Fernando Ramallo: «O futuro do galego está en mans dos neofalantes»

FUGAS

Fernando Ramallo coordinará este ano en Xerais unha colección sobre o estado e o futuro do galego.
Fernando Ramallo coordinará este ano en Xerais unha colección sobre o estado e o futuro do galego.

«Que é ser bilingüe?» é unha das 32 preguntas que responde o catedrático no ensaio Que pasa co galego? «Ser bilingüe non é calquera que diga: 'Eu son bilingüe porque podo falar galego'». Exame rápido ao estado e o futuro da lingua

05 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Falemos en galego, do galego, debullando pregunta a pregunta ao xeito de Fernando Ramallo (Vigo, 1965), catedrático de Lingüística Xeral na Universidade de Vigo. «O peor galego é o que non se fala», di Esther Estévez, do Dígocho eu. E niso concorda Ramallo, que advirte que existe unha «hipervixilancia» lesiva para o uso natural da lingua.

­—Como fixo a selección destas 32 preguntas, sobre a base do cotián?

—Isto é resultado sobre todo da miña propia experiencia; hai moito detrás, anos de traballo. Pero supoño que moitas destas preguntas están en boca de todos...

­—É singular a situación do galego ou procede comparar coa doutras linguas?

—Hai que desmitificar a situación sociolingüística doutras linguas minoritarias. O catalán non é a lingua máis poderosa de todas as minoradas europeas. Non está nunha situación de tranquilidade. A situación sociolingüística de Galicia non é tan singular, é semellante. Outra cousa son as políticas, pero ás veces as políticas non acadan os resultados esperados.

­—Como modela a realidade social a saúde do idioma? Non é o mesmo que sexa unha lingua utilizada en determinados estatus e ámbitos que non, ou que sexa predominante urbana ou rural?

—Claro, se pensas na poboación superdiversa que hai en Cataluña... É unha diversidade elevada que enriquece a lingua. En Cataluña hai centos de linguas que se falan. Esa realidade determina a forma de facer as políticas tamén. Aquí, en Galicia, temos un nivel de inmigración moito máis baixo. Por tanto, as políticas a prol da lingua poderían ser máis sinxelas de levar a cabo que nun lugar con maior diversidade e complexidade sociolingüística...

­—Por iso é curioso que exista interese e demanda de estudo do galego noutros países de Europa máis que en Galicia. Hai desinterese e desleixo na casa?

—Hai unha parte de prexuízos que seguen aí. Moita xente nova está afastada da lingua. Hai outros prexuízos; non interesa como o inglés.

—Hai outra frescura no galego das novas propostas musicais, por exemplo. Teño a impresión de que é un galego afastado do oficial e institucional.

—Certo. Hai que pensar que somos xeracións que estamos vivindo nun momento de adaptación dunha normativa. Non é algo doado. O galego de sempre, non estándar, está nunha situación delicada. Pero hai colisión entre este galego e o que prevalece na xente nova, o galego normativo. Iso ten algo de creba interxeracional...

—Pero iso é algo que acontece noutras linguas, como o castelán, a lingua cambia segundo a idade da xente que a fale, non?

—Si, pero iso é algo fundamentalmente de léxico. No entanto, onde se identifica o galego tradicional é nunha cuestión de fonética, de semántica, de algo máis que as palabras novas que se usan na lingua. No galego hai unha ruptura maior, un «Eu con ese galego non me identifico». Este é un momento histórico, esperemos que dentro de cen anos o problema estea superado. É momento de transición, e os momentos de transición son arriscados.

—Sen arriscar, tamén se perde...

—Si. Eu valoro os momentos de crise.

—Fágolle unha das preguntas do libro: que significa ser bilingüe?

—O bilingüismo pasa a ser un significante baleiro, flotante, sen significado. Bilingüe non é calquera persoa que diga: «Eu son bilingüe porque podo falar galego». Ser bilingüe depende da capacidade, da túa competencia. Ser bilingüe, nun contexto de minoración lingüística, significa fundamentalmente ter un uso pasivo da lingua dominante e un uso activo da lingua dominada. A máis monolingüísmo (en galego), máis bilingüismo real.

—Temos un bilingüismo de postureo?

—Ou, se queres, un de «A ver quen se nega a ser bilingüe!». Para que ese bilingüismo sexa real no día a día, na vecindade, debe haber máis monolingüísmo.

—O futuro do galego está en mans dos neofalantes?

—O futuro está en mans dos neofalantes, porque, se atendemos á evolución dos últimos 50 anos, o nivel de reprodución do galego de sempre é baixo, e o cambio para a lingua vén da concienciación. O neofalante non é alguén que aprendeu o galego e o fala puntualmente; ese é máis un novo falante. O neofalante é unha persoa comprometida. O camiño é aumentar o número de neofalantes, e isto require unha concienciación social e unha política pública no sistema educativo seria.

—Por que non é unha lingua de prestixio? Resistirá a competencia co inglés?

—O inglés en Galicia, como en calquera territorio non anglófono, é unha lingua inútil. Enténdeme ese inútil; é que pasamos o 90 % do día falando en galego ou en castelán. Que pasou coas institucións? A planificación do estatus da lingua propiciou que teña espazo en ámbitos moi diversos, pero non é doado. O galego segue a ser para moitos só a lingua das emocións, dos sentimentos, do cariño...

—Hai unha burbulla do galego. A cultura non só son as institucións, os autores. Ten que rebentar esa burbulla cultural? Haberá que intentar que o galego sexa un motor económico...

—Claro. O sector empresarial ten moito que facer. Axudaría a desmontar en boa medida prexuízos respecto á lingua. E non lles custa nada... Hai que facer cambios importantes dende todos os ámbitos.

—Que potencial achegan as redes?

—Son un espazo relevante. É un lugar de interacción, de oralidade. Hai moita xente que atopa nas redes un espazo para as conversións lingüísticas. Se subestimamos as redes como espazo para o galego, estamos vivindo nunha falacia. Os nosos fillos viven a diario nese campo.