Alberto Vilas, pianista: «Musicalmente eu veño doutro mundo, pero sentía que tiña unha débeda co tradicional»
FUGAS

«Once cancións e unha danza» son as que inclúe Alberto Vilas no seu novo disco. Todas elas son pezas tradicionais e e moi populares abordadas dende unha perspectiva contemporánea e interpretadas só ao piano
15 dic 2023 . Actualizado a las 11:01 h.Estase a vestir nos últimos tempos a música tradicional galega con roupaxes do máis variado. E hainos, como na propia vida, que lle sentan mellor que outros. O que lle deseñou Alberto Vilas no seu novo disco, Once cancións e unha danza, sorprende, xa de entrada, por inesperado. Ninguén ata o de agora abordara só ao piano, e dende unha elegante perspectiva, na que se funden o clásico, o jazz e o contemporáneo, un repertorio de pezas tan populares do cancioneiro galego como A Rianxeira, Catro vellos mariñeiros, O Miudiño, Camariñas, Alalá das Mariñas, a Danza das espadas ou A saia da Carolina.
«No inicio foi un pouco un xogo», comenta o pianista de Redondela cando se lle interpela polo xerme deste proxecto. «Xogando con estas melodías populares empecei a sentir como unha necesidade de traballar sobre este repertorio. Decateime de que esta música leva dentro de min toda a vida, que forma parte do meu ADN musical e empecei a pensar que case tiña unha débeda persoal con ela. E todo iso unido ao feito de que os nosos fillos xa empezan a descoñecer este material».
—Estamos moi afeitos a escoitar estas melodías pero nun contexto totalmente diferente.
—Exactamente. Pero o que eu non podía era deixar de ser fiel a min mesmo, deixar de ser Alberto Vilas no sentido creativo. De aí esa volta que lle din a estas músicas e que cumpre con dúas funcións. Por unha banda, o intento de renovar a tradición enfocándoa dende un punto de vista completamente diferente. E, por outra, seguir sendo creativo ao cen por cen. Eu utilizo estes temas populares, pero cun aporte de composición, incluso de partes novas. Con todo o respecto á tradición pero na miña liña de creación absoluta.
—Mesmo dá a sensación de que canto máis coñecida é a canción orixinal máis a transforma. De feito, o tema menos recoñecible deste disco seguramente é «O Miudiño».
—Efectivamente. E asegúroche que a melodía está tal cal. Unha das cousas que a min máis me sorprendeu da riqueza deste material melódico é que me permitiu vestilo con estas roupaxes tan novidosas e tomar moitos riscos no sentido harmónico e formal. Estas melodías aceptaron todo o xogo que eu fixen con elas como se fose unha luva a súa medida. Era algo que lles encaixaba perfectamente.
—Cal foi a dificultade máis grande que atopou á hora de facer os arranxos para estes temas?
—Eu non usaría a palabra dificultade porque para min foi algo moi divertido. Eu mesmo estou sorprendido de ter chegado aquí. Pero foi un proceso creativo tan fermoso... E tan de xogo, tamén.
—Moitas destas cancións populares susténtanse na voz e nas percusións, dous elementos dos que vostede carecía. Como resolveu esas carencias?
—Penso que parte da riqueza deste traballo está, precisamente, en que non apareza a voz. Porque lle dá outra dimensión musical. Está claro que todo o que ten voz resulta moito máis próximo e accesible, pero o risco é que a xente adoita fixarse máis na letra que na música. Por iso eu sempre tiro un pouco polo instrumental, como un feito de reivindicar a propia música. E respecto a ausencia da percusión, o que fixen foi primeiro desmontar os temas por completo. Están deconstruídos para volver construír sobre eles. E a partir de aí, nalgunhas pezas o que fago é aproveitar o piano, que é un instrumento de corda percutida, para facer coa man esquerda o que fai a percusión.

—Ao final, son melodías populares abordadas dende unha concepción que se sitúa a cabalo entre clásico, o jazz e o contemporáneo.
—Si, por aí asoma todo o que eu conseguín cargar na miña mochila durante os meus anos de músico. E penso que asoma dun xeito moi natural, que todo flúe. Hai momentos en que dis: "Isto podería lembrarme ao impresionismo francés, a Gershwin, a algo de jazz..". Pero non é nada diso. Os ingredientes están aí, pero están ligados.
—Interpretar este repertorio tan popular, minusvalora ao pianista ou ao instrumento?
—Eu tiven que chegar a esta música neste momento, despois de pasar por un montón de cousas, para darlle o valor real que ten a nosa música tradicional. Porque cando un ven doutros mundos máis, chamémoslle cultos, non é que chegue a sentir desprezo, pero si un pouco iso que dis ti de minusvalorar este material. Eu agora cheguei ao convencemento de que é un material marabilloso, cunha riqueza incrible e que para nada resta nin minusvalora. Iso é un prexuízo tan absurdo como o das linguas, o das razas ou calquera outro. Tampouco nas músicas hai ningunha que sexa superior a outra. En absoluto.
—E ao revés, o feito de vestir a estas melodías con estas roupaxes de gala e interpretalas ao piano, engrandéceas?
—Alguén me ten dito que neste disco hai como unha especie de elevación destas músicas. Eu penso que o que fixen foi darlles o valor e a entidade que merecen. Facelas vivir hoxe en día dun xeito diferente, dándolles toda a importancia que teñen. Eu tratei de non só coller unha fotografía antiga e sentir un pouco de nostalxia senón de darlle unha vida nova, facela vivir hoxe e traela a actualidade. E, quen sabe?, ao mellor agora dáse o camiño inverso e hai xente que chegue a estas músicas a través de aquí.