Caamaño e Ameixeiras: «En nós prima o visceral, o salvaxe»

FUGAS

CEDIDA

O dúo publica hoxe «Quitar o aire», un álbum conceptual, producido por Hevi, cos ritos en torno á morte e ao sexo como eixos centrais

20 oct 2023 . Actualizado a las 19:40 h.

Ata onde serían capaces de chegar Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras era unha cuestión que sobrevoaba o ambiente dende que publicaron Aire e entraron como elefante en cacharrería na escena do tradi galego. Nos seus concertos xa deixaban entrever que podían chegar moi lonxe, moito máis aínda. Os primeiros adiantos do seu segundo disco afianzaban aquela sensación. E agora Quitar o aire confirma e supera as expectativas. Caamaño & Ameixeiras veñen de publicar un traballo que musicalmente conecta coas súas raíces —sete das nove cancións proveñen de recollidas— e que conceptualmente revisita o vasto e fascinante mundo da ritos populares galegos. Dende a intimidade da tristeza do loito á exaltación e celebración da cura. Dende a ilusión excitada dos filtros de amor ata a escuridade poderosa dos exorcismos. «O primeiro disco era a nosa saída ao mundo, con temas que eran emocionalmente importantes para nós. Era como un recompilatorio. Este é un disco no sentido global. Hai un concepto detrás que o engloba todo: o rito popular. Nós aí atopamos un filón. Había moitas cousas que contar e que nos resultaban superinspiradoras para facer música a partir delas», explican.

—E en canto a sonoridades?

Antía. É un disco máis cantado. E ten unha sonoridade máis escura. O primeiro era máis luminoso. Hai algo de celebración, pero é máis visceral, máis escuro.

Sabela. Escuro pero poderoso.

—Hevi encargouse da súa produción. En que se nota?

A. En Aire, con Diego Galaz traballamos nun aquel máis natural e máis bonitista. Con Hevi démoslle un aquel máis salvaxe. Sen perder o acústico, pero forzando as nosas sonoridades.

S. O tratamento non foi só a nivel de son, senón a nivel de arranxos e de buscar novas posibilidades para o instrumento, buscando saírse dos recursos típicos, por exemplo, do acordeón. Como xogando a que o instrumento poida soar a outra cousa. Hevi é un mago, a verdade. O disco tamén é seu.

—Do rigor co que traballastes dá fe o feito de que nos créditos do disco figura un antropólogo como asesor. Cal é o ritual que máis vos fascinou?

A. O meu favorito é un filtro de maxia erótica no que se inspira Xota de vente conmigo. Para namorar aos homes as mulleres botábanlle unhas gotas de sangue da súa regra na bebida. A min iso parecíame moi punki. O tema empeza un pouquiño escuro, despois ten o momento gota e a partir de aí namóranse e vense arriba.

S. A min fascíname o tema de quitar o aire, que foi a idea inicial de todo isto. Eu tiña sospeitas de que tiña o aire, fun este verán a quitalo e efectivamente quitáronmo. O ritual é un mundo supercomplexo e rico e está tan cerca..., pero moitas veces é tan descoñecido... Daríame moita pena que tanto esta xeración como as seguintes o perdesen. Con independencia de xuízos de valor ou de se cres ou non, é indubidable que é unha riqueza cultural que temos e que non se debería perder.

—No disco hai dous temas da vosa autoría. Con que perspectiva se compón música tradicional dende a contemporaneidade?

A. Tanto Sabela como eu vimos de escoitar moitísima música tradicional e moitísimas músicas do mundo. O que nos sae do noso imaxinario musical sáenos naturalmente. É o que temos dentro e o que nos gusta.

S. Concretamente, para estes dous temas tiñamos unha idea inicial de que foran felices porque estabamos vendo o transcurso do disco cara o escuro, o salvaxe, o profundo e o visceral. A min custoume un pouco, porque eu sempre tiro cara ao máis melancólico, pero finalmente si que saíu.

—Dicíame Mondra que el non facía música para conservar nada. E vós?

A. O de conservar está xenial e para iso temos os museos e os arquivos, que son supernecesarios, pero os nosos fins á hora de crear sempre son artísticos.

S. Eu sinto un respecto enorme polas músicas que hai nos arquivos porque pasaron uns filtros incribles. Son músicas que unha a unha foron escollidas para ser perpetuadas no tempo, xeración tras xeración, a través de oralidade. E iso para nós ten un valor incrible.

A. Cando se fixeron esas gravacións as influencias que había doutras músicas eran mínimas. Hai unha pureza nesas melodías que é marabillosa.

S. E iso que nós nos somos nada puristas, como se pode ver no disco.

—Actuades en festivais e a xente baila e tolea con vós. Que importante é conseguir eses novos espazos e eses novos públicos para a música tradicional.

A. Na xente da idade dos nosos pais houbo un corte xeracional, por non dicir un rexeitamento, tanto respecto á música tradicional como aos ritos. Agora si que é verdade que as novas xeracións estanse interesando máis tanto pola música tradicional como por ese mundo máxico. É incrible ver como vas a un concerto e hai unha chea de xente bailando. Hai un montón de xente interesándose por isto. Está vivo, pero non dun xeito museístico senón que esta vivo nas rúas. É marabilloso.

S. Volvendo ao de antes, o importante non é o concepto de conservar, senón coller estas músicas, apropiarse delas e transmitilas dun xeito que te poidas identificar con elas. E creo que a xente nova está sendo capaz de identificarse con todo isto e está facéndoo seu. E saen a bailar en vaqueiros. E ir a unha foliada cos teus amigos é unha opción de ocio para o sábado pola noite. Iso para min é o transcendente: sentirse parte. Creo que esa é a mellor maneira de perpetuar esta música, de que siga viva.

—A día de hoxe semella que non hai nada máis moderno que ser «tradi».

S. Nunca temos que esquecer que só somos unha pequena burbulla dentro da sociedade en xeral. Pero é certo que ao mellor antes eramos só 4 gatos e agora somos oito.

—En moi pouco tempo conseguiches o respecto de músicos consagrados. Falan de vós con tremenda admiración.

S. É certo que sentimos iso e estamos agradecidísimas. Supoño que será porque poñemos absolutamente todo de nós no que facemos. Para nós este proxecto, máis que profesional é vital. E nel deixamos a alma, o corpo, a cabeza..., todo.

A. Ter o apoio de moitos artistas que para nós son referentes e sentirnos así de queridas dentro do panorama musical é algo incrible. E coincido con Sabela en que seguramente ten que ver co tantísimo esforzo que hai neste traballo. Supoño que iso se ve dende fóra.

—Tedes saído moitísimo a actuar fóra de Galicia. Como é recibida alí a vosa proposta?

A. É incrible. Nós alucinamos.

S. Sentimos que hai un respecto moi grande pola nosa riqueza cultural, a nivel musical e lingüístico. É como que aprecian que aí hai algo auténtico, algo poderoso e acólleno con moitísima emoción

—Como vai ser o concerto do domingo na Capitol?

A. Moi especial. Estamos traballando a escenografía con Melania Freire e imos ter nas luces a Laura Iturralde. Non queremos facer moito artificio porque a nós o que nos funcionou sempre foi a conexión que temos tocando e é niso no que queremos poñer o foco. Non edulcoralo. Pero si que estamos coidando todos os detalles para que sexa fermosísimo.

S. Tamén imos ter algunhas colaboracións. Vai ser como unha festa, como unha voda...

A. Como un parto (rin). Si, algo moi especial para nós.