Pili Pampín e Ortiga, autores do «hit» galego do momento: «Somos unha especie de 'crooners' verbeneiros»
FUGAS
A «estraña parella» asina a que xa leva trazas de ser a canción galega do verán, unha versión actualizada do «Eu chorar, chorei», todo un himno da verbena. Agora 2.0
11 may 2022 . Actualizado a las 14:12 h.A estraña parella, poderían parecer. Ela, unha icona da canción popular galega, un mito da verbena, a raíña do campo da festa e dos bailes venerables. El, un revolucionario da pachanga, o ídolo aclamado pola mocidade, o príncipe do moderno torreiro e tamén dalgúns afters. Pero, se cadra, teñen Pili Pampín (Rois, 1971) e Ortiga (Santiago, 1994) moito máis en común que o que os separa. Trasladámoslle a cuestión nun encontro con ambos e así o corroboran. «Aínda que sexamos de xeracións distintas, temos unha afinidade bastante guai. E iso transmítese na canción. Cando a xente se para a escoitar, sácanos bastantes máis puntos en común dos que a priori parece», apunta Ortiga. «Eu flipo, de verdade, porque a conxunción, ademais de ser espectacular, tivo unha aceptación marabillosa na xente nova, que é o que a min me facía falta», ratifica Pili Pampín.
Falan da versión do Eu chorar, chorei que veñen de publicar xuntos. Unha actualización dun dos grandes clásicos da canción galega, á que a cantante de Rois lle achega a compoñente vocal clásica e que Chicho adereza con bases electrónicas e autotune.
O tema está chamado a ser un dos grandes ghits do verán galego, tanto nas pistas de baile como nos campos da festa. E é, precisamente, esa infrecuente dualidade, esa fértil conxunción entre dous mundos aparentemente opostos, a gran aportación desta estraña (ou non tanto) parella. O moderno non só convive co tradicional senón que se fusionan en inverosímil harmonía. E así, tanto se ten visto bailar este Eu chorar, chorei na tarde do domingo na discoteca La Luna (na que, por certo, se gravou o videoclip) como nun after perralleiro ben entrada a madrugada.
Pili Pampín e Ortiga non só fixeron saltar polos aires absurdos prexuízos e complexos. Tamén a brecha xeracional. «Dende que saíu este tema, a min aumentáronme mil seguidores en Instagram», conta a cantante. «E todo é rapazada. Estouno notando unha barbaridade nas verbenas, que teño alí diante a peña de 18 ou 20 anos».
Pero volvamos ao que uniu a estes dous personaxes fascinantes. «Eu creo que foi o gusto pola verbena», apunta Ortiga. «As nosas propostas, ao final, son bastante parecidas. Somos unha especie de crooners verbeneiros, cada un co seu estilo. E, sobre todo, gústanos as cousas faciliñas, que funcionan. Nin ela nin eu somos xente que nos comemos a cabeza esaxeradamente. As nosas son cancións feitas para desfrutar, puro entretemento, sen transfondo político ou social. E ao mellor a xente pensa que por iso ten menos validez. Pero, joder, xa é bastante político e social bailar e estar de festa, non?».
Comparte Pili Pampín esa reivindicación da verbena como espazo hedonista e multixeracional. «Foi iso o que a salvou. Hai 10 ou 15 anos parecía que a verbena se esgotaba e hoxe está máis de moda que nunca. Eu nesta tempada levo cinco actuacións e xúroche que nunca na miña vida vin tanta xente na festa. Se ata as comisións poñen autobuses para que a xuventude vaia ás verbenas. É marabilloso».
«Tamén a xente das orquestras actualizou moito a súa proposta e o seu repertorio», incide Ortiga. «Antes era todo boleros, vals e pasodobres. E iso si que marcaba distancia coa xente máis moza. Pero é que agora mesmo na verbena soa tecno, soa a última canción de Operación Triunfo ou o último hit de Lola Índigo».
Ortiga e Pili Pampín coñecéronse en Land Rober. «Alí propuxéronnos cantar Muiñeira do interior», lembra a cantante. «Eu con autotune. A primeira vez na miña vida que cantaba con autotune. Flipante. O momentazo quedou xenial. Despois chamáronos para facer un temiña no Luar de fin de ano. Chicho púxose a romper a cabeza, colleu o Eu chorar, chorei, fíxolle unha versión super chula e alá fomos».
Hoxe volverán coincidir no escenario. Será na sala Capitol, en Santiago. No que Ortiga recoñece como «o concerto máis importante da miña vida». E no que contará con convidados como Grande Amore. Carlangas, High Paw, Cibrán (Boyanka Kostova), Conjunto Amistá e, por suposto, Pili Pampín.
—Pili, actuaches algunha vez na Capitol?
—Pili Pampín: Á Capitol teño ido moito ao cine (ri). Pero a actuar nunca. Vou flipar alí.
—Ortiga: Jová Pili, menuda honra. Eso me toca el corazón, sinceramente. Isto contareillo aos meus netos.
Non fixo falta máis. A sintonía e a complicidade percíbense absolutas. Só faltou aquel «Non importa. Ninguén é perfecto».
- Sala Capitol, venres, 21.00 horas, 16,50 euros