Que non hai mulleres cómicas? Aquí van tres que petan

FUGAS

Fan monólogos por separado e preparan xuntas o espectáculo «Sen Restricións», do que deron un adianto nas festas do Apóstolo

03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns semellan insistir en que os escenarios de comedia son cousa de homes, porén cada vez hai máis mulleres reivindicando o seu espazo e, por suposto, facendo rir a todo tipo de público. É o caso de Ledicia Sola, Marta Doviro e Carmen Méndez, tres actrices que non esperaban rematar no mundo dos monólogos, pero que agora preparan un espectáculo conxunto chamado Sen Restricións. Nas pasadas festas do Apóstolo, en Santiago, deron un aperitivo do que podemos esperar desta aventura e, durante este verán, xiraron por Galicia cos seus monólogos individuais no marco do programa Comicamente.

Ledicia Sola é unha cara coñecida da televisión e do cinema e a súa faceta cómica levouna ata os teatros. «Despois de varios anos de traballo precisaba un novo reto», conta a actriz, e este reto foi subirse a un escenario como monologuista. Ledicia ten un humor «propio» que aproveita para «falar das miñas miserias, conto o que a min me interesa e me fai graza», explica.

Marta Doviro é actriz, presentadora de televisión e, dende fai uns tempos, cómica, un mundo ao que chegou pouco a pouco e ben acompañada: «A facer monólogos empecei pouco antes do confinamento, cando fixen a miña primeira incursión sobre un escenario foi en febreiro, acompañando a outro cómico galego, a Pepo Suevos. O seguinte foi con Luis Zahera e Serxio Pazos. Este inverno, co tema dos aforos e das restricións estivo a cousa un pouco parada. Xa tiña preparado o meu espectáculo completo, de unha hora e pouco, empecei en abril a presentalo e así ata agora», conta Marta. Este primeiro monólogo titúlase Memorias dunha rapasa da costa: «É un espectáculo de presentación no que conto quen son, a miña infancia e falo do meu lugar de orixe, a Costa da Morte. Penso que criarme en lugares como Muxía ou Corcubión formou o meu caracter e inflúe na personalidade que teño a día de hoxe, todo isto intento contalo con humor», explica a cómica.

«Eu nunca pensei en facer isto pero propuxéronme facer un monólogo, probei e gustoume», conta Carmen Méndez, actriz coñecida por papeis en series como Serramoura ou Auga Seca. A súa primeira experiencia nun escenario como cómica foi en 2017, no marco do festival Castelo Conta: «Non era o ideal para lanzarse por primera vez porque é un espazo moi grande pero estaba arroupada por compañeiros como Touriñán, David Amor e Oswaldo Digón, así que como bautismo non foi malo», lembra Carmen. Como enxeñeira química que é, entre os seus temas para facer comedia destaca: «A química do amor, como namoramos, que nos pasa... Tamén falo sobre fluir coa vida, conto o que estou facendo, as terapias que probo, agora falo moito disto».

Sobre o estilo do humor, estas cómicas levan Galicia nas veas, polo que as súas referencias son temas da comunidade e a retranca ocupa o seu espazo: «A retranca é moi nosa e diferéncianos doutros lugares. Eu vivín moitos anos en Madrid e lémbrome de que cando facía algunha broma os meus amigos non a entendían e dicían que tiña un humor moi raro. Coa miña compañeira de piso, que era dun pobo de Córdoba, non nos entendíamos no humor, éramos moi distintas. Tamén é certo que, aquí en Galicia, podemos ter algún punto en común pero hai monologuistas moi distintos con varios estilos», conta Carmen.

Elas teñen claro que as risas non teñen xénero e que o que conta unha cómica é igual de válido: «Cando se fala de comedia feminina eu non entendo moi ben que é iso, é que facemos humor falando da menstruación? Se unha muller fala de sexo parece que só lles interesa as mulleres pero se fala un home do mesmo xa é algo xenérico co que temos que empatizar todos. Pensar iso é de ter a mente pechada», conta Marta Doviro. O machismo no mundo da comedia segue ahí e, como engade Ledicia Sola: «O mundo -non só o da comedia- é máis complicado para unha muller, punto». Porén, para Carmen Méndez: «Estamos mellorando. Pasan cousas como o de a Chocita del Loro, en Madrid, un teatro de comedia no que non contrataron mulleres porque dicían que non tíñamos público. Eu céntrome no positivo, estamos facendo monólogos e a xente que nos ve é a mesma que vai a espectáculos de homes. A forma de que deixe de haber machismo é que nós, as mulleres, sigamos facendo monólogos, así é como máis se reivindica». E nisto seguen elas, xuntas ou separadas, sen restricións.