Os oito libros galegos que máis sorprenderon os nenos no 2021

FUGAS

Oito títulos galegos que conquistaron este ano os pequenos lectores.
Oito títulos galegos que conquistaron este ano os pequenos lectores.

Brillantes relatos de compromiso ambiental e social, un referente da fotoliteratura e álbums de temática orixinal, entre os títulos infantís que marcaron o ano

30 dic 2021 . Actualizado a las 11:13 h.

A literatura infantil galega ten unha morea de razóns para pechar o ano cun bo sabor de boca. Entre elas figura a de comprobar que o fervor literario que espertou Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas, non perdeu forza despois do 17 de maio. O título Non te amola! (Galaxia), no que, a través de 16 contos, fai un retrato emocional da súa infancia, chega ao Nadal esgotado, nunha mostra da canteira de novos lectores que suma a boa literatura. Outro libro, tamén de homenaxe e que retén a atención, é Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa (Bululú), unha biografía a cargo de María Canosa que amosa de forma amena a figura poliédrica da autora, como nena curiosa, muller independente ou novelista de carácter. Un relato sobresaínte que axudou, no centenario da súa morte, a mantela máis viva que nunca, tamén entre os nenos.

Nun 2021 no que as grandes firmas non fallaron aos pequenos, houbo títulos, agardados, que recolleron o seu merecido eco. Un deles é A folla azul (Xerais), unha fermosa novela, gañadora do Premio Merlín 2020, na que Andrea Maceiras dá voz a unha nena dunha tribo do Amazonas que deberá emprender unha viaxe para salvar o seu pobo. Un relato que fai pensar e suma cómplices. «Dende hai tempo crece o interese infantil pola ecoloxía e por historias sobre realidades distintas ás nosas, pero, aínda así, sorprende que o libro sume tres edicións en sete meses», apunta agradecida a autora ao valorar un bo ano no que sumou tres novos premios.

Entre os libros que acaban de saír, pero xa enganchan, destaca tamén A nena lectora (Xerais), de Manuel Rivas, un relato cheo de forza sobre A Coruña de 1909, na que as cigarreiras e as misteiras da Fábrica de Tabacos, á vangarda na loita por conquistar dereitos, escoitaban lecturas no traballo. Un canto á esperanza e á importancia de poder soñar.

Outro libro recente que tamén suma aplausos é Dous osiños (Kalandraka), un álbum de magníficas imaxes tomadas por unha das grandes fotógrafas de animais que xa se convertera en 1954, ano da súa publicación, nun referente da fotoliteratura. No texto, de fonda tenrura, dúas crías pérdense no bosque.

Esgotan edicións en semanas

Se por algo destaca o ano é por achegar títulos que necesitan con présa unha segunda impresión. Este é o caso de Bo Camiño, peregrino! (Cumio), unha valente e traballada obra ilustrada creada con mapas das etapas a Santiago, nunhas páxinas, cheas de detalles miúdos, que non desbotan a ironía. A primeira edición esgotouse en días. Un interese lector que tamén acadou A gran tribo (Triqueta Verde), un divertido álbum no que, a través da metáfora india, se describe o día o día do cole coa dobre visión de pais e alumnos. O título logrou que as redes sociais se enchesen de disfraces apaches.

Tamén crecen con boa acollida as traducións ao galego de fenómenos actuais, como os libros de David Walliams, «o novo Roald Dahl». O couso (Sushi Books), un humorístico relato sobre unha moza e un ser que ninguén coñece, é un gran exemplo.

Xa como libro silente, consolídase La gran aventura de Nara (Degomagom), un álbum cativador no que un globo convida a grandes a improvisar e a pequenos a imaxinar. No 2022 estreará nova edición.