O novo cinema galego fórxase na illa de San Simón

FUGAS

-

Óliver Laxe, Paula Cons, Álvaro Gago ou Icíar Bollaín monitorizan o proceso de creación e desenvolvemento dos proxectos de sete novos realizadores no marco da residencia Conecta Lab

14 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non pode haber un escenario máis cinematográfico que San Simón. É poñer un pé na illa e cada ollada convértese nun plano. A ponte de Rande que se ergue entre as brumas da mañá, o musgo que tece unha alfombra verde ata as portas do vello cemiterio, o palafito acristalado enchido de luz tras a negrura da vexetación, as sombras dun sinistro pasado proxectadas sobre as solemnes casonas tinguidas hoxe de viva cor, o coqueto e case segredo miradoiro, o peirao de granito... Todo é susceptible de ser cine en San Simón.

 

Non podía ter, xa que logo, localización máis axeitada a primeira edición do Conecta Lab, o laboratorio para creadores audiovisuais, organizado pola asociación galega de profesionais da dirección e realización (CREA). A súa vicepresidenta, Noemí Chantada, subliña que o obxectivo central desta residencia é «ofrecerlle a directores e directoras de aquí a posibilidade de asistir en Galicia a un lab potente», con mentores entre os que se atopan algúns dos nomes máis influentes dos últimos anos no audiovisual a nivel galego, nacional e internacional. «E se algúns destes proxectos se converte en peli, imaxínate... É como que o axudaches a medrar. Sénteste un pouco madriña», engade.

A directora Noemí Chantada.
A directora Noemí Chantada.

Durante dez días, os seis realizadores seleccionados teñen ocasión de traballar nos seus proxectos, acompañados por titores especializados, para profundar en aspectos artísticos e narrativos. Entre estes titores figuran realizadores como Óliver Laxe, Paula Cons, Álvaro Gago, Icíar Bollaín, Fernando Franco, Carlos Marqués-Marcet, Álex Rodrigo ou Mikel Gurrea. Pero tamén guionistas como Laura Sarmiento ou Enrique Lojo e mesmo profesionais do ámbito da comunicación e o márketing audiovisual como Álvaro Vega.

Para o lucense Nacho Ozores, seleccionado polo seu proxecto da longametraxe La idea de un hijo, o Conecta Lab é, xa de entrada, «unha experiencia incrible, case mística». As súas expectativas pasan por «recibir os feedback dos titores, saír coa certeza de que esta é a historia que quero contar» e, o máis importante, «que me voen a cabeza».

Que está a pasar en galicia?

Máis cauta amósase Iria Sobrado. «Eu téñolle medo a que lle dean a volta ao meu proxecto», di. O seu proxecto é Aquagym, unha longametraxe que di ter xa moi clara na súa cabeza. «Hai unha liñas vermellas que sei que non quero pasar, pero tamén sei que me vou ter que desprender de cousas das que por min mesma non me desprendería. É ese equilibrio o que aquí quero atopar», conta.

Ambos confésanse optimistas non só cos seus proxectos senón co futuro do sector en xeral e coinciden en sinalar que o contexto actual é o idóneo para facer cine en Galicia. «Galicia xa non é só un set de rodaxe. Hoxe contamos con equipos técnicos e artísticos moi ben formados e con moita experiencias. Hai tecido e por fin estamos deixando de traballar só para a TVG», expón Nacho Ozores. «De feito a sensación que teñen dende fóra é: pero que está a pasar en Galicia?», apostila Iria Sobrado.

E así é. Confírmao Álex Rodrigo, director de series como La casa de papel, El embarcadero, Veneno ou Vis a Vis. «Muchos de los realizadores, técnicos y actores gallegos que trabajaban en Madrid se han ido porque ahora tienen la oportunidad de contar sus historias en y desde Galicia». Para o director aragonés, responsable tamén da premiada El último show, o empuxe e o estatus da industria audiovisual galega é a envexa doutras comunidades. «En Galicia hay rodajes tochos de las grandes productoras, pero también muchas series pequeñas para la TVG. En Aragón, por ejemplo, no se atreven a hacer nada parecido».

Hai entón, á vista destas opinións, argumentos para ser optimistas?, pregúntolle a Noemí Chantada. «Agora mesmo, penso que si», contesta. «Estase vivindo un momento bastante bo. Os resultados aválano. E o ano que vén vanse estrear peliculóns... Penso que estamos indo a máis. E é que ademais hai un pouco de todo e xente traballando a un nivel superforte».

