«Osa», o conto que namora a pais e nenos: «É un subidón ser recoñecida polo gremio dos libreiros»

FUGAS

osa
ANGEL MANSO

A debuxante Lucía Cobo está a conmover a cativos e adultos coa súa visión diferente sobre a maternidade da man de «Osa», a súa criatura debut 

23 jun 2024 . Actualizado a las 21:26 h.

O ciclo da vida, a aprendizaxe, a evolución, a conexión coa natureza están en Osa (Kalandraka), que a uns pode evocarlles tenrura, a outros dor e tristeza, pero tamén inspirar novos comezos. A editorial pontevedresa reedita o relato de José Ramón Alonso ilustrado por Lucía Cobo que foi recomendado o pasado maio polos libreiros independentes de España que conflúen na plataforma online Todos tus Libros. Filla de mestres e cun pai libreiro, as historias formaron parte de Lucía dende cativa. Unha ilustradora para non perder de vista.

—Que nos conta esta nova «Osa»?

Osa aínda tiña moito que dicir e ten moito que dicir no ámbito da literatura infantil e xuvenil sobre un tema moi clásico e manido, a maternidade. É unha interpretación diferente, profunda e meditada. É un álbum ilustrado que suxire cos espazos en branco, que cobren os lectores. É unha lectura colectiva onde texto e imaxe non se poden ler por separado.

­—Canto pode dicir unha imaxe?

—Coas imaxes achegamos moito, traen mensaxes ocultas máis alá do que está a simple viste, como esas patas da osa que son árbores. Falan da experiencia persoal. Osa é bastante introspectivo, é un álbum moi íntimo, profundo e madurado.

—Como darlle á volta á historia da maternidade?

—Aínda que o texto achega unha historia moi sinxeliña, logo de hibernar a mamá ten o bebé soa. Contado dunha forma máis persoal, pode ser un xeito de alentar á lectura das imaxes, á alfabetización visual, que é fundamental. Estamos nun contexto tremendo con imaxes que ás veces non achegan nada, só decoran. Osa consegue o contrario, faite reflexionar coa contundencia das ilustracións. A osa é moi monumental, non hai artificios que distraian a mirada. A conexión co animal, como se fósemos nós, creo que fai especial Osa.

osa
ANGEL MANSO

­—É para os nenos ou para os pais?

—Os álbums ilustrados son libros que non teñen idade, van dos cero aos cen anos, e neles inflúe moito a sensibilidade de quen os ve. A súa bagaxe. Penso que Osa é unha lectura conxunta. Os cativos teñen unha visión máis limpa, sen estereotipos na cabeza. Enchen os ocos e interpretan, este libro é moi libre. Creo que poden darlle moitas máis interpretacións das que contemplei. Logo, pais e mestres poden axudar a enriquecer esa visión.

—Hai moito de Lucía nesta obra?

—Este libro non nace por un afán meu pola maternidade. Non son nai. Nace dunha etapa dolorosa pola morte dun ser querido. Representa un paso adiante, un outono que queda atrás. Para min, Osa é o meu osezno. Os nenos van ver nela unha mamá que vai ter un bebé, eu, unha evolución vital. Na Feira do Libro de Madrid, unha rapaza detívose a ollalo. Emocionouse. Dixo que non era nai, pero mercouno. Din que os músicos fan as mellores obras cando pasan por un momento difícil, estou de acordo, conectas máis contigo. Abrinme en canal con este libro.

osa
ANGEL MANSO

—Tedes medo de que a intelixencia artificial poida un día suplantarvos?

—Na feira houbo moita polémica porque o cartel inicial foi feito con intelixencia artificial. Coas críticas, recuaron. A min dáme medo, a verdade é que si. Están adestrándoa para que reproduza calquera tipo de estética e técnica. Pero hai algo que se perde: a orixinalidade dos artistas. A profundidade, poeticamente falando.

—Podemos dicir que debuta con «Osa». Tremenda carta de presentación.

—Está a ser un subidón. Teño un contiño, pero este é o meu primeiro álbum ilustrado. Introducinme profesionalmente en algo que era unha paixón desde nena. Xa me dixeron: «É o primeiro e ao mellor non fas ningún tan bo!» Estou feliz de que haxa un recoñecemento, especialmente por parte do gremio dos libreiros, é un premio. É un libro que pode manterse no tempo.