Pedir axuda non é fracasar

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Antía Yáñez escacha o tabú da enfermidade mental na novela «Non penses nun elefante rosa»

27 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

De elefantes, do que estes significan e simbolizan, escribiron e recreárono nas súas obras literarias voces como as Fran Alonso, Lupe Gómez, Manuel Darriba, Antón Riveiro Coello, Teresa Moure, Berta Dávila e agora faino, con incontestable fortuna, Antía Yáñez.

Velaquí unha proposta ben suxestiva da que, talvez, ao afirmar que se trata dunha obra que fala unicamente da saúde mental se aplique un criterio reducionista. Ante todo é ficción, ficción construída desde unha perspectiva allea a prexuízos, directa, en moitas pasaxes chea de sentido do humor, sen esquecer que resulta emocionalmente intensa.

Novela de protagonista? Si. A figura de Aurora focaliza case na súa totalidade a dinámica argumental na que, con todo, non nos conduce só esa voz tan singular que nos sitúa en diversos segmentos temporais e que van desde o que ocuparía unha actualidade próxima aos nosos tempos a outros máis recuados que axudan a calibrar a evolución psicolóxica da personaxe. Antes ben hai un recurso moi rendible e que un desexa que apareza unha e outra vez: tal é esoutra voz que se correspondería ao subconsciente de Aurora, se cadra pola ironía que exhibe, pola súa frescura, por todas as interrogantes que suxire e porque nos fai situar na cerna dos problemas dela mesma.

Esta novela afonda con transparencia na vida dos millennials, repara nas dúbidas ou encrucilladas da vida, sen esquecer reflexionar sobre a amizade, o maltrato físico e psicolóxico, o amor «verdadeiro» e o dominio, ou non, dos códigos de conduta. Pero hai máis: Aurora fálanos sobre a xenerosidade, o sufrimento, a ansiedade, a culpabilidade e a vileza do comportamento que pode albergarse nalgúns seres humanos; mesmo non ignora o funcionamento do trastorno obsesivo compulsivo e faino superando os estereotipos máis habituais que circulan con profusión sobre este de maneira que, desde a ficción, contribúe a liberar de estigmas esta doenza porque fai seu o concepto, como aparece ben reflectido na novela, de que pedir axuda non é fracasar. Non o dubido: moi recomendable.