Sús, a revolución portuguesa do pop e da electrónica

FUGAS

Alexandra Oldak

Ninguén levou tan loxe coma ela a actualizción da música tradicional portuguesa. O sábado actúa, xunto a Mel, no teatro Principal de Santiago, no marco do ciclo «O que non se escribe»

23 jun 2024 . Actualizado a las 21:25 h.

Varias son as voces que nos últimos anos están a renovar a música tradicional portuguesa. Pero ningunha a levou tan lonxe como Sús, o apelativo artístico de Susana Nune. Nela conflúen a electrónica de vangarda, o fado e a lírica do país veciño, conformando unha proposta que atesoura unha carga magnética de maiúscula intensidade. Sempre coa exploración da voz como instrumento principal.

Hai unhas semanas que Sús publicou o seu primeiro disco, Entre (Raso Estudio), que o sábado presentará en directo no teatro Principal de Compostela, nun concerto que compartirá con Mel, no marco do ciclo O que non se escribe.

Pregúntolle a Sús por que é tan importante o que non se escribe. «Porque nos cohesiona», dime. «O que segue con nós a pesar de non ter sido escrito, mantense porque é impactante. É o froito dun proceso de pequenas ligazóns que conforman unha ligazón moi grande».

De tal xeito, asume a artista de Esposende, que non se pode entender a vangarda se non coñeces o teu pasado. «Unhas cousas retroaliméntanse doutras. Sempre é necesario entender o que xa aconteceu para trazar o novo. Que moitas veces non é novo, senón a mutación dalgo que xa existiui. Aínda que parezan cousas moi diferentes hai sempre unha raíz común».

No seu caso, a relectura da música tradicional portuguesa lévaa a un territorio sonoro fascinante, non sempre doado de percorrer: os suburbios do pop, do folclore e da experimentación, presentado todo dende unha narrativa intimista.

Pouco ou nada que ver Sús con esas outras voces que lle están a dar unha contemporaneización ao fado. Aínda que o fado tamén ten nela certa presenza. «É algo que informa, máis non é o que maioritariamente acontece. Eu estou máis preto da música tradicional portuguesa que do fado en si, aínda que as miñas creacións teñan tamén esa melancolía», conta.

Unha melancolía áspera e opresiva por momentos. Envolta en capas e capas de texturas que conforman unha atmosfera escura da que emana como unha luminosa raiola a súa voz. «É o instrumento que mellor coñezo, o que permite que as cancións se perpetúen. A maior parte da miña formación e da miña experiencia é como cantora. Eu entendo a voz sempre como un abrazo», manifesta.

Sús, que ten colaborado con grupos e artistas galegos, como Néboa ou Baiuca, non entende por que as músicas de Galicia e de Portugal viven de costas unha da outra. «Non ten sentido que o intercambio non sexa natural, porque hai moitísimas cousas que nos tocan á vez a uns e a outros», comenta. «Eu teño viaxado moito a Galicia e teño encontrado moitos galegos no meu camiño musical. De feito, sentirme tan próxima á música tradicional galega ten sido unha das descubertas máis incribles dos últimos anos. Pero é certo que nos seguen a faltar moitas pontes».

  • SANTIAGO. TEATRO PRINCIPAL. SÁBADO 22. 20.00 H. 12 EUROS