Quen foron os primeiros «influencers» das nosas letras?

FUGAS

Pilar Canicoba

Coas redes mudaron as estratexias, pero, antes das redes, Fernández del Riego, Neira Vilas e Darío Xohán Cabana xa maquinaban por achegar os libros ao público. Hoxe, autoras como Ledicia Costas e moitas librerías galegas sopran a favor do porvir da nosa literatura

25 sep 2021 . Actualizado a las 08:32 h.

Os tempos mudaron dende que Francisco Fernández del Riego percorría as librerías de Vigo cun atado de libros da Editorial Galaxia para intentar que os colocasen nos escaparates. Non era tarefa doada naqueles anos cincuenta, en que o galego estaba proscrito da vida pública e tiña pouca presenza na escrita. Aquelas visitas intentaban vencer os prexuízos dos libreiros reticentes a poñer os exemplares nun lugar visible, cando non quedaban no fondo dos andeis ou mesmo nas caixas. Ao tempo, en Buenos Aires, Neira Vilas e Anisia Miranda colocábanos nas vitrinas dos centros galegos e cada oito días mudábanos para que a colectividade soubese das novidades na lingua de seu e puidese mercalos en Follas Novas, a librería que rexentaban. Mentres el, polas tardes, daba forma, nunha cafetería porteña, a Memorias dun neno labrego, un dos primeiros supervendas en galego do que se cumpren xa sesenta anos.

Xosé María Álvarez Blázquez botaba a andar a colección O Moucho en 1967, unha das iniciativas máis peculiares da nosa edición. Buscaba novos públicos e que os libros saísen dos espazos culturais e intelectuais. Para iso deu ao prelo refraneiros, historiais de amor ou relatos populares que fosen do interese da xente do común. Aqueles libriños de peto vendíanse en ferreterías, tendas de aldea ou tabernas, conseguindo que tivesen máis de douscentos puntos de venda, fronte aos arredor de setenta que supuñan as librerías convencionais. A furgoneta de Edicións Castrelos, con Darío Xohán Cabana ao volante entre 1971 e 1975, acudía ás feiras e mercados, onde por trinta pesetas se podía adquirir un exemplar d’O catecismo do labrego, e fixérono moitos miles de persoas. E despois tamén Bieito Ledo, que entón rexentaba a librería Ir Indo, levaba os libros á carballeira de San Xusto, ás feiras do viño e a outras moitas romarías co mesmo afán de popularizar a lectura en galego.

Xa coa democracia aparecen outras feiras, as do libro, onde se dan cita editoriais e librerías que mostran, a pé de rúa, o mellor da literatura nas súas casetas. A fin de semana pasada foi noticia que en Madrid os asistentes a este evento agardaban máis dunha hora para entrar, e aquí, aínda que non abra os nosos telexornais, Ledicia Costas é quen de formar ringleiras similares e dá igual que haxa un partido importante, estea día de praia ou que chova a cachón. A autora conta cunha lexión de lectores e lectoras miúdas que crecen coas súas historias e que despois se enganchan ás súas obras para adultos. Ledicia é sinónimo de éxito dentro e fóra das nosas fronteiras e tamén é exemplo de escritora que recorre o país.

Os tempos mudaron e agora contamos con máis librerías comprometidas onde sabemos que atinarán coas recomendacións: Cartabón, Versus, Moito Conto, Couceiro, Pedreira, Biblos, Trama son só algúns dos puntos aos que peregrinamos cando buscamos complicidade lectora. Son espazos dinámicos onde se pode asistir a un vermú literario, como os que xa ten institucionalizados a librería Paz, os encontros do verán ateigados de xente que organiza Miranda en Bueu, as tardes radiofónicas con autores de Cronopios ou os clubs de lectura de tantas outras. E en tempo de redes sociais non dubidan en empregalas, en retransmitir en streaming os eventos, como Numax, ou en recomendar novidades dende as contas de Instagram como Moito Conto, que supera os dez mil seguidores, ou Cronopios, que vende libros sen perder o sorriso.

Paseniñamente mudaron as estratexias de achegar a lectura ao gran público, pero nesta tarefa o que se mantén intacto é o amor á literatura. Que bonita foto para as redes o atadiño de libros que levaba Fernández del Riego ou as novidades de Castrelos nunha feira gastronómica. Agora son outras imaxes, pero seguimos a precisar todos os medios ao dispor das nosas letras.