Elba: «Somos a xeración que mellor vivimos de nenos, e agora que?»

FUGAS

A cantante compostelá Elba Souto, que estará en el festival de Nigrán.
A cantante compostelá Elba Souto, que estará en el festival de Nigrán. Bruno M

Ten todo para converterse nun referente xeracional. Musical, estético e mesmo emocional. «La magia natural», o seu disco de debut, é a proba

17 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Teñen non poucas veces os primeiros discos ese carácter dubitativo que devén da necesidade do artista de recompilar e testemuñar o que leva feito en anos. En La magia natural hai algo diso. Dese efecto poliédrico, case calidoscópico, cheo de cores e reflexos. Pero é máis que suficiente para que Elba (Compostela, 1996) deixe clara a súa candidatura para converterse en relevante e estimulante referente xeracional. Cunha voz poderosísima e persoalísima. Cunha enorme capacidade para evocar ambientes e ensoñadoras atmosferas. Cun valente e terapéutico descaro emocional. Cunha luminosa frescura que contrasta con certas escuras referencias vintage. Cunhas irrefreables gañas de divertirse. E de divertirnos. De saír a flote. La magia natural agrupa doce cancións de synth pop temperado e grande poder evocador, non exentas de certa épica e, por un momento, mesmo de grandiosidade lírica. Oito temas cantados en inglés, un en alemán e tres en castelán, precisamente os máis recentes. Elba anuncia que nas súas vindeiras creacións abandona o inglés. «Agora prefiro escribir en galego ou en castelán. Síntome máis cómoda cantando nos meus idiomas nativos».

—Na túa música conflúen referencias da túa xeración con outras da primeira etapa da electrónica e do tecnopop. De onde che veñen esas influencias?

—De ningún sitio en concreto. Eu, dende pequena, sempre fun moi curiosa. De buscar moitas músicas. Meu primo maior regaloume un tocadiscos e os primeiros que tiven foron un de Velvet Underground e outro dos Pixies. E, por exemplo, a influencia de Mecano venme de meu pai.

—Non deixa de ser curioso que recoñezas sen pudor esa influencia.

—Por que?

—Porque moita xente da túa idade avergonzaríase diso.

—Si, pode ser. Pero a min non me dá ningunha vergonza. Si que é certo que cando os escoitaba meu pai non me gustaban tanto. De adolescente gustábanme máis Dover, Avril Lavigne, Nirvana... Tiraba máis polas guitarras. Pero logo fun abrindo máis o meu abano. É que, se non, aburríame.

—O punto de partida dunha canción adoita ser unha base ou unha letra?

—Case sempre é unha melodía a teclado e voz. A partir diso, vou construíndo acusticamente, con piano e guitarra, a estrutura da canción. E despois xa a produzo no ordenador, buscando sons e bases que me gusten e que me encaixen.

—Ao longo de todo o disco queda moi patente a influencia que en ti xerou Kate Bush. E esta semana lemos que, por mor da aparición en «Stranger Things», unha das súas cancións é a máis escoitada en Spotify no 2022. Ao final resulta que fuches unha clarividente. Ou vidente.

—Si (ri). Xa o vin e flipei. Mira que me alegro, porque o merece. Oxalá todo o mundo coñeza a Kate Bush.

—Que é o que tanto che seduce dela?

—Descubrina cando estaba gravando o epé de Ivy Moon. O técnico do estudo díxome que a miña voz lle lembraba a Kate Bush. Eu non sabía quen era. Busqueina, encantoume e de aí pa' sempre. Eu coñecía Running up that hill pola versión de Placebo.

—Teño a sensación de que este é un disco contido, de que ti vas a evolucionar cara a ritmos máis cañeiros.

—Si, pode ser. As seguintes cancións que teño en mente si que son máis moviditas. Pero, á vez, esas atmosferas son tamén como a miña esencia. Seguen a gustarme moito... O que si, igual meto máis guitarras.

—Como ves a escena musical galega para artistas que vindes do underground?

—Uf! É moi complicado vivir disto. E máis se non tes unha axencia nin discográfica detrás. Que conste que a estes niveis eu prefiro seguir así e ter eu o control de todo o que fago. A min o que máis rabia me dá é a inmediatez que tes que ter. Non podes estar tres meses sen sacar unha canción porque é como que xa ninguén se lembra de ti. Para min é todo demasiado rápido. Ou fas cancións como churros ou, se queres facer algo cun pouco de alma, eu non son capaz de facelo dun día para outro.

—Pois se algo hai neste disco é alma.

—Si, pode que demasiada. Foi un estriptis total.

—Dende logo, hai moito desa angustia existencial que tanto está marcando á xeración «millennial».

—É certo que nos marca, pero tamén que agora se fala máis abertamente disto... Eu estou segura de que antes tamén había esas angustias, pero non se falaba delas. Pensa que estamos marcadas pola crise do 2008 e pola pandemia. Somos a xeración que mellor vivimos de nenos, pero agora... que? Meus pais viviron peor de pequenos, pero puideron traballar dende os 19 anos.

—Ti en que punto estás, no de «Todo guay», a canción que pecha o disco?

—Non, non, estou moito mellor. Ese tema fala precisamente da incapacidade da nosa xeración para manifestar o seu desencanto coa vida. De feito quixen pechar o disco con esa canción para que faga de ponte cara ao seguinte. Aínda que as emocións sempre van ser un tema central nas miñas cancións.

—Por que incluíches no disco a aria de Bach «Seufzer, Tränen, Kummer, Not»? Para dicir aquí estou eu e mirade o que son capaz de facer?

—É un tema que cantei na miña audición de fin de grao de canto, no Conservatorio, e lle teño moito cariño. Por enriba, a letra pega moitísimo co resto do disco. Literalmente di «suspiros, lágrimas, penas, calamidades, angustias e anhelo, pavor e morte, roe o meu oprimido corazón, sinto congoxa e dor». Moi jevi. Dende logo é unha canción que a xente ou lle flipa ou os desencaixa. Dubidei moito se metela ou non. A min encantábame como quedaba aí en medio, pero entendo que podía soar raro. Ao final decidinme polo que a min me gustaba.

—E esa parte lírica vai seguir presente na túa carreira?

—Aínda que pode non sexa, como neste caso, presente nunha obra lírica como tal, aínda que pasada polos sintes, eu pretendo meter sempre algunha cousiña de lírica nos meus traballos. Aínda non sei como pero quero que siga estando aí e seguir cantando iso.

—Cando chegaron os «sintes» a túa vida e á túa música?

—Sintetizadores non teño porque son carísimos. Pero tiven o meu primeiro piano con 7 anos. Despois descubrín que cun ordenador podía producir todos os sons que necesitaba e dixen «esta é a miña».

—E a «pool bar»?

—Ah! É un deporte fenomenal. Adestras todo o corpo. De feito, proximamente vou incluíla nos concertos. É que eu son moi ci inquedo. Gústame moito bailar, non podo parar. Ao mellor estou soa na casa, poño música e estou por toda as habitación saltando. Son puro nervio.

—Es divertida?

—Penso que si. Gústame moito rirme e gústame moito que me fagan rir.

—Que importancia ten a estética no conxunto da túa proposta?

—É unha parte moi importante. Antes de sacar o disco non quixen sacar ningunha canción sen videoclip. A estética complementa a miña música e o que quero transmitir. É como a roupa ou a maquillaxe. Para min son complementos que me axudan a expresarme.