Bruno Arias vén de lograr a axuda ao talento da Agadic para producir un documental sobre a homenaxeada polas Letras Galegas no 2021
25 mar 2022 . Actualizado a las 22:16 h.Na última convocatoria das subvencións para a promoción do talento audiovisual galego, a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) concedeulle a Bruno Arias (Vigo, 1998) unha das tres axudas destinadas á produción de longametraxes, por valor de trinta mil euros. Bruno, que se graduou hai tan só un ano en Comunicación Audiovisual pola USC, comparte o apelido da súa tía Xela: poeta, tradutora e editora, finada antes de tempo, e homenaxeada polas Letras Galegas neste 2021. Pasados 18 anos da súa morte, e aproveitando o pulo das Letras, Bruno dedícalle a súa primeira película. A unidade componse da desorde será un documental que explorará a personalidade e a creatividade da autora de Darío a diario desde a mirada íntima do seu sobriño. Un filme de Bruno Arias a Xela Arias. Para o proxecto, que se atopa en fase de preparación para a rodaxe, o director novel rodéase dun equipo técnico tan novo e prometedor coma el.
-Como xurdiu a idea de facer un documental sobre a súa tía?
-A idea tíñaa desde hai moito tempo, sempre pensei en facer algo sobre ela na carreira. A miña tía morreu cando eu tiña 5 anos, soamente teño dúas imaxes nítidas dela. Case non a coñecín, pero é a típica referencia que che constrúen na familia. Sempre tiven a contradición de que, sendo unha persoa que me influíu moito, non cheguei a coñecela. Faltábame coñecela máis no íntimo, entender as razóns persoais detrás do estritamente literario, de cada paso que deu. Este ano, coas Letras Galegas, vin que moita xente que antes prefería non falar sobre Xela se animaba a falar máis dela. A morte dun familiar sempre é un asunto delicado, e hai moitas cousas que non me atrevía a preguntar. Este documental tamén é unha escusa para preguntarlle á miña familia o que non lles preguntara antes.
-Por que o título «A unidade componse da desorde»?
-O título son os dous primeiros versos dun poema de Xela, do seu libro Intempériome. Nós queriamos construír a súa historia a partir de moitas pezas. Construír unha unidade a partir dun caos tanto emocional como narrativo. Por outra banda, aínda que non a utilizaba moi a miúdo, desorde paréceme unha palabra central na súa obra e no que ela significaba como poeta, entendéndoo tanto en oposición á orde establecida como en relación ao caos dos sentidos.
-Como sobriño de Xela, de que forma quere afrontar a súa historia?
-Ao comezo, a miña idea era facer unha película puramente documental, pero fun implicándome máis emocionalmente, e rematou sendo algo moito máis íntimo e retrospectivo. Desde o comezo, eu quería ter a mínima presenza posible na película, porque non quero facer un documental sobre min. Nin sequera sobre a relación coa miña tía. Pero ao final, aínda que fale de Xela, todo o que podo contar sae da miña perspectiva. A medida que avanza o proxecto, vou caendo en que a carga emocional que ten é imposible de atallar sen involucrarme.
-Entón, o guión non está pechado aínda?
-Ao ser un proceso con tanto contido emocional, o guión non estará rematado ata que remate a produción. Cando vou falando con máis xente, doume de conta de que as cousas que antes parecían sinxelas son moito máis profundas, e vólvese necesario abrir outras frontes. A medida que avanza o proxecto, voume sentindo máis preto dela.
-Vai mesturar o xénero do documental coa ficción?
-A nosa intención é levar o poético ao visual. Creo que un corte máis experimental, empregando aparellos narrativos que non vaian simplemente ao documental, é a única forma de estar á altura do que facía a miña tía a nivel poético. Ela procuraba a comunicación entre disciplinas artísticas. Cando leo os seus poemas, véxoos. Buscamos a intersección entre poesía e cine. Non temos a intención de ficcionar a súa vida, pero si empregar a ficción nalgúns momentos puntuais.
-Sorprendeulle que a Agadic lle concedese a axuda ao talento?
-Aínda non mo creo. É unha desas cousas que che contaban en clase de Comunicación Audiovisual, pero parece imposible conseguir. Eu imaxinábame que unha subvención tan grande só podía estar ao alcance de Lois Patiño ou Oliver Laxe. Agora podo dirixir a miña película.
-A quen van entrevistar na película?
-Xente da súa contorna en xeral, que poida achegar cousas relevantes para falar máis da persoa que da figura pública. Creo que esa foi a parte que quedou sen contar sobre Xela este ano. Quero dar voz a xente que a tivo preto ou que estivo presente mentres ela atravesaba momentos puntuais da súa vida.
-Con que equipo vai contar?
-O equipo está formado por xente moi nova, pero moi preparada. Acabamos todos de saír da carreira. E, se non están preparados en canto a experiencia, teñen o talento e a actitude necesaria para aprender rápido. Lucía Ramiro fixo comigo o guión e axudarame na dirección, Bea Villar fará produción e Miguel González será o director de fotografía. Aínda queda equipo por anunciar, pero podo asegurar que son todos magníficos.
-Cando esperan ter a película rematada?
-Temos pensado estrear o ano que vén, pero aínda é moi cedo para confirmalo. O proxecto está avanzado. En principio, non imos tardar moito en comezar a rodaxe.