A pespectiva de xénero

Hai equipos, hai ideas, hai industria... Que nos falta entón? «Sempre faltan cartos. Producir é moi caro. E, en particular, as mulleres queremos ter acceso a proxectos con orzamentos máis altos», expón a vicepresidenta de CREA.

A cineasta Paula Cons.
A cineasta Paula Cons.

A perspectiva de xénero no cine é precisamente unha das cuestións que vai abordar nesta residencia a realizadora Paula Cons. A directora de A illa das mentiras ou, máis recentemente, de ¿Dónde está Marta? considera que escribir hoxe desde a perspectiva de xénero é escribir da maneira máis orixinal. «O outro xeito de escribir é o que se leva facendo dende sempre. Eu creo que as historias e os guións gañan moito en frescura e orixinalidade desde esa perspectiva. Ademais, hoxe todo está xa contado. A única maneira de diferenciar como contas ti as cousas é a mirada. Entón, contalo doutro xeito pode facer diferenciador o teu proxecto».

Subliña Paula Cons como un síntoma alentador o feito de que boa parte das últimas grandes referencias do cine galego estean realizadas, producidas ou protagonizadas por mulleres. Claro que ao tempo lembra a «tristura» que supón que non fose ata o 2021 que unha muller gañara un premio Mestre Mateo como directora de ficción. Foi ela mesma que conseguiu ese histórico fito grazas a A illa das mentiras.

A directora coruñesa sostén que, como se esta a ver co caso de Matria, o cine pode xogar un papel transcendental na necesaria revisión do concepto de falso matriarcado. «Porque non somos nós as que verdadeiramente tomamos as decisións. O que pasa é que interesa vender esa imaxe. Pero en realidade é unha mazá envelenada».

Ao igual que Noemí Chantada e a maioría dos novos realizadores que estes días redobran as súas ilusións en San Simón, tamén Paula Cons advirte razóns para amosarse optimista respecto ao futuro da industria audiovisual galega. «Estamos nun momento moi bonito e moi interesante. Pero non hai que baixar a garda nin deixar de loitar por unha serie de dereitos, como que se manteñan as axudas, que o noso cine non quede asoballado polo americano, que se coiden as salas ou que se traballe na convivencia pacífica entre cine e plataformas».

A ETIQUETA «CINE GALEGO»

Con todos eses argumentos, potencialidades e realidades enriba da mesa e cunha canteira de proxectos tan plural como a que se mostra no laboratorio da illa de San Simón, xorde a cuestión de se estamos en condicións ou non de falar de cinema galego, como unha etiqueta, un xénero ou un sinal de identidade.

«Cando se fala de cinema galego, asóciase cun tipo de películas de corte máis autoral e que falan dunha Galicia quizais máis tradicional. Pero iso non é real. Ou acaso Buried non é cine galego? Esa etiqueta serve para vender pero non é real», expón Noemí Chantada.

Máis rotundo é aínda Álvaro Vega, responsable da promoción de máis de 150 películas, así como das campañas de dúas candidaturas españolas aos Oscar. Na súa opinión é unha etiqueta que nin sequera vende. «Crear etiquetas identitarias o marcas geográficas es un gran peligro. Para mí, que tengo que buscar dónde poner el foco, lo importante no es la procedencia. Son las películas, las historias. Lo identitario en el cine no tiene que ver ni con el lugar de origen, ni con la edad del creador, ni con el género. Haz una buena peli y dará igual que la hayas hecho en Vigo o en Irán».

Álvaro Vega intentará coa súa aportación no Conecta Lab axudar aos novos realizadores a xestionar o enorme volume de opinión que reciben en torno ao seu proxecto. «Porque a veces acaban haciendo cosas que no les benefician. Que parecen muy sensatas pero que igual no lo son para ese caso concreto. Manejar como creador toda esa cantidad de información que recibes, es cuando menos delicado».

Outro dos seus obxectivos é procurar que asuman a transcendencia que teñen outras vertentes non estritamente artísticas pero das que tamén vai depender, e moito, a proxección que vaian ter as súas películas. «Tienen que tener consciencia de que esto es un negocio global y de que todo el esfuerzo que hacen por producir una película debería llevar asociado el pensar en internacional, en que la peli viaje, así como el pensar en la parte de la comunicación, que casi siempre suele llegar más tarde de lo deseable. Para eso estamos aquí», sinala.