Os galegos que fan que merques un libro pola portada

FUGAS

Cibrán Rico e Suso Vázquez, Artur Galocha, Elga Fernández Lamas e os irmáns Paadín son algúns dos deseñadores de referencia na nova idade dourada do deseño en Galicia.
Cibrán Rico e Suso Vázquez, Artur Galocha, Elga Fernández Lamas e os irmáns Paadín son algúns dos deseñadores de referencia na nova idade dourada do deseño en Galicia. -

O talento artístico en Galicia vai máis alá da música, a escritura ou o cine. Falamos con seis deseñadores e ilustradores que envolven coas súas ideas os libros que quererás ter na casa

12 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrar nunha libraría ou nunha biblioteca pode supoñer unha sobredose de estímulos. Centos de obras nos estantes pero, con sorte, só unha pequena selección pode acabar na casa. Ir ollar libros pode ser unha tarefa de varias horas lendo sinopses, información dos autores ou algunhas liñas do interior, pero tamén mirando portadas para decidir a nosa elección. Aínda que saibamos que o importante está no interior, ímonos permitir ser superficiais por esta vez e recoñecer que, polo menos, un libro captou a nosa atención pola imaxe da capa. Ao igual que o texto ten autor, ese deseño ten nomes e apelidos, e neste caso son galegos.

O mundo do deseño en Galicia está a vivir unha época dourada e no epígrafe editorial non ía ser unha excepción. Repasamos a obra de seis artistas galegos que, de seguro, farán que queiras ter un libro deseñado por eles na casa.

Controlar todo o proceso

Por que quedar só coa portada cando podes deseñar todo? Iso preguntáronse Cibrán Rico (A Coruña) e Suso Vázquez (Vigo) cando comezaron no mundo editorial. Cursando Arquitectura Técnica empezaron a xogar co mundo dos libros. Na biblioteca da facultade vían edicións que os apaixonaban e anos despois embarcáronse en Desescribir, un estudo profesional no que recibían encargos de entidades e editoriais. A súa ambición era tal que cando descubriron «como se facía un libro dende o principio ata o final» crearon Fabulatorio, a súa propia editorial. «Vemos o libro dunha maneira integral. A cuberta, sen dúbida, é moi importante porque é o primeiro que ves, pero tamén hai que coidar a encadernación e os materiais», comentan. Para eles a portada e o texto deben vivir en simbiose e desbotan a idea de que «o deseño é o que pon as cousas bonitas, unha decoración. Nós cremos que axuda a contar o contido se se traballa de maneira conxunta».

Suso Vázquez e Cibrán Rico avogan por «linguaxes menos evidentes» e confían na intelixencia dos lectores. «Non podemos tomar á xente como parva», reivindican, recoñecendo que a cultura visual da sociedade cada vez é maior. Aínda así mencionan que a día de hoxe se arrastran vicios do pasado. «Hai veces que parece que se unha novela policíaca non leva na portada un sombreiro e un cigarro non vale», comentan entre risas.

A súa paixón polo deseño deulles xa varias alegrías en forma de premios. Os últimos foron dous Laus por Cuentos mestizos, de Mercedes Azpilicueta, editado pola Fundación María José Jove. En referencia ao traballo da artista construíron o libro con tea e cun bordado «producido nunha pequena empresa levada por mulleres do barrio onde temos o estudo».

