Olga Gallego, a muller que arquivou Galicia

FUGAS

LOLITA VÁZQUEZ

Foi pioneira e quen abriu camiño ás xeracións novas no proceso de catalogación de fontes en todos os ámbitos: clero, medicina, economía, arte, urbanismo...

08 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un século nacía en Ourense unha nena moi rebuldeira que se encargaría con paciencia e rigorosidade de custodiar e catalogar os principais arquivos de Galicia. A pequena Olga Gallego comezou a escola axiña e, coa mesma presteza, descubriu a súa vocación pola historia. Sen dúbida, a morte prematura da nai, cando ela contaba só con 8 anos, marcouna por máis que a súa tía materna, Corona Domínguez, se instalase na casa cos catro cativos. Ela e o seu home consagráronse en atendelos, mentres seu pai seguía á fronte do comercio da rúa da Barreira.

Aqueles días de traxedia deron paso a outros de xogos e merendas á beira do Miño, naquelas xornadas estivais que parecían non ter fin. Olga era unha nena curiosa que gustaba dos Cuentos de Calleja, pero tamén de subir ás fontes da cidade das que ás veces bebía e outras moitas caía. A luz do verán de Auria tornouse tebras en 1936 coa sublevación fascista; a represión, o medo e as privacións instaláronse no país e, mentres iso acontecía, ela ocupou o seu tempo en estudar para se labrar un futuro con independencia económica. Desta maneira remata o bacharelato coa cualificación de sobresaliente con premio e un diploma de honra. Para entón xa ninguén dubidaba de que os seus pasos se encamiñarían a estudar Filosofía e Letras, especializándose en Historia, como así foi, pero antes de trasladarse a Compostela tivo que agardar un curso ao contraer o tifo.

SAÍR ADIANTE

O camiño non foi doado e menos sendo muller, pero a vida demostráralle que sempre se podía saír adiante. Ao rematar os estudos, Olga Gallego tomara a decisión de preparar oposicións e axiña obtivo praza no corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos do Estado. Como era de agardar aprobou e incorporouse en Vigo ao Arquivo da Delegación de Facenda e a Biblioteca Pública, onde exerceu como directora. Para entón xa establecera relación cos galeguistas da época grazas ao seu mestre, Xesús Ferro Couselo; será el quen lle recomende a Francisco Fernández del Riego que a contacte para catalogar a Fundación Penzol. Como é ben sabido, o bibliófilo nacionalista Fermín F. Penzol-Lavandera doara todo o seu fondo á causa galeguista e Vigo fora a cidade escollida para depositalo, debido á carencia de institucións culturais naquel momento. Será en 1963 cando se inaugure na rúa Policarpo Sanz e, dende ese momento, asume a dirección Del Riego que precisaba dunha persoa que se encargase da parte técnica. Daquela contacta con Olga Gallego quen, de maneira altruísta, comeza a catalogación dos valiosísimos fondos.

A súa capacidade de traballo parecía infinda, así na etapa de Vigo tamén prestou os seus servizos fóra das horas regradas na biblioteca do Instituto Santa Irene, na Caixa de Aforros ou na Escola de Peritos e Industriais. Aquel periplo na cidade olívica rematou unha década despois, ao regresar á súa Ourense natal para dirixir o Arquivo Histórico Provincial (1969-1989). Co tempo créase a Fundación Otero Pedrayo, en 1979, e de novo Olga Gallego involúcrase na organización dos fondos bibliográficos e documentais do escritor, ao que chegou a tratar, pero só superficialmente. Esta xenerosa entrega foi recoñecida en 1986 cando é proposta para entrar na Real Academia Galega, converténdose na primeira muller en ocupar unha cadeira na institución, pois Francisca Herrera nunca tomara posesión do cargo.

ABRIU CAMIÑO

Pioneira na dirección de arquivos, foi presidenta de Anabad-Galicia e abriu camiño ás xeracións novas ás que sempre tendeu a súa man. A súa ética e rigor non só se cinguiu ao proceso de catalogación, tamén estudou as fontes coas que elaborou contribucións científicas de referencia. Non hai ámbito que non abarcase: clero, ciencias médicas e farmacolóxicas, sociedade, economía e administración, arte e urbanismo, arqueoloxía e museoloxía, biografía e historia local, especialmente sobre Ourense. Sen esquecer as numerosas investigacións sobre Galicia, entre elas a Historia da muller: mulleres ourensás dos séculos XIV-XVIII (2008).

Inqueda, curiosa, gran viaxeira, camiñou sempre ben acompañada por amizades que a arrouparon ata o final dos seus días. A súa Fundación e a Penzol realizarán actos neste centenario que porán en valor o seu maxisterio e o seu compromiso coa súa gran paixón: os arquivos, que, como nos demostrou, serven para resolver conflitos da nosa vida e tamén para ser máis conscientes do noso pasado co que cómpre construír o futuro.