Antía Muíño: «Pensaba que non ía actuar por cantar en galego, e foi o contrario»

FUGAS

Desta cantautora galega afincada en Donostia, que a finais de ano publicará o seu primeiro disco, Xabier Díaz confesou estar «alucinado»

15 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Educouse na música tradicional e formouse na clásica. Tamén en Dereito, pero ese é outro conto. Os estudos de guitarra levárona ao Musikene, en Donostia. E alí ficou. Atenta a todo o que arredor dela acontecía pero sen nunca perder de vista a súa raizame. Como demostrou chegado o momento de postular o seu proxecto musical: unha sorte de delicada e sedutora mestura entre a renovada canción de autor, a tradición e o pop, con evocacións que van dende o jazz ata a bossa nova. Cantado en galego. E nesas estabamos cando recibiu a chamada de Xabier Díaz para que lle puxese voz e alma a varios dos temas do seu novo disco.

 ­—Dixo Xabier Díaz tras gravar contigo que estaba «absolutamente alucinado» coa túa voz.

Jo! Pois imaxínate... É un dos músicos referentes do país e tamén o era para min. Que contase comigo e que ademais o fixese cunha confianza total foi algo que lle agradezo moito e que gocei moitísimo.

—Ti de nena formaras parte dun grupo de cantareiras e pandeireteiras.

—Si, eu empecei na música tocando a pandeireta.

—Vaia, igual tiñas agora un «futurazo».

—[Ri] Nunca se sabe. No meu proxecto teño moitos temas que beben directamente da tradición. Eu collo cancións que levan comigo dende nena, que aprendín naquel grupo de cantareiras, e que a pesar de todas as voltas que me deu a vida, seguen estando aí. Esa raíz mantense. Para min é unha fonte superimportante.

—Un xornal de Cantabria dixo de ti que eras «a nova musa da canción galega».

—Alégrome, pero non creo que sexa para tanto. Eu non me sinto musa de nada. Nin pretendo selo. O que si que é certo é que a xente que me ve nos concertos queda sorprendida e emocionada. Como que lle tocamos a fibra. Non sei se iso lle serve de inspiración a alguén, pero gústame moito.

—Tamén se ten dito que es a Silvia Pérez Cruz galega.

—Si, iso mo teñen dito. Eu que sei... Si que Silvia Pérez Cruz é un referente, é unha cantante que me flipa. Gústame como cantante, como compositora, como produtora... É algo no que eu me fixo moito das artistas, que teñan esa capacidade non só de interpretar senón de ser xefas no que fan.

—Que hai dese disco que levas dous anos anunciando?

—Si, mira que leva tempo, eh? Pero por fin podo dicir que xa está gravado. Rematamos hai dúas semanas e agora queda mesturalo, facer os vídeos... Estou superilusionada e moi contenta. Foi algo no que botei moito tempo traballando porque tampouco é que tivese présa. Cada un ten os seus tempos. Podería telo gravado antes porque as cancións xa estaban aí, pero fíxeno cando me sentín cómoda, cando tiña moi claro que temas quería que estivesen, que estética quería darlle... E si, estou feliz.

—Cando sairá?

—A finais de ano.

—Manterá a liña dos dous adiantos que xa coñecemos?

—Si, vai máis ou menos por aí. Hai algún tema que está máis producido pero en xeral os temas son moi íntimos, cun son acústico. Hai algúns que beben da música tradicional, outros que son máis estilo cantautora, eu coa miña guitarra, e nalgúns incorporei percusión para darlle un pouco máis de forza.

—E no que se refire ás letras?

—A maioría teñen un toque intimista, medio existencialista... En calquera caso, eu non me considero unha gran letrista. A min cústame moito traballo expresar os meus sentimentos, e a través da música logro facer iso dunha maneira máis doada.

—Lin nunha entrevista que che fixeron nun xornal do País Vasco que dicías que por que non se vai poder ter éxito fóra de Galicia cantando en galego? Sentes que agora é máis doado?

—Pode que si. O que está a pasar con Tanxugueiras e o que fixeron outras que saíron antes que elas axudounos moitísimo. Hai sitios como Euskadi nos que a sensibilidade que hai con respecto ao galego é grande. Eu, por exemplo, o ano pasado presenteime para actuar no Festival de Jazz de San Sebastián e pensei que non me ían coller por cantar en galego. E foi todo o contrario. Escolleron o proxecto por unanimidade e puiden cantar en galego alí. Cumprín un dos soños da miña vida. Quero dicir que moitas veces somos nós mesmos, os propios galegos, os que pensamos que non podemos acceder a determinadas cousas. Somos nós os que nos poñemos os teitos. E realmente non hai tantos como pensamos.

—Se o teu proxecto musical funciona, seguirás en Euskadi ou volverás a Galicia?

—En Euskadi non estou mal pero si que considero a posibilidade de virme a Galicia. Eu teño bastante morriña. E si que me vexo vindo para aquí. Máis cedo que tarde.

—Ti tamén es licenciada en Dereito, pero desbotaches a idea de seguir por esa vía nun voo a Arxentina. Que pasou naquel avión?

—Eu estaba nunha época na que tiña que tomar a decisión de que facer co meu futuro. Rematara Dereito e o Grao Medio de Música e estaba dubidando por onde seguir, a que adicarme. Naquel avión coincidín cun diplomático do consulado de Arxentina en Alemania que non facía máis que falar mal dos emigrantes. Dicía que eran a causa da ruína de Arxentina. E a min ese campo do dereito internacional era o que máis me interesaba no caso de que seguira por esa rama. Por outra banda, nunha escala desa viaxe coincidín cun guitarrista brasileiro, que me falaba da súa música e do que facía con absoluta paixón e felicidade. E non sei, igual foi unha parvada, pero naquela viaxe topeime cos dous meus posibles futuros e penso que foi o que me levou a dicir «non, mira, ti segue coa música que vas ser máis feliz».

—Cuestionácheste algunha vez aquela decisión?

—Non é que a cuestionara pero si que teño pensado algunha vez que sería de min se houbera seguido co Dereito. Tamén é verdade que de ter escollido o camiño do Dereito podería ter sido feliz igualmente. E a música sempre seguiría comigo. Ao final, aos camiños que eliximos dámoslles moita importancia pero, non sei, o realmente importante é atopar a felicidade mentres transitas por eles, da igual de que tipo sexa o camiño. Non é preciso agardar a chegar á meta para ser feliz.