Fran Sieira, bailador: «Nas foliadas rachouse cos estereotipos de xénero»

FUGAS

Fran Sieira, o nome propio da danza galega, estrea «Ceibe», un espectáculo que aborda os roles de xénero e no que conviven a danza contemporánea e o baile tradicional

01 mar 2024 . Actualizado a las 15:36 h.

Na súa escala, Fran Sieira podería ser á danza galega o que Tanxugueiras foron á música tradicional. De feito, non foi por casualidade que o bailador formara parte da posta en escena que o trío de pandeireteiras presentou en Benidorm. Coa súa anterior montaxe, DeMente, a Compañía de Danza de Fran Sieira xa deu unha boa mostra de ata onde se pode chegar a partir da converxencia entre conciencia social e máis baile contemporáneo e tradicional. Sobre eses mesmos piares Sieira creou agora Ceibe, un espectáculo transformador e cunha estética radicalmente propia que o sábado estrea no auditorio de Cangas.

—«Ceibe» propón novas formas de entender a identidade de xénero desde o baile tradicional. É esa idea en torno a cal se configurou o espectáculo?

—Si. Ceibe naceu pola necesidade de abrir o baile tradicional a todo tipo de identidades de xénero e de sensibilidades. O baile tradicional é un baile moi social e determinado polo machismo que atravesa transversalmente toda a sociedade. É un baile no que a voz do home ten unha autoridade moi marcada. Aínda que nas foliadas de hoxe en día iso xa se difumina moitísimo. É marabilloso ver como a rapazada rachou con eses estereotipos de xénero tan marcados. Pero en segundo que ámbitos aínda vemos como a determinados corpos o xénero pode oprimilos e quitarlles a liberdade de expresión, neste caso, no baile.

—O de «bailas», ou «móveste como unha nena», era un lamentable clásico.

—Ui, si! Eu iso vivino toda a vida. Quero pensar que é algo que xa non pasa, pero son consciente de que hai persoas que non dan atopado o seu sitio. Tampouco no baile.

—Como se reflicte o concepto de «Ceibe» sobre o escenario?

—Primeiro, con moito respecto. Abordámolo dun xeito moi amable para que ninguén se poida sentir ofendido. Expoñemos unha visión bastante branca e clara da idea de abrir á danza e de quitarlle corsés. Iso en escena reflíctese en como dende unha rixidez inicial imos sacando capas e capas e buscando o xeito de ceibarnos.

Que vai ver o público?

—Vai ver un espectáculo de danza con raíz tradicional pero tamén con música electrónica e con voz en directo. Un espectáculo moi visual, cunha estética moi propia e que vai chamar moito a atención. E no que imos tratar un tema que a todos nos vai tocar moi de cerca. Igual estoume lanzando de máis pero eu creo que vai ser un espectáculo transformador, no que a persoa cando saia non vai ser igual que a que entrou. Vai cuestionarse determinadas cousas. Para min é moi interesante que a xente saia murmurando.

—Están igual de marcados os roles de xénero noutros bailes contemporáneos? Estou pensando no rap ou na electrónica.

—Iso non cho sabería responder. Pero si que che digo que aínda hoxe en día, se estudas danza clásica, hai unha materia que se chama Varones. E outra que é Puntas, na que só poden estar as rapazas.

—Aparte dos roles de xénero, con que outra barreiras hai que rachar?

—Uf, con moitísimas. Coa clase social, coa raza, coa relixión, coas discapacidades... É que son todo barreiras.

—Unha das cousas que máis gustou de «DeMente» foi esa confluencia e esa harmonía entre a danza contemporánea e o baile tradicional. Dáse tamén en «Ceibe»?

—Si. Supoño que xa é algo que define á compañía. A miña linguaxe por excelencia é o baile tradicional, porque foi o que aprendín e o que levo bailando dende os 8 anos, pero si que me gusta elevalo a un marco contemporáneo e dende esa perspectiva tratar temas que están na sociedade.

—O baile tradicional vive un momento de gran eclosión. A que cres que se debe?

