Malia o que se poida pensar, non foron numerosas as compilacións de textos xornalísticos que o propio Fernández del Riego organizou da súa propia man. Nos seus derradeiros anos de vida, contemplou como se dispuñan algunhas colectáneas de traballos seus publicados con anterioridade na revista Vida gallega e nas páxinas de La Voz de Galicia. Nesta serie cómpre citar a presentada esta mesma semana na cidade de Vigo baixo a man de Xesús Fraga, que engade ademais unha suxestiva biografía alén doutros textos inéditos.
Esta parcela do seu traballo intelectual, isto é, a das colaboracións en medios impresos, verdadeiramente significativa desde os puntos de vista cualitativo e cuantitativo e á que dedicou non poucos esforzos e moito tempo, complétase afortunadamente cunha recente publicación que, baixo o título de Loitando pola Galicia que non foi, ve a luz grazas ao traballo do profesor e historiador Justo Beramendi, responsable da recolla, disposición textual e estudo dos textos rescatados nun limiar que repara nas múltiples dimensións que proxectan estes traballos. Se ben non se inclúen artigos publicados en Universitat Catalana ou no Galicia, da Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires, os que se compilan aquí resultan abondo operativos para achegarnos con garantías ao seu perfil intelectual no período que vai entre os anos 1932 e 1936.
É esta unha época de Fernández del Riego que particularmente non dubido en cualificar como verdadeiramente fascinante e que, talvez, a celebración deste Día das Letras axude a calibrar na súa xusta medida pois alén da súa precocidade testemuña a vitalidade e a enerxía que sempre puxo ao servizo do seu país.
Estes textos, sinala Beramendi, revelan «unha base intelectual extraordinaria para tan curta idade» como tiña naquela altura Del Riego. Unha persoa que abrazaba un nacionalismo «democrático, pacifista e europeísta/universalista» e que atendía nestas colaboracións asuntos de filiación literaria —tan recreados por el na posguerra— alén de revelar a súa incansable preocupación pola galeguización e a desexada modernidade que se debería enraizar na Universidade. Unha oportunidade para nos achegar ás preocupacións e ao modélico traballo que naqueles anos Del Riego desempeñou.