Que faría hoxe Fernández del Riego para salvar o galego?

FUGAS

Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Héctor Cajaraville e Lois Alcayde.
Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Héctor Cajaraville e Lois Alcayde.

«Sacaría unha sorte de Tanxugueiras de debaixo das pedras», responde Fina Casalderrey, que, con Manuel Rivas, Héctor Cajaraville e Lois Alcayde, un dos autores do proxecto «Novas voces para a lingua», indaga no futuro dun idioma que amou e fortaleceu o autor do Día das Letras ata o final

14 may 2023 . Actualizado a las 23:59 h.

Don Paco levou a modernidade ao galego e á Real Academia Galega. Que faría hoxe vendo esmorecer a lingua? «Sacaría unha sorte de Tanxugueiras de debaixo das pedras, non só da música, senón de xogos interactivos, de todas as diversións que atraen á xente nova», pensa a escritora, membro da RAG, Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951). «El discorrería algo para seducir. Unha sorte de Google galego», imaxina.

Non parece o galego un idioma pechado ao mundo, mais debe de haber unha chave para abrir o cuarto minguante dos falantes. Hai que volver sobre o Informe (dramático) sobre la lengua gallega, que publicou Alonso Montero en 1973, para comezar a entender por que o 24 % dos galegos menores de 15 anos se din incapaces de falar a lingua ou por que o galego leva 20 anos perdendo peso fronte ao español.

A chave, segundo Casalderrey, que opina con Alonso Montero que «é moi mala fórmula opoñer o galego ao castelán», é seducir á xente nova «sen esquecer a outra xente, que é a que lles pode contar. Ti non podes amar o que descoñeces».

Hai unha frase de Del Riego que recorda o escritor e xornalista Manuel Rivas (A Coruña, 1957): «'Hai que asomar a orella'. Dicíao nos anos 60, nunha tertulia con estudantes en Compostela sobre literatura». Hoxe, neste mundo de emerxencia climática, tamén na cultura «é necesaria unha actitude de polinización, porque a crise do libro é a crise de toda a sociedade». «É un paradoxo que, no 2023, en cousas fundamentais para a cultura se dese un retroceso; en número de lectores e falantes. Se temos a condición de nacionalidade histórica, por ese traballo da xente dos 30, da Xeración Nós, por que está a pasar isto? Axuda o feito de pensar na situación do País Vasco, unha cultura que nacía nun círculo máis minoritario e hoxe edita e lese o dobre en éuscaro, de 8 a 18 libros por cada cen», achega Rivas.

Por que o galego se usa cada vez menos? «Ten que ver con ese medio ambiente do que falamos; non hai polinización. Cando falamos do libro da cultura galega en xeral), estamos nun gueto dentro do propio país. Seguramente, a causa está repartida. Pero aquí había unha lei do libro (aprobada por consenso no 2006) que está metida nunha gabeta». E co decreto para o plurilingüismo no ensino, do 2010, «vivimos un retroceso e unha década escura. Hai que cambiar as circunstancias».

Quizais o primeiro que faría don Paco sería «estrañarse e desgustarse de que tras acadar tantos logros (inimaxinables hai só unhas décadas) na educación, na literatura, na política e as institucións, nos medios..., o galego estea a vivir un dos períodos de maior decadencia no seu uso», di Héctor Cajaraville (Santiago, 1974), autor de Fernando Fernández del Riego, o legado silandeiro.

Como «o mestre rigoroso e esixente que era», segue o autor, don Paco «habíanos botar unha reprimenda polo desleixo e a indolencia mentres esmorece o noso meirande patrimonio colectivo, sinal de identidade cara a nós e cara ao mundo».

A lingua ten que ter, concordan, unha Administración que a impulse e coide. Así o expresa o xornalista e escritor Lois Alcayde (A Coruña, 1997), coautor do proxecto Novas voces para a lingua, unha iniciativa da Universidade de Santiago en colaboración coa Real Academia Galega que sacou a lingua do espazo literario para levala a outros ámbitos de creación e ao deporte. «Pero hoxe hai que dar un paso máis adiante: que o galego penetre no mundo da empresa, no das relacións internacionais... A dinamización do galego non pode estar só dentro de Galicia. Trátase de que o galego xere oportunidades fóra para tecer vínculos e de que se presente no espazo dixital», opina Alcayde, que engade que «estamos indo cara a un modelo onde o galego é unha lingua académica, cultureta, mesmo dunha elite político-cultural. Hai que sacala de aí».

É un propósito relacionado coa normalización plena do galego, que, segue Alcayde, «ten que ver con que, no momento de facer negocios, a lingua galega sexa útil ou que, na escolarización dos rapaces, poida ter unha educación íntegra en galego nun contexto castelanizado».

Galego só na escola e na empresa? «Non, tamén en espazos como os dos videoxogos ou as plataformas como Filmin. Que non digan que non se pode recuperar, porque estamos a ver as cifras do vasco. «Hai dous perigos para a lingua: metela nunha campá de cristal, e outra, apropiarse da lingua como se fose só a dunha parte dos galegos», di Lois. El, se fose Del Riego, «faría programas de intercambio co mundo lusófono». «É interesante mostrar xente común que fale con normalidade a lingua. Recordo un cole deses que soben a esperanza, en Vila de Cruces. Aqueles nenos xogaban en galego no recreo», conta a autora de A muller xabaril. Os irmáns Del Riego aprenderon galego xogando en Lourenzá...

«O peor galego é o que non se fala», como di Esther Estévez, do Dígocho eu? «Si. É máis importante a normalización que a normativización. Como di Ramón Caride, 'a lingua é de todos, incluso dos que non a falan'», conclúe Casalderrey, que ve esmorecerse con mágoa o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega do 2004, e apunta a un desleixo de pedra que resume nunha frase de Castelao: «Se os políticos quixesen, as sardiñas volvían á ría». Que non desaparezan os peixes e as abellas que polinicen o futuro de Galicia non sexan abellas solitarias...