A gañadora do Premio Nacional de Narrativa noutros catro títulos para gardar.
«A expedición do pacífico»
Polisón pioneira
Imposible esquecer este libro nunha escolla posible, pois a memoria da súa lectura aínda perdura en min: premio Merlín de Literatura Infantil (1994) e da Crítica Galega (1995), constitúe unha das achegas máis frescas e suxestivas da nosa literatura infantil e xuvenil: un verdadeiro clásico. A súa protagonista, Emilia, embarcada como polisón no século XIX nunha expedición científica, é todo un símbolo do feminismo e das ansias de saber.
«Desescribindo»
A ledicia da rebelión
Un libro de poemas clave na súa traxectoria, no que reformula, nun ¡xerundio asociado a unha acción en proceso que non acaba nunca, as dimensións do que se escribe abordadas desde outra atalaia: todo se ilumina a partir das marxes, desde unha instancia operativa para cuestionar e subverter as cousas, aquilo que se dá por inamovible. Un canto que defende o pensamento crítico e que reivindica a «ledicia da rebelión».
«O coitelo en novembro»
Relatos como coitelos
Máis que notable volume de relatos, talvez novela onde todo conflúe, que aborda con efectividade conceptos como a autoría, a outredade ou a vida propia que cobran, ás veces, os textos creativos. Excelente resulta tamén en Coitelo en novembro a multiplicidade de recursos narrativos e de puntos de vista que atesoura: algo inusual nun único libro. Alén diso, a obra asómanos á propia condición humana, ás súas contradicións e aos seus abismos.
«Unha presa de terra»
Ana Candeal investiga
Velaquí unha boa proba da versatilidade de Marilar Aleixandre: gañou a primeira edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia no ano 2001 e reeditouse, ampliada, este mesmo ano. Nela afóndase na figura dunha investigadora (algo ben pouco común na narrativa negra galega) que se compromete a resolver un caso onde un conto popular que suxire violencia de xénero se asoma pertinaz á memoria da protagonista.