Ramón Nicolás fai unha selección de libros de narrativa no que destacan varias escritoras
23 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Velaquí seis propostas entre o máis recente da narrativa galega. Catro potentes narradoras como son María Solar, Nazaret López, Marilar Aleixandre e Elba Pedrosa ofrécennos un monllo de historias fiadas pola tonalidade reivindicativa e o protagonismo feminino. Velaquí, tamén, o noir rural reflectido na primeira novela de Óscar Reboiras e o conxunto de relatos do escritor ferrolán Henrique Dacosta.
«AGORA QUE CALA A NOITE»
ELBA PEDROSA
EDITORIAL AIRA PÁXINAS 160 PREZO 17
Elba Pedrosa ofrece aquí tres relatos longos ou tres novelas breves, anoadas por unha vontade inequívoca de intervención que quere evidenciar ou poñer o foco nos maltratos psicolóxicos e na violencia machista como un dos grandes males do noso tempo. Velaí como nos interna en diversas situacións onde se reflicte esta realidade como son o acoso laboral, a influencia da educación patriarcal, os abusos sexuais, os problemas de integración escolar ou a ambición desmedida que anula as expectativas sentimentais.
«A AGONÍA DAS FOLERPAS»
ÓSCAR REBOIRAS LOUREIRO
EDITORIAL GALAXIA PÁXINAS 160 PREZO 17
Premio de Novela Galicia Rural 2022, esta proposta supón a afortunada estrea como narrador de Óscar Reboiras onde nos ofrece unha mostra de noir rural adobiado con ecos de reflexión sobre as redes de poder, o patrimonio, a corrupción e a propia historia co pano de fondo de revitalizar un espazo existente no Xurés como é a aldea de Salgueiro. Articulada en dous planos temporais ben definidos, unha xornalista será quen de resolver un caso no que hai tamén unha suxestiva presenza da histórica organización secreta «Carbonária».
«O ESTRAÑO CASO DA BICICLETA AMARELA»
HENRIQUE DACOSTA
EDITORIAL BELAGUA PÁXINAS 140 PREZO 16
Retorna o escritor ferrolán a transitar por un xénero que visitou noutras ocasións como é o do relato curto. Nesa ocasión ofrece un volume de carácter compilatorio que incorpora oito relatos —algúns deles a dialogaren con personaxes xa coñecidos— alén dunha peza teatral cómica, para mergullarse no océano da memoria e así reparar —con relampos oníricos en ocasións— na infancia, no mar, no territorio de Ferrol e noutros espazos adxacentes que aparecen adoito na súa obra recreando situacións dominadas por certa tonalidade tráxica.
«UNHA PRESA DE TERRA»
MARILAR ALEIXANDRE
EDITORIAL BAÍA EDICIÓNS PÁXINAS 140 PREZO 17,50
No ano 2001 Marilar Aleixandre conseguía a primeira edición do Premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia con este título que acaba de reeditar Baía nunha edición ampliada. Nesta proposta, unha detective chamada Ana Candeán acabará involucrada na resolución dun caso, pero nestas páxinas circulan máis cousas cunha acaída dosificación da trama. Alén diso, un relato popular que suxire maltrato e que proxecta a presenza do machismo daquela, e no presente pon en valor, e de novo, esta suxestiva novela.
«A CULPA»
MARÍA SOLAR
EDITORIAL XERAIS PÁXINAS 366 PREZO 18,50
Galardoada co Premio Xerais 2022, esta novela de María Solar afonda, con precisión, axilidade e inequívoco ritmo narrativo, nunha historia na que conflúen elementos propios do thriller e da literatura confesional para xogar cos conceptos da identidade e da dominación. Aborda asuntos como a violencia estrutural e física, os abusos sexuais e, loxicamente, a culpa como elemento central do libro. Todo grazas ao percorrido duns personaxes centrais —Mirta e Marcela, Amada e Enric— concibidas con solidez e verosimilitude para non desatender as posibles dimensións da condición humana, tantas veces contraditorias, pero case tanxibles nestas páxinas como son as cicatrices que deixa o odio e mais o amor.
«PECADOS VENIAIS»
NAZARET LÓPEZ
EDITORIAL XERAIS PÁXINAS 216 PREZO 17,95
Articula aquí a autora, nesta que é a súa segunda entrega narrativa, unha novela ou conxunto de relatos anoados ata o final? No fondo, tanto ten, pero o certo é que Nazaret López estrutura unhas páxinas enfiadas con solvencia técnica e co necesario nivel de esixencia, para desvelar un universo protagonizado por mulleres que comparten o desexo de realizárense como persoas, en ocasións desde a carraxe, a incomprensión ou a hostilidade, para se enfrontaren con decisión a un futuro que queren escribir elas mesmas como reacción contra unha vulnerabilidade que nunca procuraron e convidarnos, así, a coñecer situacións e atmosferas, tantas veces cotiás, descritas con brillantez e pulso propio.