Os escritores non agocharon a súa relación que evidencian numerosas cartas e as estadías do ourensán na casa do poeta granadino
10 sep 2021 . Actualizado a las 14:53 h.A un casino da Granada de provincias entran dous homes, Federico García Lorca e Eduardo Blanco Amor. O ourensán era incluso «un homosexual desinhibido y, por tanto, una rareza» naquel maio de 1934, segundo recolle Ian Gibson en Poeta en Granada. Foron interpelados por un terceiro home, anónimo a ollos da historia, que lles preguntou: «Dicen que ustedes los poetas son maricones». «¿Y qué es ser poeta?», respondeu Lorca, facendo súa a retranca, malia non ser el o galego do dúo protagonista.
Lorca publica o seu Romancero gitano en 1928, mentres, alén do Atlántico, se editaban os Romances galegos de Blanco Amor. E se esta coincidencia é o punto de partida perfecto para unha novela romántica entre dous gaIs a comezos do século XX, han de saber os lectores que a realidade supera a ficción.
O escritor e xornalista galego non desaproveitou a ocasión e envioulle unha carta a Lorca na que adxuntaba o seu poemario. A misiva foi correspondida, aínda que só se conserva un fragmento da carta do célebre andaluz: «Estoy leyendo tu libro, tus romances antípodas... ¡Qué idioma!, ¡qué riqueza esta de nuestra España! ¿Por qué tendría que morir esa antigua maravilla?». Coñecéronse pouco despois, en 1933, cando Blanco Amor regresa de Arxentina, onde fixera currículo traballando en La Nación e dirixindo o xornal El Despertar Gallego e a revista Céltiga. O enlace entre os dous literatos foi outro escritor, o ferrolán Ernesto Guerra da Cal, quen malia esta primeira aparición positiva na historia, acabará tendo beef con Blanco Amor. Pero cada cousa ao seu debido tempo.
Para quen se estea a facer a pregunta, efectivamente, a orientación sexual de Lorca e Blanco Amor era de dominio público, como quedou claro naquel casino granadino. A actitude deste último foi incluso descrita por Ian Gibson coma «bastante camp y nada cauta». O catedrático Roger Tinnell publicou hai dez anos a correspondencia até entón descoñecida entre os dous escritores, e explica a Fugas que Blanco Amor lle mandou unha carta a Lorca ao regresar a Arxentina e descubrir que o home que quería atopara outro amor. «Es sorprendente porque no era habitual hablar abiertamente de esos temas en aquella época», explica Gibson.
As visitas de Blanco Amor á casa familiar dos García Lorca, a Huerta de San Vicente, evidencia a proximidade entre ambos. E moitas cousas pasaron en Granada. Quizais o máis importante que saíu de aí foron as 16 instantáneas que Blanco Amor, afeccionado á fotografía, lle saca a Lorca. O máis importante que alí quedou foron cousas que se poden especular e outras que se saben a ciencia certa, coma que Lorca dedicou ao seu convidado a primeira lectura de Doña Rosita la soltera.
O andaluz tamén estivo en Galicia, antes e despois de coñecer a Blanco Amor. A nosa idiosincrasia, nomeadamente a lingua, motivaron os Seis poemas galegos de Lorca. A edición e a escrita do prólogo correu pola conta de Blanco Amor, quen eliminou a dedicatoria de Lorca a Ernesto Guerra da Cal nun dos poemas. Sen especular sobre que aconteceu polo medio, o resultado foi que a relación entre ambos se turbou. E é que na vida real os finais non sempre son coma quereriamos. Senón non habería un verdugo presumindo de terlle pegado «dos tiros por el culo» a Lorca «por maricón».