A vez que Galicia estivo máis preto de gañar Eurovisión

Carme D. Prol / S. F.

FUGAS

ROCIO CIBES

O grupo de folk galego Tanxugueiras foi o número un na enquisa na que esta semana os eurofans elixiron a canción ideal para representar a España no próximo festival, que terá lugar en Italia. O tema proposto é Figa, unha mestura de sons tradicionais e urbanos coa letra en galego

10 sep 2021 . Actualizado a las 09:27 h.

O grupo de folk Tanxugueiras, co tema Figa, foron as elixidas polos eurofans como a canción ideal para representar a España no próximo festival de Eurovisión. Por moito relevo que causase esta noticia nas redes xa tivemos outras galegas máis preto de ter o galardón europeo, Ana Kiro disputou o título de representante con Salomé e a artista belga Verónica Codesal, filla de emigrantes galegos en Bélxica, quedou segunda co seu grupo Urban Trad. A cantante Lucía Perez, natural de Goó (Lugo) subiu ao escenario do festival no 2011 co tema Que me quiten lo bailao, e acadou o posto número 23.

Europa coreou Vivo cantando no festival celebrado en Madrid en 1969 e pouco faltou para que a voz da canción fose a da raíña das romarías galegas, Ana Kiro. O tema estaba pensado para ela, por iso o publicou tamén posteriormente, pero Salomé foi a escollida para interpretala no certame. A galega que conseguiu chegar ao festival e case triunfar foi Verónica Codesal. A artista, filla de emigrantes de Guitiriz, participou no festival no 2003 co tema Sanomi. Non o fixo en galego, pero tampouco en inglés ou francés, fíxoo nun idioma propio inventado polo grupo. Pero si apareceu no escenario unha gaita, xa que o grupo fusiona diferentes músicas tradicionais de Europa.

Quen sabe se as Tanxugueiras chegarán ao festival, teñen o apoio dos eurofans e, con temas como Figas, triunfaron entre o público que busca fogos de artificio e forza no escenario. O que é certo é que nunca se falou tanto da presenza galega en Eurovisión como nestas últimas semanas, xa que na enquisa do medio Eurovision-Spain tamén apareceron outros artistas da comunidade como Baiuca, Verto, Boyanka Kostova ou Sen Senra. Os lectores do medio e varios expertos foron os encargados de elaborar unha listaxe de cen propostas, numeradas segundo os puntos obtidos nas votacións. Non é unha listaxe oficial e non poden participar cancións con percorrido anterior, pero os seguidores do festival piden un cambio de rumbo. Será en Eurovisión 2022 cando a lingua galega debute no festival máis popular de Europa?