Laura Lamontagne & Picoamperio: «Rapeiros, trapeiros ou peña coma nós o que facemos é lírica»

FUGAS

Laura Lamontagne e Picoamperio.
Laura Lamontagne e Picoamperio. cedida

Lideran a lista de favoritos como grupo revelación da música galega. En novembro publican disco. O primeiro adianto vén confirmar as expectativas

23 sep 2022 . Actualizado a las 23:30 h.

Aínda quedaban territorios por explorar, paixóns por revelar e emocións que espertar na nosa música. Cunha desbordante capacidade de evocación, Laura Lamontage (Lugo, 1993) e Pedro Cuntín, Picoamperio, (Teo, 1995), asinan, a partir de referencias líricas e texturas electrónicas, un proxecto que é pura excitación. É certo que falar deles como revelación é un tanto inapropiado. Atesouran máis dun centenar de concertos e un premio Martín Códax, aínda que nin sequera contan cun disco. O primeiro publicarase aí por novembro. O pasado venres estrearon o seu primeiro adianto, Banharemonos nas ondas, acompañado dun videoclip que nos somerxe nun fascinante labirinto de sensacións. Un vídeo que arranca cun infrecuente minuto e medio de atmosférica introdución. «Xa, ese foi un risco que vimos dende o principio. De feito, valoramos separar a intro do tema, pero dábanos moita pena. Está claro que non responde aos formatos comerciais, nos que o gancho ten que aparecer rapidamente na canción. Pero responde á nosa forma de ver a música, máis creativa, máis libre», comenta Picoamperio. «Dalgún xeito é unha declaración de intencións, no sentido de que nós somos os que decidimos o que imos facer», apostila Laura. «É como dicir 'eu teño estes conceptos, quero despregalos e vou chegar ao final'. Metemos esa intro porque para nós significa algo moi forte. Ten unha historia detrás da que eu non me quería despegar».

—Que vén achegar Lamontagne & Picoamperio á escena musical galega?

Laura Lamontagne Estribillos, ningún [rin].

Picoamperio. Eu creo que un punto de fusión cunhas perspectivas que se cadra nunca se contemplaron de todo.

L.L. Estou en desacordo, porque estas cancións refixéronse millóns de veces.

P. Eu falo de perspectivas, máis que das cancións. Por suposto que temos un repertorio que xa outros músicos colleron, pero ninguén o levou ao terreo ao que o levamos nós. Creo que a nosa fusión ten ingredientes diferentes.

L.L. A miña paranoia, aínda que poida soar pretensioso, é crear un relato persoal superpop a partir duns textos clásicos. Coller esa esencia lírica das cantigas, ese xeito de expresar os sentimentos, e levala a unha narrativa pop. Esa é a intención oculta do que eu quero facer.

—É doado ou é complicado traballar a cabalo de oito séculos, con textos do XIII e músicas do XXI?

L.L. Para min, o máis complicado era a adaptación dos textos e a pronunciación de determinadas palabras, pero para resolver esas dúbidas hai ferramentas en internet. Son textos moi agradecidos. Levan o ritmo dentro.

P. Eu sempre procurei que, aínda que a música estivera feita por ordenador, tivese un punto como orgánico, como feito con instrumentos reais. Non quería crear un universo moi de sintetizadores ou de sons que tiveran timbres moi electrónicos.

—Como vos sentides dentro dunha escena que xeracionalmente está posuída polo trap e polo reguetón?

P. Un pouco illados. Sentímonos como un pouco fóra da nosa xeración.

L.L. Imaxina unha festa con toda esa peña. Pedro e eu estariamos: «Deus, que facemos, onde nos metemos?». Pero, ben, imos intentar estar nesa festa aínda que non nos fagan caso... Sempre hai un amigo raro [ri].

—Son, como dicía Golpes Bajos, «malos tiempos para la lírica»?

L.L. Non. Eu digo que son bos tempos. Para moitas cousas, seguro que é un mal momento, pero para a lírica non. Sempre hai un oco.

P. Estamos nun momento no que a riqueza de propostas e proxectos se valora máis que nunca. Hoxe dáselle moito pulo aos músicos que están empezando.

L.L. Hai moita xente que busca cousas diferentes. Porque o que é cancións de dous minutos con dous estribillos... buf, diso xa hai dabondo. Pero cando, ao mellor, polo camiño atopas algo raro ou máis experimental, tamén hai moita xente que o agradece. Xa non asusta.

P. Pensa que hoxe, os rapeiros, os trapeiros ou peña coma nós, o que facemos, ao final, é lírica.

—Pedro, sénteste cómodo nese segundo plano ou gustaríache dar un paso á fronte?

P. Eu sempre fun unha persoa á que lle gusta achegar para que outros poidan dalo todo. Xa está o nome aí para facer xustiza e amosar que somos dous. Pero Laura ten máis condición de lideresa. A min o que me gusta é facer posible as súas inquedanzas. Eu síntome cómodo aí detrás.

L.L. A min gustaríame que saíse máis. Que algún día collese o micro.

—Que imos atopar nese o voso primeiro disco? «Banharémonos nas ondas» é unha carta de presentación representativa del ou toparémonos con sorpresas?

L.L. O disco ten dúas esferas: unha un pouco máis alegre e outra máis derrotista. Banharemonos representa a cara lavada do álbum, pero despois hai outras cancións que contan outra cousa.

P. Hai unha canción, a que abrirá o disco, que marca como o punto de partida tras o episodio que remata. Este disco, aínda que é o primeiro, pecha un capítulo.

L.L. Da segunda canción á última é como esa mochila coa que cargaches. E a primeira é a declaración de «aquí vai haber máis movidas». E como que primeiro che fago un spoiler do o que vai vir e logo cóntoche todo o que fixen ata agora.