Que unha banda de rock activista e en galego acade 35 anos de vida ben merece unha celebración como a que vai ter lugar o sábado na sala Capitol de Santiago. E unha conversa.
22 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Cando o dinosauro espertou, só Zënzar estaban alí. Foron case os primeiros e son últimos dunha estirpe que entendeu que o rock ou era en galego ou non era. E que ademais había de ser combativo e reflexo do seu tempo. Hai 35 anos o envite non era pequeno. Se cadra aínda non o é hoxe. Por iso celebrar estas tres décadas e media de supervivencia dende a barricada e o underground ben merece unha festaza como a que este sábado terá por escenario a compostelá sala Capitol. Por alí pasarán vellos e novos amigos dos Zënzar, como Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Møu (DKTC), Mario Vila (Túzaros), Martín e Gonzalo (Machina), Zeltia Irevire e mesmo algún excompoñente da banda, como Manuel Silveira. «Ao final co que me quedo destes 35 anos é coa amizade de tanta xente que fun coñecendo grazas á Zënzar e coas noites de rock and roll, de risas e de festa», comenta Bocixa, cantante do grupo de Cerceda.
—Cando un celebra un aniversario coma este, tamén aproveita para botar a ollada cara atrás, para facer recapitulación, balance ou axuste de contas.
—Pois a verdade é que non. Zënzar deixámonos levar bastante. Nunca fomos banda de demasiada reflexión, nin de estratexias. Nin sequera tivemos nunca unha preocupación grande por chegar a ser unha banda influínte. Foi o propio camiño que andamos o que nos foi levando dunha parada a outra. E non hai moito máis. Funcionamos así. Tampouco, se cadra, nunca quixemos dedicarlle a vida á música. Aínda que lla dediquemos, pero non profesionalmente.
—O rock non está de moda.
—Non é o que o está petando pero tampouco nunca vai morrer. Agora o que está de moda é facer cancións de amor e de sexo e música moderna. Mesmo os festivais nos seus nomes cambiaron a palabra rock por outra. Ao tempo tamén se destruíu o tecido que fomentaba o rock, todas as salas pequenas que existiron nos 80 e 90 e incluso nos 2000. O poder, e cando digo poder falo das administracións públicas, souberon traballar e converter a música en negocio. Saben que o circo romano funciona. E iso é o que lle dan á xente. E eu síntoo moito, pero sigo dicindo que eses macrofestivais que se están a facer en Galicia seguen o os pasos do circo romano, cando botaban os presos aos leóns. Son un despilfarro de cartos públicos con moito confeti e foguetes, e deixando ás bandas galegas fóra. Meten a dúas ou tres para xustificar e listo. Aínda así, con catro macroconcertos pagados por toda a cidadanía, a maioría da xente está feliz. Gastáronse 15 ou 20 millóns de euros cos que podían facer unha labor fundamental a prol dunha cultura diversa e para promocionar a cultura dende a base.
—No 2020 dicíasme que o que necesitaba o rock eran espazos e imos xustamente na dirección contraria. Este mesmo mes pecharon dúas salas emblemáticas como eran a Karma de Pontevedra e a Salasón de Cangas. É unha situación irreversible?
—Eu sempre creo que todo a todo se lle pode dar a volta pero para iso fan falta políticas que culturalmente sexan xustas. E non se lle ve moita traza nin parece que vaia a pasar rapidamente. Pero eu son optimista e si que creo que é reversible. Mira na pandemia. Fíxose moito máis levadeira grazas á cultura e aos eventos pequeniños que se foron facendo. Pero pasou o conto e rapidamente volvemos ao gran formato. Non sei... Supoño que tamén é cuestión de que a xente, tanto o público como os artistas, pensen e valoren se ir a un lado ou ao outro e que que se reivindica en cada un deles.
—Por que seguides en activo?
—Seguimos porque somos uns yonquis do rock. Durante toda esta traxectoria houbo momentos nos que algún de nós necesitou espazo e tempo, pero rapidamente volveu precisar da música. O certo é que estamos máis enganchados que nunca. Seguimos ensaiando todas as semanas, seguimos tocando nos garitos onde sabemos que nos imos divertir, imos a eses festivais pequenos que ainda nos chaman... Para nós o rock é parte da nosa vida e Zënzar foi, e segue sendo, esencial para os membros do grupo.
—Houbo algún momento nestes 35 anos no que pensaches tirar a toalla?
