Tanxugueiras selan con bágoas o fin de «Contrapunto»... e á parte

FUGAS

Tanxugueiras participa con «Terra», una canción en gallego en la que reivindican que «non hai fronteiras»
Tanxugueiras participa con «Terra», una canción en gallego en la que reivindican que «non hai fronteiras» Rocío Cibes

A banda converteu o derradeiro concerto da xira de Contrapunto nunha sorte de festín orxiástico

03 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas veces un punto e seguido ten resultado tan transcendente. Por momentos, a sensación, o pasado domingo, no pazo da Cultura de Pontevedra, era a dunha despedida absoluta. Por aquilo da emoción, as bágoas e a intensidade do vivido. Pero non, non era iso o que tiña lugar. Ao contrario. Remataba un ciclo, é certo. Un ciclo que nin as propias Tanxugueiras, nas súas máis fértiles ensoñacións, foron capaces de adiviñar ata onde chegaría. Pero o que alí acontecía tiña moito máis que ver co xerminal que co terminal.

Tanxugueiras converteron o derradeiro concerto da xira de Contrapunto nunha sorte de festín orxiástico, no que tiveron cabida exorcismos e alumbramentos, deuses e diaños; pasados, presentes e, sobre todo, ansias dun futuro cuxo concepto fomos quen de intuír, pero cuxa dimensión ninguén, no seu san xuízo, ousaría delimitar.

Había vontade de rachar cun tempo que en realidade se remonta a pouco máis de tres anos. Pero tamén había vontade de homenaxealo, de renderlle tributo final, de agradecerlle todo o recibido. E que mellor xeito que facelo na compañía de amigas e referentes como Uxía, coa que cantaron Miña nena. Con cómplices como Sabela, coa que compartiron Que non mo neguen e Nai. Con «inimigas íntimas» como Lilaina, no que seguramente foi o momento máis rotundo e abraiante da noite. Ou con mestres elevados xa a condición de ídolos, como Xabier Díaz, a quen se uniron no Baile do Noró e En Piornedo.

«Nunca esqueceremos a tradición da que vimos nin nunca esqueceremos que somos pandereteiras», comprometía Olalla Maneiro, ao tempo que se retiraba o cableado e os estáticos pés de micro do escenario converténdoo en pista de baile. Escintilaron as luces a maior velocidade. Iago Pico, produtor das últimas cancións do trío, sumouse ao equipo. Os tempos eran chegados. Soaron Averno, Midas e Figa. A transición estaba consumada. A partir de aí todo está por vir.