Arrincan no faro de Corrubedo os concertos na fin da terra coa gran dama da canción alemá Ute Lemper

FUGAS

Ute Lemper
Ute Lemper Alejandro Mínguez

Un aforo limitado con 250 cadeiras, mesas e incluso manta facilitada pola organización para levar ben as baixas temperaturas e humidade da noite son as claves do éxito dunha actividade que cobre as entradas nada máis saír á venda

28 jul 2024 . Actualizado a las 15:33 h.

Ute Lemper fixo un alto na súa xira internacional para deslumbrar a un público entregado nun marco incomparable como é o Faro de Corrubedo dentro dunha serie de concertos únicos polo seu emprazamento e filosofía. Por cuarto ano consecutivo algúns dos faros máis emblemáticos de Galicia convértense este verán, grazas a Mar Aberto, en escenarios dos denominados concertos «na fin da Terra». Esta interesante iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia iniciou o ciclo coa gran dama da canción alemá, Ute Lemper, aos pés do Faro de Corrubedo, e na que participaron tamén a ourensá de pai americano Marem Ladson, co seu marcado estilo folk-pop, e Señora dj, encargada de ambientar o inicio e peche da sesión musical.

Marem Ladson
Marem Ladson Alejandro Mínguez

Un aforo limitado con 250 cadeiras, mesas e incluso manta facilitada pola organización para levar ben as baixas temperaturas e humidade da noite son as chaves do éxito dunha actividade que cobre as entradas nada máis saír á venda. No caso de Corrubedo, coa Praia de Balieiros ao lado, os participantes pudieron gozar dun solpor de película mentres escoitaban unha das voces máis prestixiosas de Europa da tamén actriz Ute Lemper en inglés, francés, alemán e tamén en castelán, con temas como María de Buenos Aires. Temas de cabaret e clásicos que non deixaron indiferente a ninguén. No descanso, e como novidade, actuaron tres bailaríns da compañía do ribeirense Fran Sieira, coñecido polas súas colaboracións con Tanxugueiras na canción Terra, que sorprenderon cunha chamativa proposta de danza contemporánea e música tradicional. A hispano-estadounidense Ladson, que lembrou a súa familia de Ourense, fixo un concerto en inglés e castelán con temas de varios traballos e incluso algún novo con aires indies. Este ano Galicia Calidade tamén aproveitou as actuacións para ofrecer unha degustación de viños e queixos galegos para todos os asistentes.

Señora DJ
Señora DJ Alejandro Mínguez

Aqueles que non foron quen de ter entrada puideron gozar do espectáculo dende a parte exterior do recinto, xa que Corrubedo permite este extra sen cadeira. A segunda sesión, o sábado 27, foi da man de Rapariga dj, Céu e Brais Morán& Nasaufunk. A primeria fin de semana de agosto será a quenda de Mercedes Peón e Mondra, e Budiño con Zultia Irevire, no faro Punta da Barca, en Muxia, aínda quedan entradas para esta dupla sesión de concertos.

O remate será os días 9 e 10 de agosto no Castelo de San Felipe de Ferrol da man de Juno e Pamela Rodríguez o primerio día e de María José Llergo e Lua de Santana o 10 de agosto. As entradas neste caso xa están case esgotadas.