—Como grupo non. Houbo, como che dixen, algún momento no que ao mellor eu ou outra persoa precisou tempo porque a vida engúlete e non tes a forza necesaria para seguir nalgunhas cousas. Pero como banda, xamais nos rendemos. Sempre tivemos todas as ganas e aquí seguimos.
—Cal é o segredo para que un grupo se manteña durante 35 anos?
—Supoño que o segredo é facer sempre o que nos gustou sen ter a obriga nin a norma de deseñalo para que funcionase como produto comercial. Esa liberdade e esa independencia foi a que nos permitiu estar tranquilos e tomarnos a nosa actividade como unha pura diversión e non como un traballo que en moitas ocasións non se traduce en nada do que buscas.
—Evidentemente, en 35 anos houbo moitos cambios na escena musical galega. Cales subliñarías?
—Houbo cambios radicais, efectivamente. Eu subliñaría a situación que estamos a vivir na actualidade. Hai moitísimas bandas galegas que están traballando e están conseguindo triunfar. A nós iso alégronos moitísimo. Para Zënzar é unha ledicia ver o actual panorama musical galego. Cando nós empezabamos eramos unha ducia de bandas as que rulabamos por aí cantando en galego. A día de hoxe Galicia é unha selva de bandas e cunha calidade incrible.
—Aínda que digan que somos uns «paletos de pueblo».
—(Ri) Os paletos eran os de Madrid. Aqueles grupos madrileños da movida dos 80 que se crían a ostia. Eses eran os verdadeiros paletos. Todo resúmese unha cuestión de coñecemento, de educación e de respecto. Cando ti te crees superior, xa estás sendo un paleto. Pero bueno, hoxe en día creo que iso está máis que superado e que todo o mundo sabe que a xente das aldeas fai cousas superinteresantes.
—Onde aprecias a herdanza de Zënzar na música galega de hoxe en día?
—Non che podería responder con exactitude. Eu creo que o se deu foi un proceso de contaxio. Eu sei de moitas bandas que se inspiraron en nós, como Ruxe Ruxe, por exemplo, que mo ten recoñecido Vituco. Pero é que despois esas outras bandas que viñeron detrás de nós foron sendo inspiración para as seguintes e así sucesivamente. Foi un proceso longo e unha cadea. Influencia directa nas bandas de hoxe? Pois eu que sei. Hai xente que hoxe está tocando que me comentou que cando viu aquel concerto de Cerceda do 2009 dixo «pois eu tamén quero facer música e vouna facer en galego». E iso arrastrou a outras e a outras... Por iso digo que máis ben creo que foi unha cadea. Non é que nós sexamos unha influencia directa. Non nos queremos atribuír ese mérito, en absoluto, porque sei que non o temos. Foi algo gradual e foi un traballo de todos.
—Trinta e cinco anos dan para sentir nostalxia?
—Home, algo de nostalxia sempre hai. Pero a verdade é que Zënzar non somos moi nostálxicos. Neste tempo temos pasado por moitísimas etapas distintas. Eu lembro con especial agarimo aqueles primeiros anos nos que montamos os primeiros festivais de rock. Como cando levamos a Cerceda ao Extremoduro, que daquela non os coñecía case ninguén. Eu desfrutei moito aquela época. Aqueles concertos en bares e máis tarde nos pubs. Logo xa apareceron as salas e normalizáronse os festivais como algo moi habitual. Se boto algo de menos ou teño algo de nostalxia sería por esa época. Será que vou vello, tío.
—Segues, como en 1995, «fascinado polo prohibido»?
—Eu si. Aínda que a medida que pasan os anos fascínaste máis pola calma e pola vida privada, eu sego a ser unha persoa fascinada polo prohibido. Un pouco contrapoder e un pouco underground. E eu creo que Zënzar en si foi todo iso.
—E tralo concerto do sábado, que imos agardar de Zënzar no 2024?
—Despois do sábado, imos a seguir tocando. Xa temos moitos concertos en salas, que é unha cousa que nos fascina. Encántanos ter aí a xente respirándonos na caluga. Despois trataremos de que no verán nos saia tamén algún bolo. A maiores, Laura [Romero, ilustradora e baixista de Zënzar] está preparando un libro ilustrado, non tanto sobre a historia de Zënzar senón sobre anécdotas e curiosidades destes 35 anos de historia do grupo. Leva entrevistados a medio cento de persoas. Vai quedar marabilloso.
- SANTIAGO. SALA CAPITOL. Sábado 23. 22.00. 12 euros