Un inútil que amamos

Mercedes Corbillón

FUGAS

El escritor ourensano Juan Tallón.
El escritor ourensano Juan Tallón. ALEJANDRO CAMBA

28 sep 2024 . Actualizado a las 08:32 h.

Fóra da literatura, é practicamente un inútil, iso declarou o pai de Xoán Tallón no documental que sobre o escritor filmou o director Simón Saibene, cinéfilo italiano en Ourense, que ten a manía de ser un lugar artístico, como se non lle chegase con ser unha cidade con río e ponte romana, ademais de presidentes da deputación e outros animais políticos externalizables.

Ourense non é o máis importante da última novela de Tallón, pero está aí. Baixo a mirada dos bos escritores, os lugares edifícanse como míticos sen necesidade de impostar a beleza. Non é necesaria porque nun polígono industrial tamén agroman as historias e a natureza incomprensible do ser humano, que nunca sabe quen é, e, o peor, non sabe quen quere ser.

Os seres humanos morremos e en Ourense, cidade milenaria, andan moi atentos á morte, non porque lles chegue antes, se non seguramente porque teñen máis tempo para pensar nela. Foi Tallón quen me ensinou que os lectores sempre deben saber en que se gana a vida o protagonista. O seu dedícase ao negocio funerario e viaxa, como todos os empresarios tirando a grandes, a unha feira do sector en México. Nun momento dado, ábrese unha porta. O que finalmente se abre son as portas da percepción que dan paso a outro mundo, como fan cada noite os soños, e esa greta da realidade quizais converte El mejor del mundo na novela máis galega de Tallón. Na presentación levada polo vento da conversa por outro ourensán brillante, Tito Asorey, director teatral, lector exquisito, ademais de actor guapísimo, saíron referencias como Kafka, Borges, Cortázar, pero ao rematar unha lectora tímida acercouse e díxome que ela lle encontraba moito de Risco ou de Otero Pedrayo. Quizais Ourense está máis presente do que o autor pretendía, máis atento a xogar xogos novos en taboleiros coñecidos por aquilo de sonar verdadeiro.

Todo en Tallón é verdade porque todo en Tallón é literatura. Cada cousa, cada obxecto, cada sentimento, cada pensamento, cada palabra das súas novelas e da súa vida son literatura. É moi emocionante ver cantos somos os que queremos somerxernos nas fendas que el nos abre. Fóra de aí todo é útil e nada importante.