Don Paco, un optimista radical e sempre puntual con Galicia

FUGAS

Pinto&Chinto

As Letras Galegas cumprirán os 60 maios celebrando a Fernández del Riego, que abriu a porta á modernidade na Real Academia e na cultura

16 jul 2022 . Actualizado a las 23:14 h.

Real Academia Galega vén de escoller o persoeiro ao que se dedicará no 2023 o Día das Letras Galegas e non é outro que o seu mentor, Francisco Fernández del Riego. O vindeiro 17 de maio non só se homenaxeará a súa incuestionable traxectoria, tamén os sesenta anos desa efeméride. Tras o anuncio, as redes sociais enchéronse de alegría porque foi das mentes máis preclaras do galeguismo, un home que dedicou á cultura galega todas as horas do día, con esforzo, privacións, pero tamén fachenda, vitalidade e moita positividade, pois era un optimista radical.

Lourenzá foi berce de palabras e de primeiras reivindicacións galeguistas, alí o Día da Patria Galega de 1931 izou a bandeira azul e branca no balcón do concello e estreouse como orador. Del Riego deixou o val que o vira nacer pola capital e en Madrid comezou os estudos de Dereito e viviu con fervor a chegada da República. A carreira rematouna en Compostela, onde entrou de cheo no galeguismo: o Seminario de Estudos Galegos, as Mocedades Galeguistas, Ultreya, o Partido Galeguista, a elaboración do Estatuto de Autonomía, os mitins... e xa entón as colaboración nas principais cabeceiras: A Nosa Terra, El Pueblo Gallego, Alento, Nós, Galiza... Foron anos de ilusións, do laciño negro ao pescozo dos tempos de galán.

Un traxe que non era para el

Na súa andaina vital foi consecuente sempre, aínda que a sublevación fascista o obrigase a vestir un traxe que non era para el. Salvou a vida porque loitara no bando gañador, mais sabíase derrotado, non só porque quedara inhabilitado como docente e apartado do seu posto na Facultade de Dereito, senón porque perdera moitos amigos nas cunetas.

Cada pedra de Compostela acusábao de «ser galleguista y afecto al Frente Popular», polo que cunha pequena maleta e mil pesetas no peto colleu o tren a Vigo, a cidade que o acubillou. Reencontrouse con Valentín Paz Andrade ou Maside, co que xantaba no Berbés na que era a única comida que facían ao día. Axiña comezou a escribir en distintas revistas sobre reloxos, deporte ou pesca, sen esquecer nunca o aprendido, tal así que amenizaba as conversas arredor dun bo prato de peixe dando o nome científico e describindo as súas características.

Del Riego cambiara o mar de Foz, onde veraneaba na súa infancia, polo de Vigo. Na cidade podía velo dende o seu despacho na Fundación Penzol e nos veráns eran diarios os longos paseos pola praia de Area Loura, topónimo que reivindicaba fronte ao de praia América. Mirando ao Atlántico intentaron reconstruír politicamente o galeguismo na clandestinidade, pero o proxecto naufragou pola represión establecida e buscaron abeiro na cultura: no suplemento sabatino de La Noche e fundamentalmente coa creación da Editorial Galaxia, buque da resistencia galeguista. A Del Riego debemos a recuperación de Álvaro Cunqueiro como escritor en galego, a súa teimosía chegaba puntual a Mondoñedo en forma de misivas ata que conseguía un orixinal. Na súa casa confeccionouse o primeiro número da colección Grial, botou a andar a colección de poesía Salnés, onde se publicou Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro... Non se explicaría a literatura galega de posguerra sen a súa figura.

Visión de futuro

Converteuse en don Paco, un tratamento que reflectía o respecto e a admiración que conseguira co seu traballo incansable, que o levou a dirixir a Real Academia Galega con máis de oitenta anos e ser quen de modernizala e de conseguir que lesen os seus discursos de ingreso: Méndez Ferrín, Franco Grande, Ramón Lorenzo ou Antón Santamarina. Unha das principais calidades era a súa xenerosidade e non ser sectario con quen pensaba distinto, outra a súa visión de futuro e así, aínda que non saíra da máquina de escribir, foi quen de impulsar a dixitalización desta institución e tamén da Fundación Penzol, que dirixiu dende a súa constitución en 1963 ata pouco antes de falecer. No seu despacho recibía a xente investigadora con entusiasmo. Recordo o primeiro día que o coñecín: a súa mesa perfectamente ordenada, a lupa que nos últimos anos axudábao a ler, as tesoiras coas que recortaba todas as noticias que consideraba importantes... Era un home recto, incorrompible, un maniático da orde e da puntualidade. Todo o mundo o sabía, por iso eu sempre chamaba á súa porta cando o reloxo da colexiata tocaba, á hora en punto. Este feito foi definitivo para gañar a súa simpatía, pero un día díxome que a súa casa non era un cuartel e que tiña permiso para entrar e saír ao meu antollo. Creo que nese momento pasei a ser da casa, como tantas veces me lembraba. No 2023 teremos tempo para profundar na figura e na obra do rexo loitador a quen a xente chamará sempre don Paco, don Paco por antonomasia.