Arantza Portabales é unha das autoras máis exitosas do panorama literario galego. Este verán triunfa cunha novela policial onde nada é o que parece ser
30 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Despois do éxito da súa primeira novela negra, Beleza vermella, a escritora Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) recupera aos protagonistas para enfrontalos a un novo caso, a desaparición dunha famosa autora. Este é o punto de partida de A vida secreta de Úrsula Bas, un libro que está a causar sensación e que ela escribiu por puro pracer. «Paseino tan ben facendo novela policial que precisaba volver experimentar esa sensación», declara.
—Por que atrae tanto a novela negra?
—Por puro morbo. Somos morbosos e o mal é moi atraente. Primeiro, porque nos reconcilia con nós, fainos sentir superiores, nesa soberbia da nosa propia intelectualidade. A nosa bondade colócanos no plano alto e iso fainos sentir ben. Ademais, ten esa parte de evasión. Ao final, cando sentamos para desconectar un intre, buscamos pasalo ben e o compoñente policial e de misterio entretén moito. Todo iso mesturado fai que teña un atractivo moi grande.
—Na novela hai psicoloxía, análise forense, como te documentas para iso?
—Eu son moi extravertida á hora de pedir axuda e tamén leo moito, dende manuais forenses ou psiquiátricos ata informes de criminoloxía do Ministerio de Interior. Despois, teño outra axuda, por exemplo as autopsias fíxoas un médico, que tamén baixa ao terreo do forense porque non era a súa especialidade. Hai moito labor de documentación detrás pero gústame que non se vexa, non me gusta esta xente que está escribindo unha novela e fai dúas páxinas de datos simplemente para que notes que o escritor traballou moito.
—Tiveches algunha inspiración para tecer este caso?
—Coido que non. Así como digo que Beleza vermella foi un claro tributo ás novelas de Agatha Christie, eu aquí fixen moito de expiación do meu momento vital e do momento vital da xente que me rodea. Ten moito que ver cun tema que me obsesiona que é a comunicación e a necesidade que temos de estar conectados, de que alguén nos faga caso e combater a soidade. Comecei a encher todos os baleiros que había na vida de Úrsula e por riba, o que fixen foi contar un caso policial. Simplemente tiña ganas de reflectir as sensacións propias da miña xeración, o tempo no que eu me atopo, ou no que se atopa a xente que teño ao meu carón. Vou sumando experiencias miñas con experiencias colectivas.
—A protagonista tamén é escritora, tedes algo máis en común?
—A min o mundo da escrita dáme seguridade porque estou falando dun negocio que coñezo. Úrsula Bas é unha escritora que ten moitísimo máis éxito ca min, ela vive moi ben da escrita, pero o seu mundo non me é descoñecido. Por iso estou moi cómoda dentro da súa mente. Úrsula é escritora, nai e esposa, e tamén precisaba dunha personaxe que fose famosa pero non demasiado. Os escritores, incluso os máis coñecidos, sempre teñen un aire de anonimato.
—A calquera muller saltaríanlle todas as alarmas ao ter a un acosador detrás, porén non lle pasa a Úrsula Bas…
—Ela é consciente de que hai algo moi equivocado nel, é consciente do medo que lle suscita pero sente algo que está por riba que é a emoción. Úrsula explícao moi claro, sente medo pero tamén excitación e decátase de que o máis importante para ela é ter a alguén pendente e recupera unha sensación que tiña esquecida, séntese viva e ve que precisa de vivir. Iso pesa máis que o seu sentimento de inseguridade porque as alarmas tamén as ten aí. Hai un momento na novela que me encanta, é unha reflexión que fai o axente Abad: «É unha tía intelixente e namorouse dun tío que se fai chamar psicópata». E a axente Barroso responde: «Pero as tías intelixentes son capaces de namorarse de verdadeiros gilipollas». Que levante a man quen non coñeza a unha amiga namorada dun idiota. Isto é así, a paixón e o namoramento teñen un compoñente irracional moi alto, incluso inexplicable. Se fose explicable, os idiotas xamais ligarían e aí os tes. Ves a tías e tíos magníficos con persoas verdadeiramente mediocres.
—Como autora, que é o mellor e o peor de escribir?
—O mellor é todo, é tan divertido escribir! É tan divertida a parte previa, decidir que vas contar e como. Despois, a escrita cámbiache a vida, a forma de ollar, porque de repente miras todo con ollos de autor e todo alcanza unha relevancia distinta. O peor da escrita xa o di Raquel, outra personaxe, respecto a Úrsula Bas, é que para ser escritora tes que escribir e moitas veces non hai tanto tempo para iso.
—Falas con moita paixón da escrita, pero ti comezaches escribir hai só oito anos, como foi?
—Pois xa o di a propia Úrsula Bas, porque me volvín tola [ri]. Falando con seriedade, hai un momento na vida no que unha mira cara a atrás e ve que o camiño se fai máis longo do que agardaba e decide que o resto da vida quere facer algo máis, sinxelamente. Decidín que ese algo máis, para min, sería escribir. Porén, se queres dicir que foi porque me volvín tola...
—Todos estamos un pouco tolos...
—Eu poño moitas citas de Iván Ferreiro e de Los Piratas, hai unha en Beleza vermella que di: «Quién quiere ser normal, yo quiero que me echen de menos», de La otra mitad. É un pouco así, a normalidade é ese estado no que se supón que debemos estar, pero de atractivo, para min, ten moi pouco.