Suso Díaz Estévez é unha voz poética singular, dificilmente adscrita a ningunha xeración nin movemento. Velaí a súa querenza pola poesía galega, tanto como divulgador encabezando numerosos proxectos —lembro aquí só un como foi o caderno de poetas galegos contemporáneos baixo o título de «As escollas selectivas»— coma na vertente autoral. Neste último apartado dá un paso adiante e crea, para este libro concreto e para outros que virán, un selo editorial baixo a denominación de Murabellos: topónimo das ladeiras da serra de Santa Eufemia, en Ludeiros (Lobios), patria natal do autor, onde a veciñanza construíu tres pozas para xuntar a auga de varios nacentes e deste xeito regar as veigas da terra; selo co que, dalgún xeito, tamén homenaxea a editorial Lar, nacida hai agora cen anos e que foi precursora da edición moderna en lingua galega.
E coma se a propia autora de En las orillas del Sar quixese iluminar, ou regar, este camiño poético naceu Amada Rosalía, que vén sumarse ao ronsel iniciado por unha publicación que vira a luz na rede, coordinada por el, baixo o título de 150 cantares para Rosalía de Castro. Mais os desta publicación que nos ocupa hoxe son todos poemas propios distribuídos en oito bloques e realizados nun período de sete anos, que nacen baixo a inspiración tanto de versos rosalianos como de diversas voces poéticas que lle dedicaron algún poema á autora de Follas novas, entre os que están poetas da nosa tradición —de Celso Emilio Ferreiro a Xela Arias, por exemplo— e outros que representan as diversas linguas peninsulares como testemuñan fragmentos de Eugénio de Andrade, José Ángel Valente, Salvador Espriu ou Gabriel Aresti, nunha proposta vivificadora e plural. A cifra de composicións, 161, remite aos anos transcorridos desde a publicación de Cantares gallegos ata o presente e atesouran un especial coidado depositado no ritmo, o que as converte en propostas para ser lidas en voz alta e, se cadra, doadamente musicadas. Dentro destas permitiríame salientar as que se presentan baixo a forma de haikus: xénero transitado con insistencia e fortuna polo autor.
Un volume que confirma como se proxecta hoxe a influencia rosaliana nunha voz contemporánea e nun proxecto único e pioneiro.