Deseño de colección

Para moitos deseñadores enfrontarse a facer unha imaxe de colección supón todo un reto. Todos podemos recoñecer un libro de Anagrama ou de Tusquets ao ver a súa portada, pero esa iconicidade é complicada de atopar. Porén, iso non supuxo un problema para os irmáns José Manuel e Luis Paadín, naturais de Ferrol e coñecidos, por motivos evidentes, como Hermanos Paadín. Afincados agora en Barcelona, chegaron ao mundo editorial polos fanzines. Luis quixo tamén especializarse na impresión e así, «cando controlas os medios, unha cousa leva a outra» e acabaron facendo, entre outros proxectos, o deseño da colección Asterisco de Niños Gratis. Todos os libros baixo ese paraugas teñen a particularidade de ser obras breves e cada libro está abrazado por unha sobrecuberta que, ademais de facer de portada, pode despregarse converténdose en póster. Para eles, este proxecto consiste en «facer unha cousa por gusto con amigos» e centrarse en «interesarse e aprender cousas polo camiño». Grazas a esta mentalidade, acabaron facendo algo co que se sentiron «100 % identificados» porque «non tivemos que facer concesións», din. Cando lles propuxeron facer este deseño, intentaron «non facer un libro ao uso». «Pensabamos que podía ser visualmente bonito», contan. Para eles, os libros «son algo máis que letras» e en moitos casos recoñecen que «unha portada pode engadirlles valor, ao mellor sen unha boa capa non se venderían tan ben», analizan. Aínda que a colección ten trazos moi similares destacan a portada de Salvemos la Jarapa. «Cando fixemos ese primeiro libro xa vimos que isto ía funcionar e era algo do que estabamos orgullosos», manifestan.

O valor de ilustrar temas tabú

Elga Fernández Lamas (Ferrol) nunca pensara en facer portadas de libros, pero cando Edicións Embora contactou con ela o seu espírito multidisciplinar levouna a caer no mundo literario. O seu estilo «doce e sinxelo» contrasta maxicamente cos temas que máis lle gusta ilustrar nas portadas. Un exemplo pódese atopar en A contrapelo, unha obra de Bel Odid sobre a depilación feminina con portada desta artista ferrolá. «Gústame traballar estes temas aínda que hai unha responsabilidade moi grande e son moi complicados», admite. Para ela isto supón un proceso moi longo xa que le «con atención os textos», «porque ti estás poñendo a imaxe, pero o importante é o libro, non a portada», reflexiona. Igualmente, tamén recoñece que ela ás veces cae en mercar libros polo atractivo visual. «A min gústame moito a forma de editar de Blackie Books e hai pouco merquei o primeiro volume de Blackwater e pensei: se tivese outra portada, igual non o tería mercado», comenta entre risas.

Elga Fernández Lamas agradece o recoñecemento que ten coas súas obras, aínda que considera que o traballo de facer portadas aínda non é moi aclamado.

Para Artur Galocha, o deseño forma parte da súa idiosincrasia. Cando empezou os estudos de Xornalismo, este lucense tiña claro que quería deseñar xornais e revistas. Finalmente, e case de casualidade, coñeceu aos editores de Libros del K. O. que lle propuxeron facer algunha portada da súa colección Hooligans ilustrados.

«Ximnasia creativa»

Desde ese día pasaron xa 12 anos e xunto coa editorial colecciona preto de 30 portadas. Resulta difícil que pasen desapercibidas as capas de libros como Subcampeón, Fariña ou Chapapote, todas firmadas por el. Desa última, cunha portada totalmente negra, séntese especialmente orgulloso. «Ao final, tes que competir, chamar a atención, e cando entras nunha libraría, entre todos os libros o ollo vai para aí», comenta.

O seu estilo mestura obxectos reais con ilustracións, o que lle confire un dos seus trazos máis característicos. «O proceso plástico é o que máis me divirte, é todo pracer. Para min, que traballo moito co ordenador, poder facer cousas coas mans de vez en cando supón unha ximnasia creativa», comenta Artur Galocha. Unha destas portadas «feitas a man» garda tamén unha das anécdotas da súa carreira. «En La noche de la pistola, de David Carr, tiven que conseguir unha arma de fogueo e serrar un libro vello do detective Marlowe para metela», narra entre risas. «Toda a historia de ir pola rúa coa pistola foi moi divertido e gardo moi bo recordo», lembra.

No seu proceso creativo, o contacto cos autores é moi estreito, xa que «o libro é seu e o importante é o contido». Se puidese escoller con quen lle gustaría establecer ese vínculo, sería Mariana Enríquez. «Volveríame tolo facer unha portada para ela, enfocar nunha idea toda esa escuridade», confesa Artur Galocha.