Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Jásper (Loita Amada): «Cando non me teña en pé, seguirei tocando sentado»

FUGAS

cedida

O que fora líder de Nao retorna ao rock combativo no segundo traballo de Loita Amada, que leva por elocuente título «Rematou o simulacro» 

13 ene 2024 . Actualizado a las 21:44 h.

Tras disolver Nao, no 2023 presentou Jásper o seu novo proxecto, Loita Amada, no que mesturaba canción de autor, canción protesta e folk. O desconcerto foi máis que notable nos seguidores da banda metaleira máis icónica que deu Galicia. Tanto foi así que o disco e a súa xira pasaron con máis pena que gloria. Pero rematou a parvada. Ou, o que vén sendo o mesmo, Rematou o simulacro. Jásper retorna as súas orixes cun disco de rock, entendido dende moi diversas vertentes. Nove cortes nos que conviven punk, grunge, metal e ata por un momento a música tradicional. Para a súa redención, Jásper contou na produción con Kaki Arkarazo (Kortatu, Negu Gorriak...), quen deixou marcada de xeito irrefutable a súa impronta.

­—Desta volta, co título xa case que o dis todo...

—Si, o título dá xogo para interpretalo de varios xeitos. Un, claramente, é saberse rir dun mesmo. E o outro é que, a nivel social, dun tempo a esta parte, quitáronse moitas caretas. Tamén lle quixen dar ese contido político, que tamén me caracteriza.

—Quedaches insatisfeito co disco anterior?

—Digamos que non quedei plenamente satisfeito. Ser quen de facer un disco de autor, nun estilo completamente distinto ao que viña facendo, para min foi unha satisfacción persoal plena. Pero, a nivel musical, o corpo pedíame máis caña e máis movemento nos concertos.

—Supoño que tamén botabas en falta máis concertos.

—Si, claramente. Entendo perfectamente que estiveramos en poucos festivais porque o disco era brando e incluso moita xente pensaba que eramos só un dúo. O primeiro disco prestábase para outro tipo de escenarios aos que eu non estaba afeito.

—Este disco si que é carne de festivais.

—Agardo que si, pero xa non depende de min. Eu fixen os deberes e agora a pelota está noutro tellado.

—En que se nota a man de Kaki Arkarazo?

—Un dos moitos elementos que diferencian Loita Amada de Nao é a presenza dos ventos. E aí creo que era onde eu coxeaba a nivel compositivo. Así que foi aí onde a aportación de Kaki foi fundamental. Aportounos un valor diferencial clarísimo. Cando escoitou os primeiros ventos que eu lle propuxen, díxome: «Ese rollo Obrint Pas está máis que acabado. Isto ten que tirar máis cara o soul e menos cara a pachanga». E fixo unha obra de arte. Nos ventos e nos metais estivo a súa maior achega.

—Que lle vén engadir á escena musical galega esta nova versión de Loita Amada?

—Creo que achega un punto de calidade e esa compoñente reivindicativa e de festa que se está perdendo. Os músicos galegos están a deixar de lado a profundidade para quedar no superficial. Estamos indo cara a unha música de consumo rápido. Cancións con letras cada vez máis infantís, cancións que acaban sendo himnos bastante reaccionarios, non só polo seu machismo, senón porque todo xira en torno a fago diñeiro, son unha superestrela, as rapazas veñen detrás de min... Perdeuse a música que che dá visións do mundo diferentes ás que tes, que che di cousas que che fan reflexionar e medrar como persoa.

—Cal é agora o papel de Nébeda Piñeiro, cofundadora de Loita Amada?

—Cando lle dixen o de cambiar de estilo, Nébeda díxome que ela facíase a un lado porque neste rexistro non se vía. Pero Nébeda continúa formando parte da banda e participará ocasionalmente nos concertos. Tamén foi ela a que fixo o deseño gráfico do disco.

—«Odio eterno ao fútbol moderno», titulas unha das cancións. Que che pasa co fútbol, home?

—Pois que o de agora non me gusta nada de nada. Eu fun moi futboleiro. Sufrín moito vendo ao meu Celtiña. Perdeuse a esencia dun deporte que naceu nos barrios e que era da clase obreira. Convertérono nun negocio e nun espectáculo miserento protagonizado por multimillonarios. Agora o que me gusta é ir ver ao equipo feminino do Praíña Sporting. Ver ese compañeirismo e ese fútbol menos técnico e máis tosco pero absolutamente real.

—Hai un tema, «Conquistadores do pan», no que mantés a conexión coa música tradicional. 

—Esa era unha canción que no foi no anterior porque eu tiña claro que quería gravala con Kaki. É a canción que leva máis produción porque pedía todos eses matices. Está tan ben producida que encaixamos un tema tradicional no medio dun disco no que hai temas moi punkarras e non desentoa.

—Que lle dis a quen pense que este disco é unha sorte de Nao 2.0?

—Dígolles que é Nao 3.0. Eu estou superorgulloso do que fixemos con Nao. Foi unha etapa marabillosa, pero a miña intención é seguir facendo música mentres teña forzas. Cando non me teña en pé, tocarei sentado e cando non poida nin tocar seguirei gravando as cancións que me pida o corpo.