Nuno Pico estreouse este ano en solitario con Grande Amore, proxecto que está triunfando este verán por varios festivais e concertos
05 jun 2022 . Actualizado a las 22:06 h.É coñecido por moitos nomes e Grande Amore, de momento, é o último. O músico Nuno Pico (O Valadouro, 1995) debutou este ano en solitario cun álbum cheo de sons post-punk e letras que falan dunha xeración.
—Por que Grande Amore e non outro nome?
—A min cústame moito poñer nomes porque o que me gusta non adoita ser o que lle gusta á xente. Entón, un día estaba escoitando unha canción que falaba dun tal Juan Solo, fíxome moita graza porque pensaba que era unha coña sobre Han Solo, e pensei en chamarme así. Pero logo Hevi díxome que non, que xa existía, é un rapeiro. Non sabía como chamarme ata que un día, no restaurante China Ming en Santiago, vin a un tipo que levaba un suadoiro no que poñía «Grande Amore» e pensei: «Hostia, que grandilocuente ese nome, que guai». Mirei en Google se xa era de alguén e resulta que non, así que perfecto, así pasou. A verdade é que foi moi pouco épico.
—O teu disco ten moito de rock e as letras son bastante existenciais. O rock é de sensibles ou de duros?
—Eu penso que é un xénero de xente que, no fondo, ten que ter unha certa sensibilidade. Non o digo como un eloxio, e que, se non tes ese algo, tampouco fas este tipo de cousas, porque non é tan divertido facer música. Se non é porque che sae realmente de dentro non o fas, por lecer hai cousas mellores, xogar á Play é moito máis divertido [ri]. Aínda que hai o estigma, con razón moitas veces, de que os roqueiros van de duros, eu penso que iso é un escudo para non admitir que no fondo son xente sensible.
—E ti? Es un sensible disfrazado?
—A min dáme ata vergonza ir de malote, síntome ridículo, que va, non dou.
—Quero que me expliques iso que puxeches no Twitter de que «Grande Amore é o Combo Dominicano da peña con ansiedade»…
—A ver, vouche contar como naceu esta afirmación… O outro día estaba en Astorga con Chicho, por un concerto, e calculei mal a dose de cafeína que podía tomar. Como podes adiviñar o café aféctame moitísimo, unha burrada. Tiñamos unhas horas mortas e fomos para o hotel a descansar, pero eu non conseguía durmir e andaba a rirme só de cousas que se me ocorrían, imaxínate a escena. E pensei: «Non será Grande Amore o típico grupo que lle gusta á xente que ten unha saúde mental boa pero sen ter unha saúde mental boa», e botaba a rir. Decidín compartilo co mundo e pénsoo de verdade.
—E que hai moita cultura de saír de festa, pero despois tes cada frase que parece dunha xeración de seres tristes que bailan…
—Pois tal cal. Eu estou de acordo con que, a raíz da pandemia, hai e haberá moitos problemas de saúde mental. E agora mesmo o nivel medio de problemas da xente son os que podo ter eu. Polo que sei de min mesmo, si que somos xente á que nos gusta saír e ir a unha verbena, pero tamén ter ansiedade, que isto non é que nos guste, pero pasa. É unha mestura que me pasa moito. En lugar de ocultalo, está ben que se vexa, porque cantos artistas súper famosos haberá que van de que non se preocupan por nada pero despois teñen reladas e moitos problemas. Non se trata de ser diferente, pero non recoñecer os problemas de cada un tampouco está ben.
—Pasouche algunha vez de entrar nun bar e escoitar unha canción túa?
—Pasoume algunha vez e dáme unha vergonza terrible… Ou cando me escoita algún colega na casa e mo conta, non sei que contestar, parezo parvo, pero non por flipado, por pura vergonza.
—Que tedes en común os grupos novos do panorama galego como Boyanka Kostova ou os Verto?
—Temos trazos comúns. Por exemplo, a min tanto me gusta Slayer como a canción de Dale vieja dale, porque é un signo dos tempos. Antes, dentro da xente que se move no noso nivel, que é un pouco máis underground, había un rexeitamento do pop e agora abrázase completamente. Iso témolo en común os músicos e tamén os nosos colegas, é dicir, somos un reflexo de como é a xente. Despois, e isto é un pouco pureta, vexo os Verto ou a Sleepy Spice, que son xente á que só lles levo un par de anos, e teñen referentes moito máis actuais que nin eu coñezo. Véxome a min e ao Chicho, que é un ano máis vello ca min, e sinto que somos os avós dos Verto.
—Con que artista che gustaría colaborar? Os mortos tamén valen…
—Pois iso pásame moito. Chicho admira moitísimo a Estopa e sacou unha foto con eles o outro día, o 90 % da peña que me produce esas emocións está morta... Podía facer algo con Farruco, o que contaba os contos e o de Terra de Miranda, pero non sei en que rexistro podería ser... Agora que o penso Farruco estaría moi ben, si.