen dúbida unha das máis emocionantes debeu ser o 25 de xullo de 1948, cando Castelao pronunciou o «Alba de Groria» no Teatro Arxentino como colofón dunhas xornadas que organizara o Centro Galego de Buenos Aires. Na sala non collía unha agulla e a emoción desbordou os presentes ante a beleza e a fondura do seu discurso. Para esa moitedume de luciñas que fomos, que somos e seremos sempre, feliz día da Patria/Matria Galega.