Educar na memoria democrática

Ramón Nicolás

FUGAS

28 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro ler este libro que hoxe me ocupa hai algún tempo. Fíxeno cun lapis na man e as marxes, e moitas ocasións, non deixaban espazo para apuntar reflexións ao fío de datos descoñecidos e información por veces familiar pero exposta desde unha perspectiva que a converte en nova. As valiosas e solventes ferramentas de análise que ofrece a investigación histórica plásmanse aquí en suxestións que percorren camiños pouco transitados.

Sorprende, con todo, que este libro non se convertese nun volume máis comentado pois, desde o momento da súa publicación, alimenta esa necesidade de saber máis con rigor e profesionalidade por volta dos ecos que repousan no seu subtítulo: que son e onde están os «lugares de memoria democrática en Galicia». Como tantas persoas interesadas na materia, isto é, na memoria democrática en Galicia, antes de abrir este libro xurdían de maneira espontánea Meirás, Punta Herminia na cidade da Coruña, o mosteiro de Celanova na época da guerra, a illa de San Simón na enseada da ría de Vigo, Camposancos... Non sei se moitos máis. Pois ben, este libro confirma que todos os anteriores o son, mais tamén outros, pois atende igualmente a espazos ou movementos involucrados na consecución da democracia, moitos deles invisibilizados aínda hoxe, como son as loitas sindicais, as de xénero ou as do ámbito cultural. Velaí como o profesor Emilio Grandío Seoane coordina un volume que, malia ofrecerse como unha escolma simbólica do que quedaría por facer no ámbito da recuperación memorialística en Galicia, posibilita ensanchar as marxes desta memoria e axuda a facer máis firmes os esteos dunha sociedade democrática.

Por se fose pouco, desde a web de Galaxia, editora deste volume, disponse unha guía docente descargable, asinada por Manuel Pérez Lorenzo e Raúl Soutelo Vázquez, operativa para traballar estes espazos da memoria como actividades de aprendizaxe para o alumnado da ESO e de bacharelato. Alén disto, para ampliar información, pódese acceder ás localizacións, imaxes e rutas, ademais dunha base de datos indexada temática e cronoloxicamente, na plataforma en liña memoriasvivas.es. Unha edición, así pois, estendida cuxa presenza debería ser obrigatoria en todos os centros de ensino de Galicia para educar, como é tan necesario, na memoria democrática.