Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Boyanka Kostova: «As nosas cancións son extensións das nosas vidas»

FUGAS

«Somos moi serios estando de broma», asegura Chicho do Funk (dereita), que forma Boyanka con Cibrán García.
«Somos moi serios estando de broma», asegura Chicho do Funk (dereita), que forma Boyanka con Cibrán García. LUIS DÍAZ

Cunha proposta festiva e retranqueira, Chicho do Funk e Cibrán García sitúanse nas antípodas dos canons do trap. O mércores abren o Revenidas

03 sep 2022 . Actualizado a las 23:37 h.

A cousa é buscarlle as voltas a todo. Incluso ao trap, un xénero, a priori, pouco propicio para frivolidades. Chicho do Funk (Ortiga) e Cibrán García levan dende o 2016 amosando que outro trap é posible. Moito máis lúdico, apoiado en bases máis festivas, cheo de sentido de humor, en galego e sen alardes nin postureos. E ben que se agradece.

Sen abandonar a súa esencia underground, Boyanka Kostova está a dar o salto aos grandes escenarios. Acaban de chegar de Alemaña e o mércores abren o festival Revenidas, co que, din, «vai ser o concerto máis importante e máis longo que teñamos dado». A presenza de convidados como Dios Ke Te Crew, Grande Amore, Pili Pampín ou Mundo Prestigio, atéstao.

­—Boyanka Kostova nace no 2016. Adiantáronse de máis?

Chicho do Funk. Non creo. Nós facemos a música que escoitamos. E nesa época estabamos a tope con artistas e estilos que si que é certo que tiveron moita máis transcendencia anos despois. Xente como Bad Gyal ou Cecilio G, que viñan á sala Malatesta e non enchían. Ao final todo xorde de pasalo guai e de facer as cousas coas xustas pretensións. Como é para nós...

—A repercusión que xa ten Boyanka permítevos crear hoxe coa mesma espontaneidade? De verdade é só para vós?

Cibrán García. Nós a música seguímola facendo exactamente igual. Seguimos contando as cousas que nos pasan.

C. F. A forma de actuar segue sendo a mesma: sentar, ver que podemos facer e se o pasamos xenial facéndoo convértese nunha canción nova. E, se non, pois xa quedaremos outro día.

—Unha das grandes achegas de Boyanka Kostova ao xénero é incorporarlle sentido do humor.

C. F. Iso é porque para nós as cancións son unha extensión das nosas vidas e personalidades. Somos moi serios estando de broma e estamos de broma moi seriamente. Cando nos xuntamos, estamos todo o rato dicindo estupideces e barbaridades. Pasámolo ben e gustámonos así. Preferimos facer un tema que sexan unhas risas que esas movidas de dicir que tes cousas que non tes ou que fas cousas que non fas.

—No novo disco, en cancións como «Duro» e «Toto», non vos cortades á hora de abordar contidos explícitos.

C.G. Porque seguen sendo realidades. Nós somos xente que, como calquera, ten unha vida sexual. E ás veces ocórrenseche cousas que soan graciosas, como «o teu toto sabe a marisco, quero pegarlle un mordisco». E dis: «Pois esa frase mola. Imos ver ata onde podemos chegar con iso». Se sae divertido, dámoslle para adiante. E se non nos fai graza, borrámola e facemos outra.

—Por que hai tan poucos grupos de trap en galego?

C. F. Uf, aí pódeste poñer a filosofar ata o punto que ti queiras. Ao mellor, simplemente porque non cadrou. Non sei..., tampouco hai moitos grupos de house. Supoño que será aleatorio e anecdótico. Eu non lle vexo un por que si ou por que non.

C.G. Pode ser porque aínda lle faltan ao xénero uns cantos anos para que asente ben. Ou porque á xente de Galicia non lle gusta. Quen sabe?... Eu non teño nin idea.

—Nos comezos falábase de vós como un grupo de «trap rural». Que foi daquilo?

C. F. Iso foi máis un rollo de folla de prensa que se inventou a discográfica que unha etiqueta autoproclamada. A verdade é que nos dá igual. O que importa é que a peña veña aos concertos. E se hai unha etiqueta que entre polo ollo, e que faga que veña máis persoas aos bolos, marabilla.

—Tamén é curioso e singular o voso achegamento á música tradicional, aínda que sexa para deconstruíla en clave de trap.

C.G. A ver, nós somos de aquí e mamamos bastante diso. Pero, como todo en nós, saíu de forma espontánea. Un día falamos un pouco de que molaba xuntar a muiñeira co trap porque cadran moi ben os tempos e os ritmos, gustounos a idea e démoslle para adiante.

C. F. Nós o único que facemos é dende o noso espazo e tempo facer cousas. Ao final, o peor que pode pasar coa música é que non lle guste a alguén. Paréceme un prezo barato a pagar como para non involucrarse a tope en cousas locas.

—Agradécese nestes tempos escoitar música e non ter que pensar?

C.G. A ver, nós facemos isto, pero as cousas sisudas tamén están ben.

C. F. A min Radiohead encántanme...

C.G. Por exemplo. É certo que da xente que fai trap case ninguén o fai dunha forma festiva. Pero, quen sabe, ao mellor un día dános por poñernos todos serios e sacamos un disco de «te voy a comer la olla, chaval». Un disco de trap didáctico.

 

O festival que convoca á selección galega de música

Se houbese, ao igual que ocorre nas disciplinas deportivas, unha selección galega de música, a súa aliñación nos distaría moito do cartel que no ámbito da música galega presenta este ano o festival Revenidas, que o mércores comeza en Vilaxoán (Vilagarcía).

Vinte e cinco artistas e grupos galegos conforman e reafirman esta aposta pola música da terra. Están case todos os que son e, dende logo, son todos os que están. Dende moi distintas vertentes e perspectivas.

O festival arranca o día 7 cun concerto especial de Boyanka Kostova, no que contarán coas colaboracións de Dios Ke Te Krew, Grande Amore, Pili Pampín e Mundo Prestigio. Ese día tamén actuará a pontevedresa Sinner e as disyoqueis vilagarciáns Kris K Dj e La Yaya.

A presenza galega na xornada do xoves concrétase en Lamontagne & Picoamperio e Copa Turbo. O venres pasarán polo Revenidas SonDaRúa, Bratzantifa e Grande Amore. Para o sábado o festival reserva nin máis nin menos que a Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría, A Banda da Loba, The Rapants, Doen, Monolious Dop e La Duendeneta. A derradeira xornada do festival, que ademais será de balde, convoca a Sés, Ortiga e Caamaño & Ameixeiras.

Por se alguén botaba en falta a algún artista, aínda faltan os concertos a bordo. Os do venres correrán por conta de Antía Muíño, Xabier Díaz e Grande Amore. Para o sábado quedan Guadi Galego, Boyanka Kostova e Cardalda e Dopico.

Ademais dos artistas galegos, o cartel do Revenidas tamén conta con presenzas de tanta sona como La Pegatina, SFDK, Zoo, Gatibu, Suu, Talco, Ketekalles, Lendakaris Muertos, Ladilla Rusa, Moscow Death Brigade ou Dubiozas Kolektiv.

  • VILAGARCÍA PORTO DE VILAXOÁN, DO MÉRCORES 7 AO DOMINGO 11