Daniel Froiz, coprodutor de «Matria»: «Era hora de facer unha película dunha muller galega que é unha pringada»

FUGAS

O produtor pontevedrés Dani Froiz, primeiro pola dereita, coa equipo de «Matria» na preestrea da película en Vilanova.
O produtor pontevedrés Dani Froiz, primeiro pola dereita, coa equipo de «Matria» na preestrea da película en Vilanova. Martina Miser

O filme galego que vén de triunfar en Berlín e Málaga «racha con esa falsidade do matriarcado galego». Este venres, estrea en cines

24 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende Xonxa, na imprescindible película que leva o seu nome e que firmou Chano Piñeiro, ata a oscarizada Mar adentro son moitas as películas en galego e castelán nas que as mulleres galegas teñen un papel protagonista ou fundamental para a trama. Non obstante, hai quen pensa que o cinema, o galego e o nacional, segue orfo de mulleres bravas do país; das que non calan, das que dixiren a berros realidades durísimas no marisqueo, na conserva, na gandería, na limpeza de pisos, no coidado dos nenos e dos maiores e, por suposto, ao cruzar as portas das súas casas... Díxoo a propia Ramona Maneiro, a muller que axudou a morrer a Ramón Sampedro, cando se viu na pantalla en Mar adentro interpretada por Lola Dueñas. Non se recoñeceu demasiado nela porque, como sinalou moitas veces, ela non ten un pelo dese carácter de miñaxoia co que apareceu no cinema. Dani Froiz, produtor de Matria, que está revolucionando o panorama audiovisual galego, pensa que, efectivamente, o cine edulcorou moitas veces ás mulleres galegas.

E que, precisamente por iso, Matria, que triunfou na Berlinale e no Festival de Málaga contando a historia de Ramona, unha limpadora de Vilanova de Arousa cunha realidade laboral e persoal durísima, achega algo novo: «Era hora de facer unha película dunha muller galega que está ata a cona, que é unha pringada. Eu iso nunca o vira así, con tanta dureza e realidade, no cinema», sinala.

Froiz, que recoñece que tanto el como todo o equipo de Matria están vivindo un momento marabillosamente frenético, di que a película presenta a unha muller que todos os galegos recoñeceremos, pero que estamos pouco acostumados a ver en pantalla. E así o explica: «Penso que racha un pouco con esa falsidade de que Galicia é un matriarcado no que as mulleres mandan e ordenan, onde teñen poder... Cando a realidade é que hai moitas mulleres que viven realidades durísimas, tanto antes como agora, e que son literalmente unhas pringadas. Non sei se ese é o adxectivo máis axeitado, pero eu véxoas así. Pringan absolutamente con todo. E podemos pensar que iso pasa con mulleres de fóra de Galicia tamén, o cal é certo. Pero é que aquí moitas veces a dureza física dos traballos é enorme. E penso nas mariscadoras ou nas labregas ou nas operarias de fábricas».

O produtor da película, que se emociona ao pensar que este venres o filme se poderá ver en todos os cinemas galegos, cre ademais que o director logrou facer unha peli sen caer en tópicos e sen xulgar aos personaxes: «Non se cae nalgúns tópicos que ás veces si aparecen no cinema. Ramona é unha muller que ten un contexto e unha realidade durísima e non se fai ningún intento de dulcificala. Incluso no seu papel como nai ten ese punto duro, froito do que ela vive, e tamén esa vulnerabilidade que eu tantas veces lle vin a miña nai ou a miña avoa. E tampouco se xulga. Aparece un home alcohólico, algo tan habitual en Galicia, e poderíase facer sangue co seu papel, pero non se fai».

SEMPRE EN GALEGO

Matria, que se estreou na Berlinale, pasará agora a proba de lume nos cines. O galego no que foi rodada soará en todos os sitios onde se proxecte, con ou sen subtítulos. Conta Dani Froiz que a aposta pola lingua galega foi total e que ademais é outra das riquezas da película: «María Vázquez, que fai un papelón, é de Vigo e está ligada a Lugo. Non ten ese galego da costa que fala na película. En cambio, logrou collelo perfectamente e sen que pareza unha esaxeración», indica el. Conta tamén que, cando estrearon na Berlinale, moitos dos asistentes ao festival lles preguntaron se a película non esaxeraba a dureza da vida dunha muller galega. E que a súa resposta foi clara: «Sinalámoslles que moitas veces a realidade aínda é peor».

Daniel Froiz creou a produtora Matriuska hai case dúas décadas. Dende entón sacou adiante arredor de 15 longametraxes, entre elas De bares ou Las altas presiones. É a principal produtora de Matria, unha película na que colabora con Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. O filme, rodado no sur da ría de Arousa e en Pontevedra, contou cun orzamento próximo ao 1,1 millóns de euros.