A primeira edición terá lugar este sábado no Pazo de Carballo ás 18 horas
08 ene 2022 . Actualizado a las 00:46 h.Bergantiños soubo gardar durante séculos unha manifestación cultural arraigada a esta terra, un xeito de improvisación oral en verso con nome propio: regueifa. Unha disputa dialéctica cargada de sorna, de retranca, de palabras afiadas para o contrincante e para o que se poña por diante. A regueifa en Bergantiños foi cousa de vodas, de tabernas, de festas populares, de actos culturais e mesmo obxecto de recoñecemento, no 2013, co Premio Rosalía de Castro provincial. Da vella garda destes regueifeiros, ponte entre os clásicos Mandián, Calviño de Tallo, Blanco de Muíño Seco, Celestino e tantos outros, quedan hoxe Suso e Antonio de Xornes. Movéndose os dous arredor dos 60 anos, foron unha salvagarda entre os tempos que eles coñeceron de mozos e os novos aires da regueifa. Semellaba en extinción, mais chegaron forzas novas e nelas hai mulleres, caso da coristanquesa Lupe Blanco. Como mostra da viveza que esta tradición está tendo a nivel galego, organizou La Voz para este sábado 8 de xaneiro, no Pazo de Carballo (18.00 horas), a primeira edición dos Premios Galegos da Regueifa. Ten para iso o apoio da Xunta e do Grupo Calvo, así como a colaboración do Concello de Carballo: non podía ser outro lugar que a capital bergantiñá.
Dende nenos a xa consagrados
Neste encontro, concibido en certa maneira tamén a modo de festival, e de acceso libre ata completar aforo, establecéronse tres apartados. No primeiro, RegueInfas, tomarán parte pequenos de idades temperás, aprendices de regueifeiros, xa sexa en obradoiros ou incluso en materias optativas como a que se imparte no instituto Marco do Camballón, de Vila de Cruces. Dende alí chegarán algúns, pero tamén da Escola Semente de Santiago ou de Baio. Doutro lado, hai nomes que, dun tempo a esta parte, veñen gañando forza como afeccionados á regueifa, atrevéndose a intervir e a darlle futuro a esta manifestación cultural: Carmaría, Óscar García Pombo ou Fernando Mato tomarán parte neste encontro baixo o apartado RegueiNovos. Un xurado será o encargado de elixir gañador, tendo en conta aspectos como a melodía, a calidade das coplas, a posta en escena ou a rima, e así será tamén no caso dos RegueiAstros, o epígrafe reservado aos nomes xa consolidados na materia. Dende Bergantiños estarán no Pazo da Cultura Suso e Antonio de Xornes ou Lupe Blanco, pero chegados doutros lares, tamén Rabelo, Kike Estévez e Séchu Sende. Todos eles tiveron estes días moi boas palabras para a iniciativa, uns Premios Galegos da Regueifa que, ao seu xuízo, servirán para seguir forxando comunidade, para amosar una nova sociedade, con novos valores, para seguir animando aos mozos a versificar ou para exhibir como se actualizou esta arte nos últimos decenios. O encontro, doutro lado, permitirá recoñecer como Valedor ou Valedora da Regueifa a unha persoa que durante anos traballase na súa conservación. O nome desvelarase no propio acto, presentado por Fran Cañotas e Loreto Silvoso.