
Non, esa novela da que todo o mundo está a falar, con máis dun millón de lectores, non é fascinante. Fascinante é o xardín conxelado que medra algunhas veces na Antártida cando se abren fendas no xeo e a auga se evapora formando cristais que semellan flores. Non, esa novela do mellor discípulo de David Foster Wallace, aclamada por The New York Times, non é conmovedora. Conmovedora é a loita dos que seguen a pelexar polo dereito a unha vivenda digna, dos que non se deixan vencer polo desánimo e teñen confianza en que pronto serán vencidos os especuladores. Non, esa novela de profundo calado que funciona coma un mecanismo perfecto de reloxaría non é espectacular. Espectacular é a luz do mes de xuño e a atención da miña médica de cabeceira. Non, esa novela herdeira do realismo sucio que penetra no máis escuro da condición humana, reverso do soño americano, un potentísimo mísil capaz de hipnotizarnos dende a primeira páxina, non é desacougante. Desacougante é a extensión dos discursos de odio, a suba do nivel do mar, a carestía da vida, que a tasca do Nemesio sexa agora un gastrobar onde ofrecen snacks de autor. Non, esa novela que debemos ler coma un memorable fresco do noso tempo, a obra mestra do escritor mexicano máis dotado da súa xeración, non é marabillosa. Marabillosa é a xente que endexamais cala ante un abuso, a textura das cereixas, a explosión do sangue ante un encontro inesperado. Non, esa novela que lembra o universo de Stephen King e Patricia Highsmith, un cruel retrato das angustias deste século, non é perversa. Perversa é a banca española, que non deixa de aumentar os seus beneficios e cada hora nos cobra oito millóns de euros en intereses e case tres en comisións. Non, esa novela da última gran dama do domestic noir en Francia, publicada en máis de trinta países, abrasivo espello das miserias familiares, non é devastadora. Devastadora é a proliferación de incendios, a contaminación dos acuíferos, unha afirmación sen base científica en horario de máxima audiencia, unha macrogranxa intensiva. Non, esa novela que está a converterse nun verdadeiro fenómeno editorial, aplaudida por Los Angeles Review of Books, irreverente e desmitificadora, non é imprescindible. Imprescindible é encararse en todos lados cos que negan a existencia da violencia de xénero, unha chamada a quen lle queima a soidade, esa manta no sofá, unha noite salvaxe.