Rabuñar nas entrañas

Ramón Nicolás

FUGAS

Fina Casalderrey (Pontevedra, 1951), retratada na súa casa de Lérez, en Pontevedra.
Fina Casalderrey (Pontevedra, 1951), retratada na súa casa de Lérez, en Pontevedra. Ramón Leiro

21 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos coñecemos algunha Muller Xabaril, metamorfoseada noutra cousa ou cunha aparencia xenérica distinta. No meu caso, evoquei nesta lectura a figura de Ismael, dono dunha fraqueza extraordinaria e ollada penetrante, que adoitaba pasear polo Calvario vigués pedindo folios de papel para axiña devoralos. O seu pasado, cando o coñecín pasados uns anos, era absolutamente tráxica e está por contar, mais quen si conta nesta ocasión a historia de Adelina, con talento e emoción, é Fina Casalderrey, candidata ao premio Andersen e que recibirá en breve a homenaxe de Escritora na súa Terra tributada pola AELG.

Con todo, A Muller Xabaril é un recoñecemento, e un exercicio de dignificación, contemplado desde a ficción e inspirado en perfís biográficos que ben puideron ser certos, respecto da figura dunha muller concreta mais tamén da muller en xeral, especialmente se esta foi, como en tantas ocasións, obxecto de desprezo, maltrato, incomprensión ou aldraxes desde moi nova. Hai un segredo familiar, si, que percorre boa parte desta historia da man de Ramiro, grazas a quen se reconstrúe, mergullado na música de John Lennon, xa non a biografía de Adelina Franco e dos seus principios, senón a da súa propia familia e, dalgún xeito, de moitos acontecementos históricos que percorren o século XX. E faise todo a través dunha estrutura narrativa complexa e ao tempo limpa e traballada, onde non todo é previsible e na que me gustaría salientar o uso modélico do recurso epistolar ao recorrer á existencia dunhas cartas conservadas que, por outro lado, nunca chegaron a enviarse pois non se sabía a onde facelo.

É esta, ademais, unha novela que fala, como se dixo, sobre a violencia e o escarnio, mais tamén atende ao que agora chamamos o idadismo, ao que é o coidado das persoas maiores e as doenzas como o alzhéimer; detense nas cicatrices e nas feridas sen curar que o tempo deixa ou repara na hostilidade que a sociedade, de onte e hoxe, manifesta ao que é diferente. Sen deixar de abrazar, aquí e acolá, a importancia que se sempre se debe depositar na lectura, na formación, na educación e na cultura. Non é pouco, realmente, todo o que discorre nesta novela caudalosa que rabuña, non teño dúbidas, nas entrañas.