Carlos Blanco e Touriñán atacan de novo: «A última cea foi no restaurante dun galego e ímolo demostrar»

FUGAS

Touriñán e Carlos Blanco en la presentación de «Somos criminais 3».
Touriñán e Carlos Blanco en la presentación de «Somos criminais 3». MONICA IRAGO

«Os galegos somos criminais tamén pola chuvia», aseguran. Colámonos no ensaio de «Somos criminais 3» para falar con eles, aínda que non saísemos con moitas máis certezas que coas que chegamos...

02 dic 2021 . Actualizado a las 22:30 h.

Sentados en dúas vellas banquetas que forman parte do decorado, Xosé Touriñán e Carlos Blanco semellan neste intre non terse desprendido do seu papel. Bromean cómplices e póñense continuamente na pel dos personaxes deste Somos criminais 3, que, por outra parte non deixa de ser a súa propia. O sábado estrean na Illa de Arousa. Despois virán A Coruña, Ourense, Santiago, Narón... Trinta e tres funcións antes de que remate o ano.

 

­—Que pasou co «Somos criminais 2»?

Xosé Touriñán. Hai que andar explicándoo moito porque a xente di: «Ostia, eu non vin o dous»...

Carlos Blanco. O 2 foi na pandemia. De feito, no espectáculo non hai nin unha soa referencia á pandemia. Decidímolo así. Por iso lanzámonos directamente ao 3.

X.T. E porque nunca segundas partes foron boas.

C.B. Hai excepcións. Mira O Padriño.

X.T. Tamén bromeamos con que non hai dous sen tres, así que era mellor atallar.

—En calquera caso, hai unha continuidade entre este espectáculo e o anterior?

—C.B. Non. Nós tiñamos moi claro que non queriamos repetir a fórmula. Que era moi fácil de repetir. Colliamos uns cantos crimes absurdos por Galicia e xa estaba. Pero iso non nos facía chiste. O reto era ver como lle podiamos dar unha volta a isto e decidimos que fose buscándolle o bo sentido á expresión. Se antes falabamos de crimes agora falamos de que somos criminais no bo sentido da palabra.

X.T. En realidade trátase de ver se o somos ou non. Nós poñemos enriba da mesa todas as cousas que nos fan ser criminais e preguntámoslle ao público se somos tan a ostia como cremos ou non tanto.

C.B. Sobre todo o que buscamos é un vehículo para xogar. Para xogar nós e para xogar co público.

X.T. Pero aínda que a idea do espectáculo cambie, a forma cambia pouco. Esa fórmula de monólogos a dous salpicados con sketches mantémola.

C.B. E incorporamos moitos elementos visuais. Temos pantallas de vídeo pero tamén hai mogollón de material de refugallo.

X.T. Home, é un pouco como somos nós. O de reutilizar é moi galego.

-Por certo, que é iso que vexo na pantalla: «2050. Emiratos Ceibes do Noroeste».

C.B. (Ri) É que os galegos somos criminais tamén pola chuvia. Pero a chuvia danos a auga e a auga vainos facer ricos. Recreamos unha situación de 2050 onde Galicia é un emirato de ricos millonarios porque temos auga e...

X.T. E hai que vir a velo para saber o final.

C.B. Esa é unha das catro grandes situacións escénicas que expoñemos.

Cales son as outras?

C.B. A segunda son dúas galegas viúvas que van co seu Satisfyer a Benidorm. A terceira fai alusión ao mito deses dous portugueses que sempre se di que hai e que por 6.000 euros pártenlle as pernas a calquera. E a cuarta é o apóstolo Santiago que vai reservar a última cea e atopa un galego que lle di iso tan noso de «só temos esta mesa que é contra a cristaleira pero aquí ides estar moi ben» e ofrécelles de primeiro calamares á romana, de segundo carneiro ao espeto «que o crucificamos nós aquí» e despois chupitos.

X.T. Sostemos que a última cea foi nun restaurante galego e ímolo demostrar.

—E nesta sorte de análise sociolóxico que facedes, a que conclusións chegastes?

X.T. Eu creo que ás mesmas que ten todo dios. Que nin subimos nin baixamos, nin somos os mellores nin os peores, nin os máis guapos nin os máis feos.

C.B. Chegamos á única conclusión á que podiamos chegar e é que... depende. Como dicía Reixa o outro día somos unha tribo que basicamente fai preguntas. E nós é o que facemos. Facémonos preguntas e mentres tanto ímonos entretendo.

X.T. Bueno, en realidade si que chegamos a unha conclusión como froito dunha investigación que nos levou dúas tardes, ben, consultando a Wikipedia, a Larousse e o Maravillas del Saber.

—Pesou moito o feito de que a primeira parte de «Somos criminais» fose o espectáculo máis visto da historia en Galicia?

X.T. Para min son todo vantaxes. Tes o listón moi alto pero iso é marabilloso para dicir non podemos fallar. Para min é bo saber que hai 60.000 persoas que te queren ver porque o pasaron ben na primeira.

C.B. En realidade son 45.000 porque 15.000 repetiron (ri).

—Neste hai música tamén?

X.T. Si, hai moita música polo medio.

C.B. Mantemos o tema de Zënzar que nos fixeran para a primeira parte pero aquí aparece Xurxo Fernandes, Ana Kiro, Amalia Rodrigues a algo de electrónica para un número final que é un pouco coreografiado.

X.T. Pero bueno, avisa ao público que tampouco espere moito do noso baile (rin).