Cecilia F. Santomé, a tradutora galega do libro que cativou a Annie Ernaux e Simone de Beavoir: «Vivimos esperando algo que non acaba de chegar»
FUGAS
«Élise o la vida de verdad», de Claire Etcherelli, regresa ás librerías da man de Periférica
04 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Non hai quen esqueza o pouso imborrable que deixa un bo libro. Ao virar a contraportada e deixar atrás o punto final, un queda atado para sempre ás cadeas da historia perenne. Iso foi o que lle aconteceu á escritora e tradutora lucense Cecilia F. Santomé con Élise o la vida de verdad, unha novela que agora, anos despois, regresa ás librerías da man de Periférica e cunha nova tradución que leva a súa sinatura. «Eu coñecín esta obra de Claire Etcherelli cando estudaba Filoloxía Francesa en Santiago. Pareceume unha novela estupenda, que trataba temas cos que non estaba familiarizada: a guerra de Alxeria, a vida obreira, o racismo... Foi unha desas lecturas que me marcou e sempre tiven na recámara».
O sentimento non a abandonou e en lugar de esperar a que alguén a rescatase, propúxose ela mesma darlle un novo pulo: «Foi o proceso inverso ao habitual, fun eu a que acudiu á editorial e propúxenlles traducilo porque sempre pensei que era unha pena que non se coñecese».
—Volver ler a novela anos despois, espertou novos sentimentos?
—Era o medo que tiña. Ao mellor leo algo nun momento da miña vida que esperta en min determinadas emocións, mais logo de moitas máis lecturas e moitas máis vivencias, sinto unha especie de decepción na relectura. Pero non foi o caso. E de feito penso que foi todo o contrario: vinlle moita máis profundidade, máis capacidade evocadora.
—Que ten Etcherelli que tanto fascina?
—Penso que parte do valor da novela é a autenticidade que desprende. Ela non é unha persoa moi formada nin ilustrada, é unha muller feita a si mesma que tamén traballou nunha fábrica, como Élise. E consegue expresar da maneira máis pura, clara e desprovista de artificio as dificultades que vive a protagonista.
—E segue a ser unha novela moi vixente, pese a estar nun contexto industrial tan descoñecido para moitos de nós.
—É que Élise vive en Bordeos nun ámbito familiar moi asfixiante e non fai máis que anhelar algo que nin é quen de imaxinar. Pensa: haberá algo máis na vida? E cando dá o salto a París, que parece que vai ser o inicio desa vida de verdade, non vai caer en nada distinto ao que xa tiña. É a frustración constante. Nese sentido, na actualidade tamén vivimos un pouco así: con traballos precarios e sempre esperando algo que nunca acaba de chegar…
—É entón unha novela pesimista?
—Non pesimista. Pode que determinista, porque dalgún xeito o seu sino está marcado. Pero sempre hai capacidade para cambiar algo, para dar un xiro aos acontecementos. É dura porque fala da vida verdadeira, pero penso que ten certa luz entre tanta escuridade.
—Como é que nos chegou tan tarde?
—Si, unha autora lexitimada por Simone de Beauvoir, por un Prix Femina… Custa crer que caese en desgraza. Pero penso que está ligado á perda de interese pola novela obreira, polo discurso de clase.
—Pero a súa contemporánea, Annie Ernaux, si que continuou con ese discurso de clase e non lle foi nada mal...
—Eu a diferenza que vexo é que Etcherelli centra o foco na actividade obreira, na vida diaria. Dixo dela Simone de Beauvoir que era como ter unha autora infiltrada na vida obreira. E para Ernaux nunca foi o foco principal.
—Pode que ambas teñan en común a vontade por rachar tabús?
—De feito, Claire declarou no seu momento que coa novela pretendía incidir no racismo do ambiente. Porque ela, antes de traballar na fábrica, non esperaba que nun contexto no que todos eran máis ou menos iguais, todos peóns, houbese tantos brotes de racismo. E deuse de conta de que era o instrumento que tiñan os obreiros para, dentro dese último elo da escala social no que estaban, sentirse un pouco superiores, por enriba de alguén.
—Que duro, non? O racismo inherente...
—Si, forma parte da escuridade humana, esa cousa de non querer ser os últimos do vagón de cola.