—Creo que ten que ver con que tamén a música galega está pasando por un moi bo momento. Unha cousa vai da man da outra. A rapazada escoita a Tanxugueiras, a Mondra ou a Fillas de Cassandra e arráncase a bailar. A xente quere aprender a facer algún paso de tradi porque quere bailar cando vai a eses concertos. Oxalá perdure no tempo porque aí temos unha canteira superforte, que veñen pisando con moita firmeza e coas cousas moi claras. Penso que teñen a cabeza moito máis amoblada que nós cando tiñamos a súa idade.

—E a danza pode aproveitarse desa corrente?

—Si, claro que se pode aproveitar. Sobre todo á hora de conseguir que máis xente se interese por ela. Moitas compañeiras do elenco dan clases á xente que quere aprender a bailar para ir a unha foliada. E téñenas cheas. Entón, claro que vai á para e é marabilloso. E despois, que compañías como a miña, como Nova Galega de Danza ou Óscar Cobos collamos para os nosos espectáculo matices do baile tradicional, tamén axuda. Todo vai sumando.

—Ata que punto foi importante que Tanxugueiras incluísen a danza galega na súa actuación do Benidorm Fest?

—Foi moi importante. Elas tiñan moi claro que en Benidorm querían amosar de onde sae o canto tradicional. Naceu porque era algo necesario para acompañar o baile. É dicir, cantábase para bailar. E elas quixeron facer esa chiscadela. Estoulles moi agradecido de que tiveran esa sensibilidade.

—Ademais de Aida Tarrío, na túa compañía tes outro artista, Mondra, que integra a danza no seu espectáculo case dun xeito tan protagonista como a música.

—Si, si. El ten un espectáculo no que danza e música van á par. Iso atrápame por completo. Non podo deixar de miralo.

—En «Ceibe» non bailas. Non che tenta subir ao escenario?

—Si, si que me tenta. Pero é que ata agora nunca me permitira traballar na dirección ao 100 % dende fóra, e era algo que eu sentía necesario. Facelo deume a oportunidade de estar moi dentro no proceso creativo do espazo escénico, da música, da iluminación, do vestiario... de moitos aspectos das artes escénicas que me encantan. Para min foi moi enriquecedor. De todos os xeitos, non descarto subir a bailar máis adiante. Haberá algún día no que algún artista do elenco non poida ir, e eu non terei ningún problema en entrar.

—Os adestradores de fútbol que foron xogadores comentan que se sofre moito máis no banco que no campo.

—Xa. Iso vénseme moitas veces á cabeza. A ver como o paso eu o sábado. Pero, ao tempo, tamén teño moitas ganas de que chegue o día. Faime moitísima ilusión velo dende outro lado.

—Preocúpache o que poidan dicir de «Ceibe» os puristas da danza ou do «tradi»?

—Non, porque é un espectáculo feito con moito cariño e dende o respecto. Eu sempre digo que isto é como cando un galego se pon a falar castelán en Madrid, que se lle nota o acento por todas partes. Pois isto é igual. Haberá quen diga «que están intentando, facer danza contemporánea? Se se lles nota que son galegos». Pois claro que si. Eu non che vou vender que estou sendo purista. Tampouco o pretendo. Eu estou collendo todas as ferramentas que fun adquirindo dende que me considero bailador e con iso falo dun tema que nos atravesa a todos e todas. Sen medo ningún a saírme da norma.

—Di Carlos Blanco que Galicia é unha potencia en comedia. Tamén somos unha potencia na danza?

—Si, si que o somos. Agora mesmo en Galicia hai compañías e intérpretes de danza que son referentes a nivel nacional e incluso internacional, pero que non teñen aquí a proxección que deberían ter. Pero aí seguiremos, loitando e abrindo camiño. Hai que ir pouco a pouco creando oferta para que a xente se acostume a ir aos teatros e cada vez demande máis danza. A danza precisa un empurrón e alguén que diga: «Imos apostar de verdade por isto». Eu creo que sería unha boa medalla para o político que se decidira a facelo.

  • CANGAS. AUDITORIO. SÁBADO 2. 20.00 H. 15 EUROS
  • SANTIAGO. TEATRO PRINCIPAL. SÁBADO 9. 20.30 H. ENTRADAS ESGOTADAS