Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«A peste», unha novela sobre as táboas para falar de distintas pandemias

FUGAS

Ensaio de «A peste», montaxe de Cándido Pazó.
Sandra Alonso

O Centro Dramático Galego ofrece unha lectura teatral do texto de Albert Camus ata o 13 de marzo no Salón Teatro en Santiago

28 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia sanitaria polo covid, pero tamén outras: a das guerras, as fames, o cambio climático... Todo isto está sobre o escenario do Salón Teatro de Santiago ata o 13 de marzo a través de A peste, a nova montaxe propia do Centro Dramático Galego (CDG) inspirada na novela homónima de Albert Camus escrita ao remate da Segunda Guerra Mundial. Todo un clásico que o director, dramaturgo e actor Cándido Pazó adaptou sendo fiel ao orixinal, pero tamén introducindo achegas propias para manter a fluidez escénica á hora de plasmar esa cidade de Orán asediada por unha praga de peste e na que os seus habitantes se ven sometidos a unha corentena.

«É ler desde o teatro a Camus», afirma Cándido Pazó. Unha lectura que se desenvolve durante aproximadamente dúas horas e media en cada función e na que tamén están presentes parte das reflexións do novelista porque «A peste en grande medida é un tratado filosófico. Se renuncias por completo á parte reflexiva, conceptual e filosófica, e te centras só no argumentario, estás renunciando a que iso sexa A peste». E o obxectivo foi que «a xente recoñeza desde o teatro a Camus e a súa obra». Para iso, Pazó explica que foron «moi fieis para que a esencia da novela estea sobre o escenario, pero tamén moi libres para que a proposta sexa amena». Este último reto foi unha das prioridades e, así, tamén conta con momentos divertidos e incluso cómicos. «Sei que a primeira conexión que se fai é coa realidade que estamos a vivir co covid, pero no trasfondo fálase das grandes pestes que asolaron ás civilizacións: guerras, fames, totalitarismos...», resalta o director.

Nesta particular lectura de Camus coa que a compañía teatral pública dependente da Xunta abre o ano participan un cento, cun elenco artístico formado por quince persoas, o máis amplo dos últimos anos, segundo lembrou o director do CDG, Fran Núñez. Os encargados de dar vida aos personaxes son Nacho Castaño —que asume o papel protagonista do doutor Rieux no seu regreso ao escenario despois de anos centrado no audiovisual—, Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda G. Alfaro, Paku Granxa, Luís Iglesia B., Miquel Ínsua, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, María Roja, Santi Romay e Carlos Sante. Todos eles móvense por unha escenografía deseñada por Dani Trillo e que ten a particularidade de que vai mudando de cor, de xeito que escurece segundo o mal se vai estendendo.

Unha aposta á hora da escenografía que se fixo pensada para o Salón Teatro tendo en conta que nesta ocasión, a diferenza doutras montaxes producidas polo CDG nos últimos anos, non xirará por outras localidades, senón que durante preto de dous meses se representa en Santiago. Deste xeito, desde a Xunta queren impulsar a sede da compañía na rúa Nova como referente cultural e para iso están contratando autobuses desde máis dunha ducia de concellos para facilitar a asistencia a esta peza que invita a reflexionar sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise.

Ás funcións que se representan de mércores a domingo de A peste na adaptación de Cándido Pazó, úneselle como novidade un programa de improvisacións que ten lugar todos os luns ata o 7 de marzo a cargo de Antía Costas, Marta Doviro, Arturo Cobas, Pablo Navas, Antón Coucheiro e Cayetano Lledó.