A memoria da autora distinguida o Día das Letras Galegas neste 2024 fica no barrio coruñés da Falperra, nunha rúa e nun salón de peiteado que non esquece a última visita da «poeta da porta do lado»
26 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A panadeira do barrio sae do salón de peiteado Nilena. Achégome a porta e pregunto por Luísa Villalta a que en algunhas ocasións tiña visto saír ou entrar no local. Vai para vinte anos do seu pasamento, pero Elena Itoiz, a perruqueira, fala dela cunha apaixonada viveza. Como se acabase de saír. Emociona escoitala. Resume a pegada da poeta en dúas palabras: «Daba paz». Elena, de orixe vasco e con máis de trinta anos en Galicia, confesa que nos primeiros tempos tivo os seus máis e os seus menos co galego. Parecíalle duro, áspero. Acabou gustándolle e a iso non foi allea a presenza de Luísa: «Era una persona que llegaba hablando un gallego muy suave y transmitía paz», evoca. Ten moi vivas aquelas conversas dos venres: «Nunca habló mal de nadie. Tenía una conversación que te gustaba muchísimo oírla hablar. Muy cercana. Te gustaba tenerla».
Nilena está na rúa Sinforiano López, a poucos metros da casa da poeta no barrio coruñés da Falperra. A poeta e profesora Luísa Villalta era unha clienta habitual e ía todas as semanas. «No sé cuantos años estuvo viniendo, pero a lo mejor diez o así... Era buenísima, buenísima... Dejó muy buen recuerdo», insiste Elena. Parece rematar cunha curiosidade: «Me mandaban antes una revista que era solo de salud y ella era la única persona que la leía. No leía ninguna revista de cotilleos, solo la de salud».
Pero as lembranzas empezan a saír en aluvión: «Fue una pérdida tremenda... Y tan repentina. Había estado aquí el viernes, me parece que falleció el sábado, y dijo que le dolía mucho la cabeza, que se iba a ir a casa y tomar un paracetamol». Foi a última visita. «El domingo me llamó la chica que trabajaba conmigo para decir que había leído en la prensa que había fallecido», evoca Elena. O vindeiro 6 de marzo cumpriranse vinte anos do pasamento, pero a perruqueira mantén moi viva a súa pegada.
No barrio, Luísa Villalta era a poeta da porta do lado. Podías atopala pola rúa ou saíndo dunha tenda de produtos naturais. Estabamos separados por unha casa que foi esmorecendo xa que está deshabitada; cando tapiaron esa vivenda, a lírica tamén se fixo presente. Nun pano branco da fachada alguén pintou un traballado debuxo. Durou poucos días porque o emborrancharon. O autor, ou autora, animoso, pintou no sitio unha flor e sobre os pétalos deixou unha melancólica pregunta que alí sigue: «¿Al caso no le gustaba la obra de arte que había debajo de esto?».
Tamén na beira da porta da vivenda de Luísa hai un texto: «Nesta casa viviu e soñou a poeta Luísa Villalta, aquí as súas mans modelaron a lingua, os sons, o que habita o outro lado da música, na poesía». Isto di a placa colocada o 28 de setembro do 2014 pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Cada certo tempo pode vese alguén que sube pola rúa parándose a ler ese texto.
Para chegar á que era a casa de Luísa hai que subir por rúas pendentes ou por escaleiras; unha destas arrinca preto de Catro Camiños e ten un cento de chanzos. Luísa escribiu dos barrios coruñeses e sobre todo da Cidade Alta, esa Coruña centenaria: «O meu nome é o da Cidade Alta /nacido onde a luz e o mar se están orixinando / mutuamente / nacín enfrente de min mesma / cando a Pescadería era un manto de sereas / e a serpe demorada na voz dos meus avós / vento dos ventos». O seu barrio tamén é alto e de feito na fala popular leva o nome dun monte de Marrocos: o Gurugú. Nese sitio españois e rifeños tiveron durísimas loitas a comezos do século pasado e desde hai un tempo é refuxio para os emigrantes que agardan poder cruzar o Estreito e chegar a España. «Veño de aquí / unha historia de palabras / nas casas da cabeza e nos chanzos do corazón / palabras que son xente a murmurar de lonxe / desde Santa Lucía / épicas antigas de bailes no Gurugú / insultos, pelexas e disparos...». Eran tempos nos que as relacións entre a rapazada dos barrios «internacionais» da cidade —Corea (a zona das chamadas casas de Franco), Katanga (barrio de Labañou), Gurugú...— remataban como contaba a poeta: con pelexas. Algo moi afastado dunha muller que sementaba paz, música e futuro con palabras.