Henrique Monteagudo: «Deberiamos recuperar o proxecto do Xabarín Club»

MARTA REY / M. V.

FUGAS

Paco Rodríguez

Ten o audiovisual galego un bo uso da linguaxe? O profesor de la USC e académico da Real Academia Galega fala sobre o momento que vive o idioma

09 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Henrique Monteagudo é catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago, investigador do Instituto da Lingua Galega e académico da Real Academia Galega. É autor de obras como Historia social da lingua galega e Galiza mater, raíz anterga. Falamos con el para saber máis sobre a gramática do galego e o uso da lingua no audiovisual.

—Moitas veces vemos a RAG como institución, e non sabemos máis alá. Cal é a súa función en canto ao uso do galego?

—O principal é o estudo e a defensa do idioma. O máis relevante é o dicionario que ofrece en liña e que está prestando un gran servizo. En canto á defensa, está sempre vixiante con respecto ao uso do galego, á política lingüística e á súa presenza nos medios de comunicación.

Ti creciches en contacto co castelán e co galego, pero un de cada tres menores de 20 anos non sabe falar o galego con soltura. Estase perdendo entre a xente moza?

—Si, estase perdendo, pero hai que ter coidado, porque ás veces se di que a xente moza abandona o galego, e non é así. O que está pasando é que se está perdendo a transmisión interxeracional da lingua; entón hai xente que non escoitou falar galego dentro da súa familia. Nos primeiros anos de vida é cando se aprenden os idiomas dunha forma máis espontánea. Por outro lado, hai quen deixa de falalo porque ten que marchar a un sitio onde o castelán é lingua vehicular.

—Cales son os erros gramaticais máis comúns en galego?

—Depende un pouco do tipo de falante. Galicia é un territorio de contacto de linguas entre o galego e o castelán. Maniféstase dunha maneira distinta dependendo do contexto sociolingüístico. Hai falantes de galego nativos que se desenvolven nun ambiente galegofalante; hai falantes de galego bilingües, e hai os neofalantes, que proceden do castelán. As características de cada un deles son distintas. O falante espontáneo ten unha fonética e unha gramática máis enxebres, e no seu léxico pode haber máis castelanismos. No neofalante podes encontrar un léxico máis depurado. Non é fácil dar unha resposta xeral.

—Algo que parece moi sinxelo é a colocación dos pronomes, pero a día de hoxe continúan empregándose mal...

—Esa perspectiva é a de neofalante. Para un falante nativo non é un problema. Se o aprendiches de pequeno, nin te dás conta ao colocalos. Se ti aprendes o galego como unha segunda lingua e procedes do castelán, vai ser un problema, porque as regras para colocar os pronomes son diferentes entre os dous idiomas. É unha dificultade típica para os neofalantes.

Desde a túa perspectiva como filólogo, que opinión tes sobre a linguaxe inclusiva?

—Creo que responde a unha esixencia moi comprensible daqueles grupos sociais que se senten invisibilizados polas pautas correctas do uso da lingua, tipicamente na cuestión de xénero co uso do feminino e o masculino. Estase detectando un problema real ao que hai que buscarlle unha solución. Vexo esta reivindicación con simpatía.

—Se alguén quere comezar a mergullarse na literatura galega, que autores e obras recomendarías tanto en narrativa coma en poesía?

—Na narrativa recomendaríalle a Carlos Casares con Os escuros soños de Clío, e na poesía, a Luís Pimentel con Sombra do aire na herba.

—Luísa Villalta foi a homenaxeada nestas Letras Galegas. Que obra destacarías?

—Salientaría a súa obra poética. Non é excesivamente abundante, xa que morreu moi nova.

Cada vez vemos máis produtos audiovisuais de aquí que non teñen unha dobraxe ao galego. Cres que é importante coidalo?

—É importante, porque temos uns profesionais excelentes e unha gran calidade da lingua no audiovisual. Deberiamos ter máis películas en galego. Penso sobre todo no público infantil. Fóra disto, son partidario de ver as películas en versión orixinal con subtítulos. Por outra parte, no audiovisual galego hai cousas logradísimas, como o caso de Matria. Está moi coidada a linguaxe.

O «Xabarín Club» fixo moito pola lingua no público infantil...

—Deberiamos retomar o proxecto enteiro, con esa capacidade de asociar toda a rapazada. Agora que se di iso de que hai tanta oferta noutras canles, no Xabarín Club non só destacaban os contidos audiovisuais infantís, senón a existencia dun club. Iso creaba un ambiente no que se facían actividades. O seu éxito vén de aí, de que os rapaces e rapazas tiñan a posibilidade de formar parte dun club e ter un contacto cos personaxes do Xabarín, como co porco. Por moitas canles que haxa agora, iso non o pode dar ningunha televisión que non sexa a Televisión de Galicia, que é a que ten a radicación no territorio. Ademais, nestes tempos poderíase aproveitar a interactividade. Para min sería unha das grandes apostas para fomentar o uso do galego na infancia.